Sluck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sluck (en belaruso: Слуцк; en ruso: Слуцк; en polaco: Słuck, en lituano: Sluckas) é unha vila de Belarús situada á beira do río Sluč, a 105 km ao sur de Minsk. En 2010 a súa poboación era de 61.400 habitantes. A vila é o centro administrativo do distrito homónimo, pertencente á rexión de Minsk.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras mencións da vila datan de 1116, cando era parte do ducado de Turaŭ e Pinsk, mais en 1160 pasou a ser a capital dun ducado separado. A partir dos comezos do século XIV pasou a pertencer ao Gran Ducado de Lituania, e o seu territorio estaba controlado polas familias Olelkovich e Radziwiłł, que fixeron da vila un centro da Igrexa reformada polaca.

Logo da segunda partición de Polonia en 1793, a vila pasou a formar parte do Imperio Ruso. Foi ocupada polo Imperio Alemán en 1918 e pola Segunda República de Polonia entre 1919 e 1920 durante a guerra polaco-soviética.