Síndrome de Dióxenes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Síndrome de Dióxenes
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A síndrome de Dióxenes é un trastorno do comportamento que se caracteriza polo total abandono persoal e social, así como polo illamento voluntario no propio fogar e a acumulación nel de grandes cantidades de lixo e desperdicios domésticos. Afecta, xeralmente, a persoas de avanzada idade que viven soas.

En 1960 realizouse o primeiro estudo científico deste padrón de conduta,[1] e en 1975 bautizouse co nome de «síndrome de Dióxenes».[2][3] Esta denominación fai referencia a Dióxenes de Sinope, filósofo grego que adoptou e promulgou até o extremo a independencia das necesidades materiais e os ideais de privación (o que se coñece como cinismo clásico); emprégase esta denominación porque Dióxenes só levaba consigo o estritamente necesario e, polo tanto, coincide coa conciencia das persoas que sofren esta síndrome xa que cren que todo o que almacenan ou gardan é ou será necesario nalgún momento.

Descrición[editar | editar a fonte]

A persoa que sofre deste trastorno caracterízase polo seu illamento social, chegando a recluírse no propio fogar, ademais de desatender absolutamente a limpeza do mesmo e da hixiene persoal.

Síntomas[editar | editar a fonte]

Tales comportamentos adóitanse atopar en persoas de avanzada idade, aínda que tamén ocorre en xente nova. En xeral son persoas que se senten soas, ou que non superaron a morte dun cónxuxe ou familiar moi próximo, ou presentan cadros depresivos. Nalgúns casos as penurias económicas poden alentar este comportamento, aínda que non é un factor clave. En definitiva, é a soidade o principal factor que desencadea este trastorno.[4]

Unha das peculiaridades desta síndrome, é que cando son dúas as persoas de idade avanzada que conviven xuntas, unha delas pode arrastrar á outra a esta situación.

Este trastorno, que esconde importantes alteracións psiquiátricas, afecta en España a 17 pacientes por cada 10 000 ingresos hospitalarios.[5]

Un dos factores máis importantes no crecemento do número de casos que manifestan este trastorno é o progresivo aumento do número de anciáns que viven sós.

Tratamento[editar | editar a fonte]

O tratamento debe empezar pola detección dos casos de risco, o ingreso nun Hospital Xeral ou Unidade de Xeriatría, e a abordaxe dos trastornos médicos. É indispensable un diagnóstico para saber cal é a patoloxía de base que xera este comportamento.

Débense adoptar as medidas de protección social pertinentes, evitando unha recaída do paciente ás súas condicións previas de vida. Nalgúns casos é preciso tratar a patoloxía psiquiátrica asociada (depresión, delirios crónicos). Se non é posible asegurar a convivencia ou situar o paciente nunha institución social, é preciso facer un seguimento crónico, visitas domiciliarias, e traballo coordinado dos servizos sanitarios (psicólogo, médico, enfermeiro e terapeuta ocupacional) e sociais (traballador social).

O maior obstáculo para tratar estes pacientes é que eles non teñen plena conciencia do seu problema e adoitan rexeitar calquera axuda social. Se non están incapacitados por motivo dalgunha enfermidade psiquiátrica de base ou unha demencia, non poden ser ingresados nunha residencia sen o seu consentimento, co que terminan volvendo ao seu tipo de vida anterior. Con todo, non deben aforrarse esforzos para tratar con terapia estes pacientes co fin de que tomen conciencia do seu trastorno e aprendan a importancia de ter non só unha hixiene persoal adecuada senón unha contorna libre de lixo e espécimes que lles poden causar moitas enfermidades a eles mesmos, á súa familia e veciños.

O comportamento insociable ou de illamento voluntario son factores de risco que lle poden indicar á familia a presenza desta desorde nun dos seus membros. Como en moitas ocasións estas persoas rexeitan a axuda da súa familia e amigos, chegouse a debater se se trata realmente dunha enfermidade ou dun estilo de vida.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Macmillan, D.; Shaw, P. (29 de outubro de 1966). "Senile breakdown in standards of personal and environmental cleanliness." 2 (5521): 1032–1037. ISSN 0007-1447. PMC 1944569. PMID 5919035. Consultado o 19 de decembro de 2022. 
  2. "Web de Medicina.com". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2011. Consultado o 19 de decembro de 2022. 
  3. Clark, A. N. G.; Mankikar, G. D.; Gray, Ian (15 de febreiro de 1975). "DIOGENES SYNDROME: A CLINICAL STUDY OF GROSS NEGLECT IN OLD AGE" (en inglés) 305 (7903): 366–368. ISSN 0140-6736. doi:10.1016/S0140-6736(75)91280-5. Consultado o 19 de decembro de 2022. 
  4. 20minutos (4 de marzo de 2005). "Los casos de síndrome de Diógenes se disparan". www.20minutos.es (en castelán). Consultado o 19 de decembro de 2022. 
  5. "Síndrome de Dióxenes". www.consumer.es (en castelán). 15 de febreiro de 2006. Consultado o 19 de decembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]