Exarca (cristianismo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Un exarca é, no cristianismo oriental, unha autoridade eclesiástica que actúa en representación dun patriarca (ou equivalentes), ou que ten autoridade sobre outros bispos sen ser un patriarca, ou que ten autoridade sobre un grupo de fieis non suficientemente extenso como para constituír unha eparquía ou diocese.

Historia do termo[editar | editar a fonte]

O título de exarca (do grego antigo: ἔξαρχος) empregábase orixinalmente para aquel bispo metropolitano cunha xurisdición maior que a da súa propia provincia eclesiástica, e neste sentido até o concilio de Calcedonia os patriarcas eran denominados "exarcas".[1][2] Cando se adoptou o título de patriarca para os bispos de Roma, Alexandría e Antioquía, o título quedou para os metropolitas que dirixían as outras tres dioceses da división de Diocleciano da prefectura do pretorio de Oriente, isto é, os exarcas de Asia (con sé en Éfeso), o Ponto (con sé en Cesarea de Capadocia) e Tracia (con sé en Heraclea); a xurisdición destes exarcas desapareceu coa elevación da sé de Constantinopla, aínda que se mantiveron como título honorífico.[1][2]

Posteriormente o título foi empregado de xeito ocasional para calquera tipo de bispo metropolitano. En occidente o termo desapareceu de xeito gradual, sendo remprazado polos títulos de "vigairo apostólico" e "primado";[1][2] algúns casos existentes constitúen unha excepción, como no caso do arcebispo de Lión Héracle de Montboissier, quen foi nomeado "exarca da Borgoña" por Federico I en 1157, aínda que tratábase dun título plenamente honorífico.[3][1]

En oriente o termo evolucionou para significar un bispo que xerarquicamente está entre un patriarca e un bispo metropolitano, seguindo o principio de que non podía haber máis patriarcas que os cinco da pentarquía, e que é independente destes: así, cando a Igrexa de Chipre foi declarada autocéfala, o seu primado recibiu o título de "exarca de Chipre".[1] Do mesmo xeito, as igrexas medievais de Peć, Ohrid e Tarnovo estiveron gobernadas por exarcas, aínda que a miudo estes prelados empregaban o título de "patriarca".[1][2] Posteriormente, cando os ortodoxos búlgaros acadaron a autocefalia en 1870 chamaron ao seu primado exarca de Bulgaria.[1] Os patriarcas orientais en ocasións nomearon exarcas cun episcopado subordinado para xurisdicións eclesiásticas con certa autonomía.[2]

Uso actual[editar | editar a fonte]

Catolicismo[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, a tradición católica oriental recoñece tres tipos de exarcas: aqueles con territorio propio, e exarcas apostólicos, patriarcais ou arquiepiscopais que gobernan un territorio que aínda non constitúe unha diocese.[2][4]

Exarcas con territorio propio[editar | editar a fonte]

O exarca con territorio equivale ao abade territorial na Igrexa latina, e é o superior dun mosteiro independente, con clero e fieis propios.[4] O único exemplo actual é a abadía territorial de Santa María de Grottaferrata.[4]

Exarca apostólico[editar | editar a fonte]

Un "exarca apostólico" é un eclesiástico a quen o papa, bispo da sé apostólica encarga o coidado pastoral dos fieis dunha determinada igrexa oriental nun territorio, coñecida como exarcado apostólico, que non ten sido elevado ao rango de eparquía e que non está situado no territorio canónico dunha destas Igrexas.[4] Correspóndese cun vigario apostólico da Igrexa Latina. Os exarcados apostólicos están inmediatamente suxeitos á Santa Sé, e os patriarcas e arcebispos maiores orientais exercen sobre eles unha supervisión limitada.[4] Os exarcas apostólicos teñen as mesmas atribucións que os bispos diocesanos.[4] Por data de estabelecemento, os exarcados apostólicos son (ou foron) os seguintes:

Exarcas patriarcais e arquiepiscopais[editar | editar a fonte]

De xeito semellante, os patriarcas e arcebispos maiores poden nomear tamén exarcas, coñecidos neste caso como "exarcas patriarcais" ou "arquiepiscopais". Estes exarcas limítanse ao territorio tradicional da súa igrexa particular, e poden ser sufragáneos dunha arquieparquía ou estar directamente suxeitos ao patriarca ou arcebispo maior.[4]

Ortodoxia[editar | editar a fonte]

O termo "exarca" na Igrexa ortodoxa ten sido empregado ao longo do tempo con diferentes significados. Os patriarcas teñen nomeado exarcas con xurisdición sobre outros bispos, normalmente para comunidades eclesiais con certa autonomía.[4] Porén, o significado pouco preciso do termo ten provocado que tamén se empregue para outros representantes patriarcais, arcebispais ou mesmo episcopais.[4] Os representantes dos mosteiros estauropéxicos, directamente suxeiros ao patriarca ou ao sínodo, tamén son chamados exarcas.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Fortescue, Adrian (1913). "Exarch". The Catholic Encyclopedia 5. pp. 676–678. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Nemec, Ludvik (2003). "Exarch". New Catholic Encyclopedia: Ead-Fre 5. Thomson/Gale. p. 502. ISBN 9780787640040. 
  3. Galland, Bruno (1994). Deux archevêchés entre la France et l'Empire: les archevêques de Lyon et les archevêques de Vienne, du milieu du douzième siècle au milieu du quatorzième siècle. Roma: École française de Rome. p. 44. ISBN 2-7283-0299-5. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 4,9 Pospishil, Victor J. (2003). "Exarchy". New Catholic Encyclopedia: Ead-Fre 5. Thomson/Gale. pp. 502–503. ISBN 9780787640040.