Ruth Mathilda Anderson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ruth Matilda Anderson, nada en Cottonwood State Farm (Nebrasca) en 1893 e finada en Nova York en 1983, foi unha fotógrafa estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iniciouse no mundo da fotografía da man do seu pai, Alfred Theodore Anderson, un home de orixe norueguesa quen tiña un estudio en Kearney especializado en vistas e retratos. Pasou un ano na Universidade Estatal de Nebraska en Lincoln, e despois estudou Maxisterio na Escola Estatal do Profesorado de Nebraska, e malia que se graduou en 1915 nunca se adicou ao ensino. Retomou os estudos na Universidade de Nebraska durante un semestre, e despois marchou a Nova York, diplomándose en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White.

En 1921, cando traballaba como decoradora de interiores, foi contratada por The Hispanic Society of America, recomendada pola propia Clarence White. Alí estivo baixo a supervisión do director, Archer Milton Huntington, actualizando as súas técnicas como fotógrafa e investigadora. Comezou como fotógrafa do museo, e en 1922 foi nomeada conservadora de fotografía.

Levou a cabo cinco viaxes a España na década de 1920: por todo o país do 17 de marzo ao 3 de xullo de 1923; por Galicia e Asturias do 29 de xullo de 1924 ao 28 de agosto de 1925; por Galicia e León do 14 de novembro de 1925 ao 31 de maio de 1926; por Estremadura e Castela do 29 de decembro de 1927 ao 28 de abril de 1928; e por Castela, León e Andalucía do 5 de outubro de 1929 ao 17 de novembro de 1930.

Logo desta última viaxe centrou a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois, publicando varios libros e artigos sobre o tema. Realizou outra derradeira viaxe entre 1948 e 1949, centrándose neste eido. En 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que ocupou até a súa xubilación.

Estadía en Galicia[editar | editar a fonte]

Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías, moitas das cales aínda permanecen sen positivar, e mercou outras 2.800 a fotógrafos locais. Na segunda viaxe tomou unhas 2.800 fotos. As imaxes adoitan recoller o ámbito rural e os oficios tradicionais[1]. Estivo acompañada polo seu pai, que foi escribindo un diario. Ían cun coche Ford de alugueiro cun chofer francés. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban un cuarto escuro para ir revelando algunhas fotos. Na súa estancia na Coruña toma leccións de lingua castelá e interésase pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía, e pola literatura galega, lendo a Rosalía de Castro.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña. New York, The Hispanic Society of America (1939).
  • Spanish Costume: Extremadura. New York, The Hispanic Society of America (1951).
  • Costumes Painted by Sorolla in his Provinces of Spain. New York, The Hispanic Society of America (1957).
  • Fotografías de Galicia 1924-1926. A Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe - The Hispanic Society of America (1998).
  • Salamanca, 1928-1930. Fotografías de Ruth M. Anderson. Salamanca, Diputación de Salamanca. Textos de Patrick Lenaghan (2002).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A viaxe de Ruth Matilda a Galicia, en 30 fotos,en GCiencia.com o 8 de xuño de 2017.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Espinosa Fernandez, Noemi. La fotografia en los fondos fotograficos de la Hispanic Society of America: Ruth Matilda Anderson. Universidad de Castilla La Mancha, 2011.
  • Lenaghan , P. (2004): En tierras de Extremadura: las fotos de Ruth Matilda Anderson para la Hispanic Society. New York e Badajoz, The Hispanic Society of America e Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea.
  • Ortiz García, C. (2007): "Raíces hispánicas y culturas americanas. Folkloristas de Norteamérica en el Centro de Estudios Históricos", en Revista de Indias vol. LXVII, núm. 239, págs. 125-162.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]