Rissa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Colonia de R. brevirostris en Big Koniuji, illas Shumagin

Rissa é un xénero de gaivotas (láridos) que comprende dúas especies: Rissa brevirostris, do mar de Behring, e Rissa tridactyla, que é o garrucho ou gaivota tridáctila, do Atlántico e mares boreais, que se pode ver nas costas de Galicia. O nome do xénero Rissa procede do islandés Rita, que é o nome que se lle dá alí a R. tridacytla.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

As dúas especies son fisicamente moi similares. Teñen unha cabeza e corpo brancos, dorso gris, ás grises coas puntas negras e peteiro amarelo. Os adultos de R. tridactyla son algo máis grandes (duns 40 cm de lonxitude e envergadura alar de 90–100 cm) que os de R. brevirostris (35–40 cm de lonxitude e unha envergadura alar de 84–90 cm). Outras diferenzas son que R. brevirostris ten un peteiro máis curto, ollos máis grandes, cabeza máis grande e máis arredondada e ás dun gris máis escuro. Aínda que a maioría das R. tridactyla teñen patas negras, algunhas teñen patas de gris rosado a avermelladas, o que fai que a coloración sexa unha característica pouco fiable para distinguila da R. brevirostris de patas vermellas. R. brevirostris ten o dedo posterior ben desenvolvido, pero as poboacións do Pacífico de R. tridactyla tamén (non así as poboacións europeas), polo que tampouco é unha característica distintiva.

A diferenza dos polos con manchas doutras especies de gaivotas, os polos de Rissa teñen moito penuxe branco, porque teñen un risco relativamente baixo de sufrir depredación, xa que os seus niños están en cantís moi esgrevios e inaccesibles. A diferenza doutros polos de gaivotas que deambulan en canto poden camiñar, os de Rissa permanecen sentados e quietos instintivamente no niño para evitar caer do cantil.[2] Os individuos novos tardan tres anos en chegar á madurez. Cando teñen plumaxe de inverno, ambas as especies do xénero teñen unha mancha gris escura detrás do ollo e un colar gris traseiro no pescozo. Os sexos non se distinguen visualmente.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Son aves que se reproducen nas costas e habitan no Pacífico Norte, Atlántico Norte e Ártico. Forman colonias grandes, densas e ruidosas durante o período reprodutor do verán, a miúdo compartindo o hábitat con araos. Son as únicas especies de gaivota que normalmente aniñan exclusivamente en cantís, con algunhas excepcións en Inglaterra.

Especies[editar | editar a fonte]

Adulto Polo Nome Nome común Distribución
Rissa tridactyla Linnaeus, 1758 garrucho[3] ou gaivota tridáctila[4][5][6][7] É unha das aves mariñas máis numerosa. As colonias reprodutoras poden encontrarse no Pacífico desde as illas Kuriles, arredor das costas do mar de Okhotsk, no mar de Bering e nas illas Aleutianas no sueste de Alasca,[8] e no Atlántico desde o Golfo de San Lourenzo no Canadá pasando por Groenlandia e as costas de Irlanda baixando cara ao sur ata Galicia (colonias nas illas Sisargas e cabo Vilán) e Portugal (illas Berlengas), así como nas illas do alto Ártico.[9] No inverno, a súa área de distribución esténdese máis ao sur e a mar aberto.
Rissa brevirostris Bruch, 1853 - Área de distribución moi limitada ao mar de Bering, reproducíndose só nas illas Pribilof, Bogoslof e Buldir nos Estados Unidos e nas illas do Comandante en Rusia. Nesas illas, comparte algúns dos mesmos hábitats de cantil que R, tridactyla, aínda que hai algunhas segregación localizada entre as dúas especies nun determinado cantil.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 336. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  2. Tinbergen, Niko (1969). Curious Naturalists. Garden City, New York, USA: American Museum of Natural History. p. 301. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para garrucho.
  4. Definición de gaivota no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Tridáctilo.
  6. Miguel A. Conde Teira. Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada Arquivado 08 de novembro de 2017 en Wayback Machine.. Chioglossa. I 121-I3X. A Coruña, 1999.
  7. Penas Patiño, Xosé Manuel (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-69-9.
  8. Artyukhin Yu.B. and V.N. Burkanov (1999). Sea birds and mammals of the Russian Far East: a Field Guide, Moscow: АSТ Publishing – 215 p.
  9. "U.K. Joint Nature Conservation Committee Report" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2011. Consultado o 09 de febreiro de 2019. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]