Sixilarias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As sixilarias (en latín sigillaria) eran unhas festas que se celebraban na antiga Roma despois das Saturnais, como último día destas[1] ou, segundo outra opinión, catro días antes delas.

Recibían tamén este nome as figuriñas de cerámica ou ás veces de ouro, prata ou cera que durante esas festas se ofrecían a Saturno (sigilla). O mito das sixilarias, segundo Macrobio, é o seguinte: Hércules, despois de matar a Xerión, ao conducir a través de Italia os rabaños de bois que arrebatara á súa vítima, botou no río Tíber algunhas estatuíñas, unha por cada compañeiro que perdera na viaxe, co obxecto de que ao chegaren aquelas ao mar, co curso propicio das augas, fosen devoltas á terra maternal dos defuntos. Dese modo o costume de facer esas figuriñas acabou sendo unha práctica relixiosa.

Estas estatuíñas adoitaban representar a algunha divindade ou personaxe mitolóxico, como Hércules, Minerva, Apolo Sauroctonos, Vitoria, Dánae ou Xacinto ou ás veces eran de "tipo puramente fantástico, como un hermafrodita ou un chepudo."[2]

Tamén se chama sixilaria o lugar onde se vendían ditas estatuíñas.[3] En Roma había unha rúa denominada Via Sigillaria, onde se producían e vendían.[2] Os vendedores tamén adoitaban colocar postos de vendas temporais durante as festas no Campo de Marte e no pórtico dos baños de Traxano, que segundo Xuvenal tapaban as pinturas de Xasón e os Argonautas do Pórtico dos Argonautas.[4] Sixilario (sigillarius) era a persoa que fabricaba ou vendía as estatuíñas, que tal vez era unha especialización da cerámica de terra sigillata.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

Parte do contido deste artigo incorpora material do tomo 56 da Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-Americana (Espasa), cuxa publicación foi anterior a 1944, polo que está en dominio público.

  1. Robert A. Kaster, Macrobius: Saturnalia Books 1–2 (Loeb Classical Library, 2011), pp. 81 (nota 110) e 110 (nota 178).
  2. 2,0 2,1 Thomas, Emile (1899). Roman Life Under the Caesars. G. P. Putnam's sons. pp. 132–136. Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  3. Caroline Vout, Power and Eroticism in Imperial Rome (Cambridge University Press, 2007), p. 152.
  4. Scholiast to Juvenal 6.154; Lawrence Richardson, A New Topographical Dictionary of Ancient Rome (Johns Hopkins University Press, 1992), p. 398; Holleran, Shopping in Ancient Rome, pp. 191–192.
  5. Claire Holleran, Shopping in Ancient Rome: The Retail Trade in the Late Republic and the Principate (Oxford University Press, 2012), p. 192.