Sinagoga de Delft

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sinagoga de Delft
Fachada da sinagoga
Edificio
TipoSinagoga
EstiloNeoclasicismo
EnderezoKoornmarkt, 12.
Localización Delft
Holanda Meridional
Países Baixos Países Baixos
Coordenadas52°00′31″N 4°21′35″L / 52.008611, 4.359722Coordenadas: 52°00′31″N 4°21′35″L / 52.008611, 4.359722
Uso(s)Centro relixioso e cultural
Construción
Construción1861-1862
editar datos en Wikidata ]

A sinagoga de Delft é unha sinagoga de estilo neoclásico situada na praza Koornmarkt, ao pé da canle Nieuwe Delft, da cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos.

O edificio, construído entre os anos 1861 e 1862 para levar a cabo as celebracións relixiosas da poboación xudía, presenta unha fachada branca á maneira dos templos xónicos. En 1967 acadou a consideración de monumento nacional dos Países Baixos (rijksmonument).[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Prolegómenos[editar | editar a fonte]

O número de persoas de relixión xudía medrou considerablemente en Delft durante a primeira metade do século XIX, partindo das 29 que en 1811 se contabilizaron por mor da obriga de Napoleón de rexistrar os nomes das familias. Por este motivo, xurdiu a necesidade de fundar a primeira comunidade xudía na cidade, en 1821, que celebraba os seus servizos relixiosos nunha casa particular.

Posteriormente, en 1861, á medida que a comunidade seguía expandíndose, Léon Winkel tivo a iniciativa de crear unha comisión para estudar a posibilidade de construír unha sinagoga.

A sinagoga como centro relixioso[editar | editar a fonte]

Situación da sinagoga ao pé da canle

O proxecto púxose en marcha axiña grazas ás numerosas achegas económicas, chegadas mesmo do rei Guillerme III, e o 8 de outubro dese mesmo ano colocábase a primneira pedra do edificio. 

A mediados de agosto de 1862 concluíuse a construción da sinagoga, que foi formalmente inaugurada o día 22 dese mesmo mes polo gran rabino da Haia.

Tras un período de prosperidade nos anos seguintes ao establecemento da sinagoga, a cantidade de membros da comunidade minguou ata as 100 persoas durante a primeira guerra mundial e 46 en 1938. Tras o bombardeo de Rotterdam, algúns xudeus desa cidade establecéronse en Delft, pero entre 1942 e 1943 todos os xudeus da cidade foron deportados. Ao acabar a guerra, soamente 12 destas persoas regresaron a Delft e, ao vérense incapaces de manter a sinagoga, esta foi comprada polo Concello de Delft en 1949 e o edificio deixou de utlizarse para o seu propósito orixinal como centro relixioso

No entanto, desdea creación en 1996 da Fundación para a Conservación da Sinagoga de Delft, que recomprou o edificio, e, en 2006, da comunidade xudía OJG Klal Israël, recuperouse o seu uso relixioso, aínda que só esporadicamente.[2]

Ademais, o edificio utilízase tamén como centro cultural para actividades diversas.[3]

Elementos arquitectónicos[editar | editar a fonte]

Detalle do interior da sinagoga

A sinagoga construíuse cun estilo neoclásico e cunha fachada que lembra a dos templos xónicos, diante da cal hai un patio pechado por unha reixa metálica con adornos que lembran as estrelas de David.

Dentro da sinagoga está a Arca da Alianza rodeada de elementos corintios, columnas e un taboado de fronte curvada.

A maioría dos elementos orixinais da sinagoga desapareceron durante os anos en que estivo abandonada. No entanto, tras a restauración, de 2002 dispúxose unha vidreira na que se pode ver unha representación detes elementos.

Un dos aspectos máis salientables son os coloridos paneis a ambos os lados da Arca, que datan de 1887 e foron restaurados en 1977.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Catalogación do edificio no Rijksmonumentenregister Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine.. (En neerlandés)
  2. Información sobre a vida desta comunidade Arquivado 27 de outubro de 2017 en Wayback Machine.. (En inglés)
  3. Historia da sinagoga de Delft no sitio web oficial. (En francés e inglés)
  4. Datos sobre o edificio da sinagoga, na súa web oficial. (En francés e inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]