Richard Blackmore

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Richard Blackmore
R-blackmore.GIF
Gravado representado a Blackmore en Lives of the English Poets de Samuel Johnson
Nacemento22 de xaneiro de 1654
 Corsham
Falecemento9 de outubro de 1729
 Boxted
SoterradoBoxted (St. Peter) Churchyard And New Churchyard
NacionalidadeReino de Gran Bretaña
Ocupaciónpoeta e médico
editar datos en Wikidata ]

Richard Blackmore, nado en Corsham o 23 de xaneiro de 1654 e finado en Boxted o 9 de outubro de 1729, foi un escritor e médico inglés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no Wiltshire, Blackmore era fillo dun rico home de leis, estudou en Oxford e logo de recibir a herdanza do seu pai en 1682 viaxou por Europa, pasando por Francia, Xenebra e Italia, instalándose un tempo en Padua, e estudando medicina na universidade local, despois Blackmore volveu a Inglaterra, tras pasar por Alemaña e os Países Baixos, establecéndose como médico. En 1685 casou con Mary Adams e grazas ás conexións da familia da súa dona entrou no Royal College of Physicians en 1687 e como médico estivo ao servizo de Guillerme III e da raíña Ana, e escribiu varios libros de medicina[1] e foi nomeado cabaleiro en 1697.

Actividade literaria e propagandística[editar | editar a fonte]

Richard Blackmore apoiou a Revolución Gloriosa, e a súa primeira epopea publicada en 1695, Prince Arthur, an Heroic Poem in Ten Books, canta ao rei Guillerme III. Malia o pouco éxito entre a crítica, tivo tres edicións e o rei encargoulle a Blackmore a redacción da crónica oficial da conspiración organizada por George Barclay para asasinar o rei; aparecida en 1723 levaba como título A true and impartial history of the conspiracy against the person and government of King William III, of glorious memory, in the year 1695. En 1697 publicou King Arthur: an Heroic Poem in Twelve Books, continuación da epopea anterior pero que non gozou da aceptación que tivera a anterior na corte. En 1705, con Ana no trono e Guillerme xa morto Blackmore escribiu outro poema épico, Eliza: an Epic Poem in Ten Books. Seguíronlle as pezas An advice to the poets: a poem occasioned by the wonderful success of her majesty's arms, under the conduct of the duke of Marlborough in Flanders (1706) e Instructions to Vander Beck (1709). De 1712 é Creation: A Philosophical Poem, que foi a súa obra poética mellor recibida, con 16 edicións.

En 1713 comezou a publicar xunto co seu amigo John Hughes un periódico seguindo o modelo de The Spectator co título de The Lay Monk, aparecía unha vez cada tres semanas entre o 13 de novembro de 1713 e o 15 de febreiro de 1714. Preocupado pola difusión do protestantismo, foi membro da Society for the Propagation of the Gospel in America e publicou varios escritos de cariz relixioso como Just Prejudices against the Arian Hypothesis (1721) contra o deísmo e o unitarianismo, e Modern Arians Unmasked dese mesmo ano. Realizou unha versión dos salmos de David co título de A New Version of the Psalms of David en 1721 e intentou que a Igrexa de Inglaterra as recoñecese como traducións canónicas. Publicou en 1728 Natural Theology, or, Moral Duties Consider'd apart from Positive e postumamente en 1731, The Accomplished Preacher, publicouse postumamente.

Fama[editar | editar a fonte]

Blackmore é hoxe coñecido grazas ás súas polémicas cos seus inimigos. Opúxose á apertura dun dispensario para os pobres de Londres e Samuel Garth satirizouno en The Dispensary (1699), presentándoo como un parvo cobizoso e banal. Porén serían as críticas que lle fixo Alexander Pope as máis coñecidas e as que chegaron ata os noso días, burlándose repetidamente de Blackmore por mor da súa estupidez e delirios de grandeza. O Scriblerus Club (formado amais de por Pope por John Gay, John Arbuthnot, Robert Harley, Henry St. John, Jonathan Swift e Thomas Parnell) criticou terriblemente o Three hours after marriage (1717) de Blackmore e Pope incluíu en Peri Bathous (1727) unha escolma dos textos máis parvos de Blackmore e deu unha caracterización devastadora do interminable Blackmore en The Dunciad (1728)[2].

A poesía de Blackmore foi considerada plúmbea, non obstante o que lle deu fama de "poeta ridículo" foi a súa actitude de recorrer á poesía con fins políticos, e utilizala para satirizar e destruír a persoas doutras faccións políticas.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rogers, Pat (2004) The Alexander Pope Encyclopedia Greenwood Publishing, p. 33
  2. Terry, Richard G. (2005) Mock-heroic from Butler to Cowper: An English Genre and Discourse Ashgate Publ, pp. 72 e ss.
  3. Ashley Marshall (2013) The Practice of Satire in England, 1658–1770 JHU, p. 135