Serpe mariña (mitoloxía)
En mitoloxía e criptozooloxía unha serpe mariña ou dragón mariño é un tipo de criatura descrita en varias mitoloxías, notablemente na grega (Ceto, Equidna, Hidra, Escila), mesopotámica (Tiamat), hebrea (Leviatán), e nórdica (Jörmungandr).
Mitoloxía
[editar | editar a fonte]O mitema do Drachenkampf, o deus xefe que exerce o papel de heroe que mata unha serpe de mar, está moi estendido tanto nas relixións e mitoloxías do antigo Oriente Próximo coma nas indoeuropeas. Son exemplos: Lotan e Hadad, Leviatán e Yahweh, Tiamat e Marduk (ver tamén Labbu, Bašmu, Mušḫuššu), Illuyanka e Tarhunt, Yammu e Baal no ciclo de Baal, etc. A Biblia hebrea tamén ten descricións un tanto mitolóxicas de grandes criaturas mariñas como parte da creación baixo as ordes de Deus, como Tanninim mencionado no Libro do Xénese 1:21 e a "gran serpe" de Amos 9:3. Na Eneida, un par de serpes mariñas mataron a Laocoonte e os seus fillos cando Lacoonte argumentou en contra de traer o cabalo de Troia ao interior de Troia.
Na antigüidade e na Biblia, os dragóns eran descritos como enormes monstros serpentiformes, polo que non tiñan a imaxe dun dragón con dúas ou catro patas e ás que apareceu a finais da Idade Media. En moitos dos relatos se di que vivían no mar, como, por exemplo, nos mitos babilónicos de Tiamat, o mito de Hydra, Escila, Cetus e Equidna na mitoloxía grega e talvez o Leviatán.
Na mitoloxía nórdica, Jörmungandr (ou Midgarðsormr) era unha serpe mariña tan longa que circundaba o mundo enteiro (Midgard). Jörmungandr morreu a mans do deus Thor. Algunhas historias informan de mariñeiros que confundían o seu dorso cunha cadea de illas. As serpes mariñas tamén aparecen frecuentemente no folclore escandinavo posterior, especialmente na de Noruega.[1][2]
En 1028 d.C., dise que Santo Olavo matou unha serpe mariña en Valldal, Noruega, lanzando o seu corpo sobre a montaña Syltefjellet. As marcas que presenta esa montaña asócianse con esa lenda.[3][4] Na Carta marina do eclesiástico e escritor sueco Olaus Magnus, aparecen moitos monstros mariños de variadas formas, incluíndo unha inmensa serpe mariña. Na súa obra de 1555 Historia dos pobos do norte (Historia de Gentibus Septentrionalibus), Magnus dá a seguinte descrición dunha serpe mariña norueguesa:
Os que navegan ao longo da costa de Noruega para comerciar ou pescar, todos contan a salientable historia de como unha serpe de impoñente tamaño, de 200 pés de longo e 20 pés de largo, vive en cantís e covas fóra de Bergen. Nas noitas claras do verán esta serpe abandona as covas para comer cuxos, años e porcos, ou aliméntase no mar e come augamares, cangrexos e animais mariños similares. Ten pelo da lonxitude dunha anguía que colga do seu pescozo, escamas negras agudas e ollos vermellos flameantes. Ataca os barcos, atrapa e engole persoas, xa que se ergue da auga como unha columna.[5][6]
Lendas notables
[editar | editar a fonte]Un aparente relato dunha testemuña encóntrase na obra de Aristóteles Historia Animalium. Estrabón fai referencia a un relato dunha testemuña que viu unha criatura mariña morta avistada por Poseidonio na costa do nore de Levante. Informa do seguinte: "En canto ás chairas, a primeira, que empeza no mar, chámase Macras, ou chaira de Macra. Aquí, como informou Poseidonio, foi visto o dragón caído, cuxo corpo morto era de aproximadamente un pletro [30 m] de longo, e tan voluminoso que uns xinetes de pé ao seu carón situados a cada lado non podían verse un a outro; e as súas mandíbulas eran grandes dabondo como para admitir un home montado a cabalo, e cada lámina das súas escamas córneas superaba en lonxitude un escudo oblongo." (Xeografía, libro 16, capítulo 2, parágrafo 17). A criatura foi vista por Poseidonio, un filósofo, nalgún momento no período entre o 130 e o 51 a.C.
Hans Egede, o santo nacional de Groenlandia, deu unha descrición no século XVIII dunha serpe mariña. O 6 de xullo de 1734 o seu barco pasou navegando pola costa de Groenlandia cando de repente os que estaban abordo "viron a máis terible criatura, que non lles lembraba a nada que viran antes. O monstro ergueu a cabeza tan alto que semellaba ser máis alto que a cofa do pau maior. A cabeza era pequena e o corpo curto e engurrado. A descoñecida criatura utilizaba aletas xigantes que a propulsaban pola auga. Posteriormente, os mariñeiros viron tamén a súa cola. O monstro era máis longo que todo o noso barco", escribiu Egede. (Mareš, 1997)
Ademais, hai diversos testemuños modernos de persoas que afirman que viron criaturas mariñas que interpretaron como serpes mariñas, o que deu pé en criptozooloxía a pensar que eses animais podían realmente existir, pero non hai probas contrastadas de que esas interpretacións sexan correctas.
Galería
[editar | editar a fonte]-
Serpe mariña de Olaus Magnus, 1555
-
A primeira serpe mariña americana, albiscada en Cabo Ann, Massachusetts, en 1639
-
Serpes mariñas no Templo de Ama, Macau
-
Serpe mariña representada no escudo de armas de Seljord en Noruega
-
Serpe mariña da que informou Hans Egede, bispo de Groenlandia, en 1734. Henry Lee suxeriu que a explicación era que se trataba dunha lura xigante.
-
A "Gran serpe mariña" segundo Hans Egede
-
Serpe mariña con melena da obra de 1755 do bispo Erik Pontoppidan Historia natural de Noruega
-
A serpe mariña de Gloucester de 1817
-
Unha serpe mariña peluda
-
O esqueleto fósil "Hydrarchos" de Albert Koch de 1845, de 35 m de longo. Descubriuse despois que era un conxunto ensamblado de ósos de polo menos cinco espécimes fósiles de Basilosaurus.
-
Suposta aparición da Gran serpe mariña, desde o H.M.S. Plumper, debuxada por un oficial abordo, Illustrated London News, 14 de abril de 1849
-
Ilustración orixinal dunha serpe mariña enxergada pola tripulación do HMS Daedalus en 1848
-
Peixe sabre que foi arrastrado polas augas a unha praia de Bermuda en 1860. O animal medía 4,8 m de longo e foi orixinalmente descrito como unha serpe mariña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sea Serpent?". de Ask.com. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2013. Consultado o 21 de agosto de 2013.
- ↑ "The Unexplained Mystery of the Sea Serpent". Crypted Chronicles (18 de marxo de 2012). Consultado o 21 de agosto de 2013.
- ↑ "Ormen i Syltefjellet". Arquivado dende o orixinal o 2011-07-24.
- ↑ "Galleri NOR". Nb.no. Consultado o 2014-07-10.
- ↑ "Norse Mythology - Jormungandr". de Oracle Thinkquest. Consultado o 21 de agosto de 2013.
- ↑ Water Monsters. Gail B. Stewart (autor do libro) de Google Books. Consultado o 21 de agosto de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Serpe mariña |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lyons, Sherrie Lynne (2010). Species, Serpents, Spirits, and Skulls: Science at the Margins in the Victorian Age. State University of New York Press. ISBN 978-1-4384-2802-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeo dun peixe sabre, unha criatura que probablemente inspirou a mitoloxía das serpes mariñas.