Ruth Matilda Anderson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ruth Matilda Anderson
Nacemento8 de setembro de 1893
Lugar de nacementovalor descoñecido
Falecemento20 de maio de 1983
Lugar de falecementoNova York
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupaciónfotógrafa e escritora
editar datos en Wikidata ]

Ruth Matilda Anderson, nada en Cottonwood State Farm, dentro do concello de Cottonwood (Phelps County, Nebrasca), o 8 de setembro de 1893 e finada en Nova York o 20 de maio de 1983[1], foi unha fotógrafa estadounidense. Fixo cinco viaxes por España entre 1923 e 1930, tomando máis de dez mil instantáneas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iniciouse no mundo da fotografía da man do seu pai, Alfred Theodore Anderson, un home de orixe norueguesa quen tiña un estudio en Kearney especializado en vistas e retratos. Pasou un ano na Universidade Estatal de Nebraska en Lincoln, e despois estudou Maxisterio na Escola Estatal do Profesorado de Nebraska, e malia que se graduou en 1915 nunca se adicou ao ensino. Retomou os estudos na Universidade de Nebraska durante un semestre, e despois marchou a Nova York, diplomándose en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White.

En 1921, cando traballaba como decoradora de interiores, foi contratada por The Hispanic Society of America, recomendada pola propia Clarence White. Alí estivo baixo a supervisión do director, Archer Milton Huntington, actualizando as súas técnicas como fotógrafa e investigadora. Comezou como fotógrafa do museo, e en 1922 foi nomeada conservadora de fotografía.

Levou a cabo cinco viaxes a España na década de 1920: por todo o país do 17 de marzo ao 3 de xullo de 1923; por Galicia e Asturias do 29 de xullo de 1924 ao 28 de agosto de 1925; por Galicia e León do 14 de novembro de 1925 ao 31 de maio de 1926; por Estremadura e Castela do 29 de decembro de 1927 ao 28 de abril de 1928; e por Castela, León e Andalucía do 5 de outubro de 1929 ao 17 de novembro de 1930. En total tomou preto de dez mil imaxes de España nestas viaxes[1].

Logo desta última viaxe centrou a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois, publicando varios libros e artigos sobre o tema. Realizou outra derradeira viaxe entre 1948 e 1949, centrándose neste eido. En 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que ocupou até a súa xubilación.

Aínda que faleceu en 1983 en Nova York, foi enterrada no cemiterio de Kearney, preto da súa localidade natal[1]. No Museum of Nebraska Art (MONA), nesta última cidade citada, non ten ningunha obra que a represente.

Estadía en Galicia[editar | editar a fonte]

Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías, moitas das cales aínda permanecen sen positivar, e mercou outras 2.800 a fotógrafos locais. Na segunda viaxe tomou unhas 2.800 fotos. As imaxes adoitan recoller o ámbito rural e os oficios tradicionais[2]. Estivo acompañada polo seu pai, que foi escribindo un diario. Ían cun coche Ford de alugueiro cun chofer francés. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban un cuarto escuro para ir revelando algunhas fotos. Na súa estancia na Coruña tomou leccións de lingua castelá e interesouse pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía, e pola literatura galega, lendo a Rosalía de Castro.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña. Nova York, The Hispanic Society of America (1939).
  • Spanish Costume: Extremadura. Nova York, The Hispanic Society of America (1951).
  • Costumes Painted by Sorolla in his Provinces of Spain. Nova York, The Hispanic Society of America (1957).
  • Fotografías de Galicia 1924-1926. A Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe - The Hispanic Society of America (1998).
  • Salamanca, 1928-1930. Fotografías de Ruth M. Anderson. Salamanca, Deputación de Salamanca. Textos de Patrick Lenaghan (2002).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Ruth Matilda Anderson". Museum of Nebraska Art (en inglés). Consultado o 28-12-2019. Ruth Matilda Anderson died on May 20, 1983 in New York City, and is buried in the Kearney Cemetery in Kearney, Nebraska. 
  2. A viaxe de Ruth Matilda a Galicia, en 30 fotos,en GCiencia.com o 8 de xuño de 2017.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]