Nunha asemblea da Florida West Coast Racing Association celebrada en Sarasota (Florida), en marzo de 1931, xurdiu a idea de crear unha pequena embarcación de regatas que puidese transportarse facilmente nun remolque. William Crosby, enxeñeiro naval e director da revista "Rudder", que asistía á asemblea, comprometeuse a realizar o proxecto e a publicar os planos do barco na súa revista, para darlle a maior promoción posible. O nome de snipe (becacina cabra en galego), elixiuse seguindo o costume de Crosby de darlle nomes de aves acuáticas a todos os seus deseños. O resultado foi un éxito. No ano 1932 xa se fabricaran 150 unidades, e formouse a Snipe Class International Racing Association (SCIRA), converténdose en xullo de 1936 na clase co maior número de embarcacións do mundo.
O primeiro Campionato Mundial da Clase, que se denomina "'Trofeo Hub E. Isaacks'", disputouse en Long Island Sound (Nova York) en 1934, organizado polo New Rochelle Yacht Club. Pero cando se converteu realmente nun verdadeiro Campionato do Mundo con categoría internacional foi en 1946, na edición celebrada no Lago Chautauqua, tamén en (Nova York) . En 1947 celebrouse por primeira vez fóra dos Estados Unidos, no Lago Leman de Xenebra, en Suíza.
Na actualidade é unha das embarcacións de vela lixeira máis populares que existen, con preto de 900 frotas en 26 países, e converteuse na columna vertebral da vela de competición. O deportista galego máis destacado nesta categoría foi Cholo Armada, que en 1960 quedou subcampión de Europa e en 1961 cuarto do mundo nunha tripulación co tamén viguésXulio Ribó.
O Trofeo Hub E. Isaacks, doazón do primeiro comodoro da SCIRA, e propiedade da SCIRA, concédeselle á frota do patrón gañador, que se responsabiliza de custodialo e conservalo, así como de enviarllo debidamente embalado ao lugar designado para o seguinte campionato. O nome do patrón gañador, o ano, o nome da súa frota e o do seu país de orixe gravaranse de forma uniforme sobre o trofeo. Desde 1949 dispútase cada dous anos, no canto de anualmente. Durante 1943 e 1944 non se disputou, debido á segunda guerra mundial.