Simón Láscaris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSimón Láscaris
Biografía
Arcebispo católico
1660 – – Nilo Catalano (pt) Traducir →
Diocese: Archdiocese of Durrës (en) Traducir
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica e Igrexa Greco-católica Albanesa Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote católico , bispo católico Editar o valor em Wikidata

Simón Láscaris, tamén coñecido como Simeón Láscaris, foi un eclesiástico greco-católico, da nobreza bizantina e de relixión cristiá ortodoxa antes da súa conversión, arcebispo de Durrës dende 1660 até o seu pasamento.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e misión a Himara[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia da nobreza bizantina, de relixión cristiá ortodoxa. A familia Láscaris estabelecérase na illa de Creta, mais moitos membros da mesma fuxiron a Italia logo da conquista de Creta polos otománs. Simón marchou a Constantinopla, onde o patriarca Xoanicio II nomeouno o 22 de marzo de 1656 arquimandrita, e enviouno a Venecia como exarca patriarcal. En Venecia, en data descoñecida, converteuse ao catolicismo, o que lle levou a enfrontamentos coa colonia grega. Marchou a Ferrara e posteriormente a Rávena, e finalmente a Roma, onde permaneceu nos primeiros meses de 1658. A finais de ano marchou á rexión de Himara, no Epiro setentrional baixo dominio otomán.[1]

A rexión de Himara, con certa autonomía, carecía dun sistema xudicial, polo que Láscaris nomeou xuíces e maxistrados a petición da poboación. A rexión pertencía entón ao arcebispado ortodoxo de Ohrid, e o arcebispo Atanasio II aceptou a unión coa Igrexa católica pola predicación de Láscaris. Como agradecemento, Atanasio II consagrou a Láscaris arcebispo de Durrës, enviándoo de volta a Italia co título de metropolita de Durrës e Dalmacia e exarca de Iliria e levando dúas cartas de Atanasio, unha delas para o papa Alexandre VII.[1]

O seu nomeamento episcopal, porén, non foi aceptado por Propaganda Fide por ter feito por un bispo en cisma, e por considerar que o arcebispo de Ohrid non tiña xurisdición sobre Durrës. Láscaris pediu entón ao papa, o 24 de maio de 1660, que acollera a Atanasio II, e o 4 de setembro Alexandre VII escribiu un breve a Atanasio II onde acollía a súa unión e aceptaba a consagración de Láscaris, quen era enviado de volta.[1]

Segunda estancia en Himara[editar | editar a fonte]

A finais de 1660 Láscaris volveu a Himara para continuar a misión de Neofito Rodinò, acompañado de dous alumnos do Pontificio Colexio Grego, Arcadio Stanilas e Onofrio Constantini. Tiveron boa acollida entre a poboación, pero non por parte das autoridades locais civís (venecianas e otomás) e relixiosas, que lle dificultaron a súa labor. No verán de 1661 os otománs atacaron a rexión, e Simón tivo que esconderse. Ademais da súa actividade relixiosa e a prol da unión coa Santa Sé, levou a cabo unha actividade a favor da Coroa de España e de lexislación local.[1] A persecución afectou tamén á súa familia, que tivo que emigrar de Creta a Sicilia.

O 16 de xuño de 1662 o metropolita Calínico II de Ioannina excomungouno pola súa tarefa misional a prol do catolicismo, e pedía aos habitantes que lle evitasen. Os habitantes de Himara e Vuno defenderon a Simón, e expulsaron a Calínico, aducindo que Simón era vítima dunha conspiración.[1] Atanasio II e Simón Láscaris excomungaron aos conspiradores.[1] Ás dificultades relixiosas uníronse dificultades bélicas, e os habitantes de Himara pediron a Simón que se retirara até que mellorara a situación coas autoridades civís e relixiosas.[1] Ao non ter efecto a excomuñón, Calínico II acudiu aos otománs acusándolle de promover a sublevación contra eles, e Láscaris retirouse para salvar a vida e evitar perigos aos habitantes de Himara. Marchou a Corfú xunto a Atanasio II, quen lle nomeou vigairo patriarcal en Roma nunha carta do 19 de setembro de 1662.[1] A súa estancia en Corfú prolongouse durante varios meses.[1] Finalmente, Propaganda Fide liberou a Láscaris das súas responsabilidades misioneiras o 3 de xullo de 1663.[1]

Primeira estancia en España[editar | editar a fonte]

Logo de ser relevado das súas responsabilidades, tentou viaxar a Roma mais non recibiu permiso por parte da Congregación, e Láscaris finalmente deixou os seus servizo e pasou a España.[1] Na Corte solicitou unha compensación económica polos seus servizos á Igrexa e á Coroa, e pola persecución recibida tanto por el mesmo como pola súa familia, e o rei aceptou a súa petición.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Floristán Imízcoz, José Manuel (2013). "Simón Láscaris, Arzobispo de Durazzo: sus servicios a la corona de España". Erytheia: Revista de estudios bizantinos y neogriegos (34): 161–206. ISSN 0213-1986. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Floristán Imízcoz, José Manuel (2013). "Simón Láscaris, Arzobispo de Durazzo: sus servicios a la corona de España". Erytheia: Revista de estudios bizantinos y neogriegos (34): 161–206. ISSN 0213-1986. 
  • Floristán Imízcoz, José Manuel (2014). "Simón Láscaris y la misión de Chimarra (Himarë) en el Epiro del norte: nuevos documentos inéditos". Orientalia christiana periodica 80 (2): 433–500. ISSN 0030-5375. 
  • Sciambra, Matteo (1963). "Clero di rito greco che ha servito la comunità greco-albanese di Palermo". Bollettino della Badia Greca di Grottaferrata (I) (17): 3–28. ISSN 0005-3783. 
  • Sciambra, Matteo (1964). "Clero di rito greco che ha servito la comunità greco-albanese di Palermo". Bollettino della Badia Greca di Grottaferrata (II) (18): 113–176. ISSN 0005-3783.