Síndrome de Estocolmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Antiga sede do Kreditbanken en Norrmalmstorg, Estocolmo

Síndrome de Estocolmo é o nome que adoita darse a un estado psicolóxico particular en que unha persoa, sometida a un período prolongado de intimidación, comeza a ter simpatía e mesmo amor ou amizade polo seu agresor.[1] Á vez, os propios secuestradores amosan sentimentos positivos cara aos reféns.[2][3][4] Desde o punto de vista psicanalítico, as persoas que poden desenvolver ao longo de experiencias infantís cos membros da súa familia ou coidadores, algún trazo de carácter sádico ou masoquista implícito na súa personalidade, poden, en determinadas circunstancias de abuso, desenvolver sentimentos de afecto e apego dirixidos a agresores, secuestradores ou calquera perfil que se axuste á imaxe xeral correspondente a esta síndrome. Tamén existe a posibilidade, amplamente considerada, de que para algunhas persoas vítimas de acoso similar, poidan desenvolver algún mecanismo de defensa inconsciente irracional, nun intento de proxectar sentimentos afectivos na figura do secuestrador ou agresor que poden "suavizar" ou tratar de "negociar" algún tipo de acordo entre a relación vítima/agresor nun intento de reducir a tensión entre as entidades implicadas.

En xeral, estes procesos psíquicos inconscientes e a súa relación entre vítima/agresor pódense entender perfectamente nunha ampla gama de contextos onde se repite a situación do agresor e dos maltratados. Mesmo no caso das mulleres que sofren agresións por parte dos seus cónxuxes e, aínda que a miúdo teñen recursos legais e apoio familiar para abandonar ao agresor, persisten vivindo baixo un ambiente de medo.

Cómpre sinalar que a síndrome de Estocolmo non está recoñecida nalgún dos manuais máis importantes da psiquiatría, como o Diagnostic and Statistical Manual, polo que esta síndrome entraría na categoría de efecto postraumático.[5]

Nome[editar | editar a fonte]

Esta síndrome leva o nome do famoso asalto de Norrmalmstorg[6] no Korritbanken de Norrmalmstorg, Estocolmo, que durou do 23 ao 28 de agosto de 1973. Nese caso, as vítimas continuaron a defender os seus secuestradores mesmo despois de seis días de prisión física e mostraron un comportamento reticente nos procesos xudiciais posteriores. A expresión foi cuñada polo criminalista e psicólogo Nils Bejerot, que axudou a policía durante o asalto e se referiu á síndrome durante un informe. Foi entón adoptado por moitos psicólogos de todo o mundo.

Explicación[editar | editar a fonte]

A síndrome está relacionado coa captura da noiva e temas similares da antropoloxía cultural. Nun principio, as vítimas comezan a identificarse emocionalmente cos secuestradores a través de represalias e/ou violencia. Os pequenos xestos suaves dos secuestradores a miúdo amplifícanse porque o refén non pode ter unha visión clara da realidade e do perigo nestas circunstancias. Por esta razón, os intentos de liberación son vistos como unha ameaza. É importante ter en conta que os síntomas son o resultado dun estrés físico e emocional extremo. O complexo e dubidoso comportamento de afecto e odio simultáneo cara aos secuestradores considérase unha estratexia de supervivencia por parte das vítimas.

Cómpre considerar que o proceso de síndrome prodúcese sen que a vítima teña coñecemento diso. A mente fabrica unha estratexia ilusoria para protexer a psique da vítima. A identificación afectiva e emocional co secuestrador ten lugar para proporcionar unha retirada emocional da perigosa e violenta realidade á que está a ser sometida a persoa. Non obstante, a vítima non se esquece totalmente da súa propia situación, parte da súa mente permanece alerta ante o perigo e isto é o que fai que a maioría das vítimas intenten escapar do secuestrador nalgún momento, mesmo en casos de catividade prolongada.

Non todas as vítimas desenvolven un trauma despois de que a situación remate.

Historia[editar | editar a fonte]

Patricia Hearst durante o atraco protagonizado polo SLA no Banco Hibernia

O 23 de agosto de 1973, Jan-Erik "Janne" Olsson intentou asaltar un Kreditbanke de Estocolmo. Tras verse acurralado tomou como reféns catro empregados do banco, tres mullleres e un home. Entre as súas esixencias estaba que lle levasen a Clark Olofsson, un criminal que nese momento cumpría unha condena. A pesar das ameazas contra a súa vida, mesmo cando foron obrigados a poñerse de pé con sogas arredor dos seus pescozos, os reféns acabaron protexendo o raptor para evitar que fose atacado pola policía.[7][3] Durante o seu cativerio, unha das reféns afirmou: «Non me asusta Clark nin o seu compañeiro; asústame a policía». E trala súa liberación, Kristin Enmark, outra das refénse declarou: «Confío plenamente nel, viaxaría por todo o mundo con el».[8] O psiquiatra Nils Bejerot, asesor da policía sueca durante o asalto, cuñou a expresión «síndrome de Estocolmo» para referirse á reacción dos reféns ante o seu cativerio.[8][3]

Un ano despois, en febreiro de 1974, Patty Hearst, neta do magnate William Randolph Hearst, foi secuestrada polo Exército Simbionés de Liberación. Dous meses despois da súa liberación, ela uniuse aos seus captores, axudándoos a realizar o asalto a un banco. Este caso deulle popularidade á expresión «síndrome de Estocolmo», ao intentar ser usada pola defensa durante o xuízo; non foi aceptado polo tribunal e Hearst foi condenada polo atraco.[8][3] A súa condena de sete anos de prisión foi conmutada posteriormente, e finalmente foi indultada polo presidente Bill Clinton, que indicou que ela non estaba a actuar pola súa propia vontade.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Crime que originou “Síndrome de Estocolmo” completa 40 anos | EXAME". exame.abril.com.br (en portugués). Consultado o 2017-08-07. 
  2. de Fabrique, Nathalie; Romano, Stephen J.; Vecchi, Gregory M.; van Hasselt, Vincent B. (xullo de 2007). "Understanding Stockholm Syndrome" (PDF). FBI Law Enforcement Bulletin (en inglés) (Law Enforcement Communication Unit) 76 (7): 10–15. ISSN 0014-5688. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de novembro de 2012. Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "La controvertida y sorprendente historia del síndrome de Estocolmo". BBC News. 20 de febreiro de 2021. 
  4. "La controvertida y sorprendente historia del síndrome de Estocolmo". Mediline Plus. 17 de agosto de 2020. [Ligazón morta]
  5. "Captor vs. cautivo, 40 años del Síndrome de Estocolmo". BBC (en castelán). 23 de agosto de 2013. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  6. Sherwood, Jody (5 de maio de 2006). "'Stockholm Syndrome' robber turned away by police". The Local (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2013-07-31. Consultado o 25 de abril de 2013. 
  7. «The six day war», artigo de Nils Bejerot, en Stockholm New Scientist, volume 61, número 886, páx. 486-487, 1974 (en inglés).
  8. 8,0 8,1 8,2 "Síndrome de Estocolmo: 40 años del secuestro que le dio origen" (en castelán). Los Ángeles press. 2013. Consultado o 30 de agosto de 2013. 
  9. Adorjan, Michael; Christensen, Tony; Kelly, Benjamin; Pawluch, Dorothy (2012). "Stockholm Syndrome As Vernacular Resource". The Sociological Quarterly (en inglés) 53 (3): 454–74. ISSN 0038-0253. JSTOR 41679728. doi:10.1111/j.1533-8525.2012.01241.x. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]