Super Bowl I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Super Bowl I
Data15 de xaneiro de 1967
SedeCalifornia Os Ánxeles, California
EstadioL.A. Memorial Coliseum
Asistencia61.946 espectadores
ÁrbitroNorm Schachter
MVPBart Starr (QB)
FavoritosPackers por 14
HimnoBandas das Universidades de Arizona e Míchigan
Show descansoAl Hirt e a banda da Universidade de Arizona e Grambling State
Audiencia51,18 millóns
Prezo anuncio$ 42.000 (por 30 s)

O primeiro Partido polo Campionato Mundial da AFC-NFC (inglés: AFL-NFL World Championship Game), coñecido retroactivamente como Super Bowl I, naquela altura chamado de forma informal nos medios ou na retransmisión radiofónica como a Super Bowl,[1] foi o partido que enfrontaba aos campións da National Football League (NFL) e da American Football League (AFL) de fútbol americano de 1966. Por parte da NFL xogaron os Green Bay Packers, que venceron aos Kansas City Chiefs da AFL por 35−10.

Os Packers e os Chiefs no primeiro partido polo Campionato Mundial da AFC-NFC (Super Bowl I).

Naquela altura existía unha considerábel aversión entre a National Football League (NFL) e a American Football League (AFL). A chegada deste partido supuxo pois unha gran presión por gañar para os equipos campións das respectivas ligas. Os Chiefs chegaban ao partido cun rexistro de once vitorias, dúas derrotas e un empate (11-2-1), e tras vencer aos Buffalo Bills por 31−7 na final da AFL. Por outra banda os Packers acabaran a temporada con doce vitorias e dúas derrotas (12-2), gañando aos Dallas Cowboys por 34–27 na final da NFL. Aínda así, tanto seareiros como xornalistas deportivos consideraban que calquera equipo da máis antiga NFL era inmensamente superior a calquera franquía da novidosa AFL, polo cal se agardaba que os Packers varresen aos Chiefs.[2][3]

A primeira metade da Super Bowl I foi bastante competida, de feito os Chiefs superaron en iardas totais aos Packers, 181–164. Con todo, os de Green Bay acudirían ao descanso gañando 14–10. A comezos do terceiro cuarto, o safety de Green Bay Willie Wood interceptou un pase e retornouno cincuenta iardas até a liña de cinco iardas.[4][5][6] Esta mudanza de posesión levou aos de Green Bay a anotar 21 puntos nos dous últimos cuertos sen resposta por parte do equipo rival. O quarterback dos Packers Bart Starr, que completou 16 de 23 pases (69,57%) para 250 iardas e dous touchdowns, así como unha intercepción, foi nomeado MVP do partido.

Esta edición permanece aínda como a única Super Bowl en ser retransmitida por dúas canles diferentes de forma simultánea. Isto foi debido a que a NBC posuía os dereitos televisivos da AFL, mentres que a CBS tiña os dereitos da NFL, sendo ambas autorizadas a emitir o encontro.[7] O primeiro espectáculo do descanso da Super Bowl consistiu en bandas de música universitarias de Arizona e Grambling State en lugar dos cantantes e músicos habituais nas últimas edicións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MacCambridge, Michael (04-02-2011). "Five myths about the Super Bowl". The Washington Post. Consultado o 06-02-2018. 
  2. Felser, Larry (2008). Birth of the New NFL: How the 1966 NFL/AFL Merger Transformed Pro Football. Guilford, CT: Lyons Press. p. 31. ISBN 978-1-59921-762-8. 
  3. Gruver, Ed (1997). The American Football League: A Year-by-Year History, 1960–1969. Jefferson, NC: McFarland. p. 218. ISBN 0-7864-0399-3. 
  4. Kuechle, Oliver E. (January 16, 1967). "Interception vital". Milwaukee Journal. p. 15, part 2. 
  5. "Wood's steal changed our plans: Stram". Milwaukee Sentinel. UPI. January 16, 1967. p. 1, part 2. 
  6. Clines, Frank (August 3, 1989). "Wood shrugs off interception". Milwaukee Journal. p. 6C. 
  7. "Football's Super Bowl scheduled Jan. 15 at Los Angeles". Lewiston Morning Tribune ((Idaho)). December 14, 1966. p. 10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]