Síndrome de Alicia no país das marabillas
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A Síndrome de Alicia no país das marabillas foi documentada por vez primeira en 1952 por C. W. Lippman aínda que non foi bautizada con tal nome ata 1955, polo psiquiatra inglés John Todd, en referencia ao popular conto de Lewis Carroll[1][2], Alicia no país das marabillas.
Síntomas e características
[editar | editar a fonte]Trátase dun trastorno de tipo neurolóxico que se caracteriza por provocar a alteración da percepción visual da forma, tamaño e situación espacial dos obxectos, así coma a distorsión da imaxe corporal e do transcurso do tempo. Poden orixinarse tamén outras ilusións visuais coma a palinopsia (imaxes múltiples), a acromatopsia (falta de percepción da cor) e a prosopagnosia (incapacidade para recoñecer caras)[3].
A síndrome está asociada xeralmente a episodios de xaqueca pero tamén pode estar relacionada coa epilepsia, con aneurismas cerebrais, con intoxicacións por drogas alucinóxenas e con diversas infeccións víricas, coma é o caso do virus de Epstein-Barr[1]. No tocante á migraña, a síndrome maniféstase normalmente coma unha aura típica sen cefalea[4] en forma de ataques que duran entre 5 e 60 minutos (con efectos reversibles) aínda que en ocasións se experimenta unha aura típica seguida de cefalea. Os afectados teñen en todo momento consciencia de que a súa percepción do contorno é ilusoria. Esta síndrome afecta máis frecuentemente aos nenos[5].
Aínda que as probas realizadas a persoas que sofren a síndrome non evidencian ningunha área cerebral afectada, durante diversos episodios observáronse zonas con rego sanguíneo diminuído nas proximidades do nervio óptico e da área cerebral asociada, o que explicaría as alteracións visuais dos afectados.
As ilusións experimentadas durante este tipo de episodios son moi semellantes ás descritas por Lewis Carroll no seu conto, polo que se sospeita que el mesmo puido padecer esta síndrome, xa que tamén sufría migraña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Síndrome de “Alicia en el País de las Maravillas” asociado a infección por el virus de Epstein-Barr". Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de agosto de 2009. Consultado o 16 de xullo de 2009.
- ↑ Las auras que experimentan los pacientes con migraña fascinan a los neurólogos desde hace décadas
- ↑ "El síndrome de Alicia en el País de las Maravillas en muyinteresante.es". Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2009. Consultado o 16 de xullo de 2009.
- ↑ Denomínase aura a sensación particular previa a un ataque, e pode ser de carácter motor, sensorial, segregatorio etcétera. Neste caso, esa sensación pode ir acompañada ou non de dor de cabeza.
- ↑ "Un síndrome que viene del País de las Maravillas". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2009. Consultado o 16 de xullo de 2009.