Sonic the Hedgehog

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sonic the Hedgehog ou "Sonic o ourizo" é unha serie de videoxogos de SEGA ademais de ser o nome do personaxe principal da saga, sendo a mascota da compañía.

Tamén está presente en cómics, debuxos animados e libros. O primeiro videoxogo desta saga foi creado en 1991 na consola Sega Mega Drive (ou Genesis, como é coñecida nos EUA). A velocidade é a nota característica do protagonista no primeiro xogo, que revolucionou o mundo das videoconsolas é arrebatou temporalmente o monopolio dos videoxogos a Nintendo. Sonic the Hedgehog tivo unha secuela en 1992, Sonic the Hedgehog 2 (no que se presentaba un novo amigo de Sonic, "Tails"), que recolleu se cabe máis loubanzas e éxito de vendas. Houbo tamén dúas entregas cos mesmos nomes nas consolas de 8-bits (Master System e Game Gear) coas correspondentes boas críticas.

Destácase tamén na consola Mega CD o "Sonic CD", que é considerado por unha gran cantidade de fans como a obra mestra de Sonic, se ben non tivo o éxito esperado debido ao fracaso da consola. O último proxecto con éxito na clásica Mega Drive foi o Sonic 3 & Knuckles, que se puxo á venda en dous xogos separados, Sonic 3 e Sonic & Knuckles, por limitacións de tempo, se ben ambos xogos formaban parte do mesmo proxecto desde o principio. Tivo unha boa recepción e un éxito en vendas, aínda que lixeiramente menor que o Sonic the hedgehog 2.

Tras unha serie de xogos con pouco éxito, SEGA publica un novo xogo en 1999 na consola DreamCast, chamado "Sonic Adventure" que volveu a recoller boas críticas e que é considerado o xogo que máis vendeu naquela consola. Este xogo tivo unha secuela, Sonic Adventure 2 (2001), que tivo boas críticas, aínda que non tan boas como na primeira parte. Tras esta entrega xurdiron unha serie de xogos que acarrearon críticas mixtas e niveis de venda moito máis baixos. Sonic Colors (2010) e Sonic Generations (2011) foron mellor valorados. En 2017 foi publicado Sonic Mania, que acadou valoracións positivas xeralizadas de consumidores e as revistas especializadas, e Sonic Forces, con críticas mixtas.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre videoxogos é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.