Master System

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.
Master System Logo.svg
Sega Master System
Sega Master System II
Master System Super Compact
Sega Light Phaser

A Sega Master System (abreviado SMS) (Xaponés: マスターシステム), é unha videoconsola de 8-bit creada por Sega.

Historia[editar | editar a fonte]

O Mark III foi lanzado en Xapón o 20 de outubro de 1985. Foi redeseñado e posto á venda nos Estados Unidos baixo o nome Sega Master System en xuño de 1986, un ano despois do lanzamento por parte de Nintendo da NES. O prezo inicial era duns 200 dólares. A Master System foi lanzada despois noutros países, incluíndo un segundo lanzamento en Xapón co seu novo nome en 1987, incluíndo integrado na máquina unha unidade FM para mellorar o son dos xogos (e que era un periférico para o Mark III).

A pesar de que a Master System era tecnicamente máis avanzada nalgúns aspectos que a NES, non conseguiu o mesmo nivel de popularidade entre os consumidores estadounidenses. Isto foi atribuído a varias causas, entre elas a diferenza de títulos dispoñibles para cada plataforma, e o lixeiramente posterior lanzamento da Master System. O contrato de licenza que Nintendo tiña coas compañías programadoras de xogos tamén tivo un gran impacto; este trato incluía que unha compañía que producira xogos para a NES tiña que facelo de forma exclusiva para esta máquina. A Master System vendeu 125.000 unidades nos seus primeiros catro meses neste país. No mesmo período, a NES vendeu 2.000.000.

Nintendo tiña daquela o 90 % do mercado norteamericano. Hayao Nakayama, entón CEO de Sega, decidiu non usar demasiado esforzo en dar promoción á consola nun mercado totalmente dominado pola NES. En 1988, os dereitos da Master System en Norte América foron vendidos a Tonka, pero a súa popularidade seguiu en declive. Este movemento foi considerado moi negativo, xa que Tonka nunca fixera promoción dun sistema de videoxogos antes, e non sabía realmente que facer con el.

En 1990, Sega estaba tendo éxito ca súa Mega Drive (chamada Genesis nos Estados Unidos), e volveu facerse cós dereitos que tiña Tonka sobre a SMS. Deseñaron a Sega Master System II, redeseñando a consola, pero que tiña algunhas limitacións para manter os custos de produción máis baixos (eliminación do botón de reset, o slot para tarxetas da máquina orixinal, etc). Sega fixo todo o posible para relanzar o sistema, pero non conseguiu o resultado que agardaba.

Para 1992, as vendas da Master System en Norte América eran xa totalmente nulas, e a súa produción foi detida. As vendas foron pobres en Xapón tamén, polo dominio do principal competidor, Nintendo, e a súa NES (Famicom en Xapón).

En Europa, Sega lanzou a Master System en varios países, incluíndo algúns nos que Nintendo non estaba vendendo as súas consolas. Tivo certo éxito en Alemaña, onde foi distribuída por "Ariolasoft" desde o inverno de 1987. En Europa moitas compañías deron soporte á SMS, e como resultado, superou en vendas á NES neste continente. A Master System recibiu apoio ata 1996 en Europa. Neste ano interrompeuse porque Sega precisaba concentrarse na súa nova máquina, a Sega Saturn.

As vendas da SMS en Australia non foron tan fortes coma as da NES, pero de todos xeitos foi capaz de gañar unha boa parte do mercado.

Brasil foi un dos países onde a SMS tivo un maior éxito. Alí foi distribuída por Tec Toy, unha compañía dese país, baixo licenza de Sega. Aquí foron lanzados novos modelos da Sega Master System despois da Master System II (SMS III, Master System Super Compact...), e algúns xogos foron traducidos ó portugués. Os personaxes dalgúns deses xogos traducidos foron modificados por outros famosos nese país (por exemplo, Wonder Boy in Monster Land foi cambiado por Mônica, o personaxe principal dun cómic para nenos popular en Brasil, creado por Maurício de Sousa).

Máis tarde na súa vida en Brasil, varios xogos para a Game Gear tiveron conversión á Master System, e varios xogos orixinais brasileiros foron programados. Tec Toy tamén produciu unha versión baixo licenza do popular xogo de pelexas Street Fighter II. A pesar das limitacións da consola, foi una conversión moi lograda. Durante os días finais da Master System en Brasil, os xogos foron en xeral dirixidos cara os nenos.

A Sega Master System aínda é producida no Brasil. A última versión é a "Master System III Collection". Usa o mesmo deseño externo da Master System II, pero en cor branca, e vén en dous versións: unha con 74 xogos e outra con 105, integrados nunha memoria ROM interna. Pero xa son difíciles de obter as lentes 3D, a pistola e incluso cartuchos de xogos, polo que os brasileiros teñen que conformarse cos xogos incluídos.

En xeral, a SMS tivo un éxito importante a nivel mundial, pero non conseguiu capturar ó público xaponés e ó estadounidense. Sega aprendeu dos seus erros conseguindo facer da Mega Drive un gran éxito en Europa e Brasil, e o equivalente norteamericano, a Genesis, popular. O fracaso da Master System influíu no posterior éxito da Mega Drive.

Especificacións técnicas[editar | editar a fonte]

  • CPU: Zilog Z80 de 8-bit
  • Gráficos: VDP (Video Display Processor) derivado do TMS9918 de Texas Instruments
    • Ata 32 cores simultáneas dispoñibles (16 para sprites, 16 para fondos) dunha paleta de 64 (pode tamén mostrar 64 cores simultáneas empregando algúns trucos de programación), e un total de 256 cores posibles
    • Resolución de pantalla de 256x192 e 256x224. Os modelos PAL/SECAM tamén soportan 256x240
    • Caracteres de 8x8 pixels, cun máximo de 488 (debido á limitación de espazo da VRAM)
    • Sprites de 8x8 ou 8x16 píxeles, máximo 64
    • Scroll de pantalla horizontal, diagonal, vertical, e parcial
  • Son (PSG): Texas Instruments SN76489
    • 4 canles de son mono
    • 3 xeradores de son, cada un de 4 oitavas, 1 xerador de son branco
  • Son (FM): Yamaha YM2413
    • 9 canles de son FM mono
    • incluído nas Master System xaponesas / non soportado no resto do mundo
    • dispoñible como módulo opcional para o Mark III
    • soportado só por algúns xogos
  • ROM: de 64 kbit (8 kB) ata 2048 kbit (256 kB), dependendo do xogo integrado
  • RAM principal: 64 kbit (8 kB)
  • VRAM: 128 kbit (16 kB)
  • Ranura para xogos en formato tarxeta (só Mark III e Master System 1)
  • Ranura para xogos en formato cartucho
    • As máquinas xaponesas empregan cartuchos de 44 pins, idénticos ós empregados no SG-1000
    • As consolas non xaponesas empregan cartuchos de 50 pins, cunha forma diferente
    • Esta diferenza é unha forma de protección rexional
  • Ranura de expansión

Xogos notables[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]