Resistencia (libro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Resistencia
Autor/aRosa Aneiros
OrixeGalicia
LinguaLingua galega
ColecciónNarrativa
Tema(s)Historia de Portugal
Xénero(s)Novela
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.Decembro de 2002
FormatoTapa branda con lapelas
Páxinas304
ISBN978-84-8302-925-1

Resistencia é unha novela de Rosa Aneiros, publicada en 2002 por Edicións Xerais de Galicia.[1]

Trama[editar | editar a fonte]

A novela conta a historia de Portugal até a Revolución dos Caraveis, coa resistencia ante a ditadura de António de Oliveira Salazar. Nárrase seguindo a historia de dúas familias desafortunadas no amor, centrándose posteriormente en Dinís e Filipa. Eles son os grandes protagonistas, que non serían capaces de adiviñar as consecuencias do seu amor.

Dinís é fillo de Isaura e pai descoñecido, excepto para a súa nai (o pai é Antonio Gonçalves). Namórase de Filipa, filla de Rui Rodrigues e Inés. Pasan o verán véndose pero ela vive en Coímbra, polo que regresa en época escolar á súa cidade. A única persoa que sabe do seu amor é Leonor, a avoa de Filipa, que lle axuda a Dinís a escribir para enviarlle cartas á súa neta.

En 1963 chega a San Pedro de Moel a militancia política, e Dinís debe marchar a Mozambique a facer o servizo militar. Unha vez alí é consciente das inxustizas e abusos que sofren as persoas que non contan con recursos económicos. Resiste grazas a dous amigos (Miguel da Silva e Aaial) e ao amor que sente por Filipa. Cando regresa á súa casa non é o mesmo home que marchara, pois aféctalle psicoloxicamente a guerra. Mentres, Filipa licenciárase en avogacía pola Universidade de Coímbra.

Dinís únese ao movemento obreiro. Durante eses anos créase Avante!, revista clandestina do Partido Comunista Portugués. En 1968 Dinís e outros compañeiros da fabrica de vidro dos Irmaõs Stephen, da Marinha Grande, fracasan na súa tentativa revolucionaria. Caen presos, e son levados á Fortaleza de Peniche, onde se atopan illados do exterior. Filipa consegue ir ao cárcere coa axuda dunha muller pero isto pona en perigo e ten que marchar a Brasil co seu pai. Durante todo o tempo que Dinís pasa no cárcere, cinco anos, escríbelle cartas a Filipa que nunca chegaron ao seu destino.

Narración[editar | editar a fonte]

Conta con 36 capítulos e un epílogo. Está escrito en terceira persoa e narrador omnisciente.

A novela está estruturada en tres grandes apartados: introdución, do capítulo 1 ao 7; nó, do capítulo 7 ao 31 e desenlace, do 31 ao capítulo 36. No primeiro apartado (1920-1959) introdúcese a localización espacial e a familia de Dinís. No nó (1959-1974) desenvólvese a historia de amor entre Dinís e Filipa, a guerra colonial, as revoltas obreiras e a etapa no cárcere en Peniche. No desenlace (1974-1994) cóntase o final das personaxes.[1]

Personaxes[editar | editar a fonte]

Os principais personaxes son os seguintes:[2]

  • Isaura: a súa nai Remedios falece ao dar a luz. Traballa transportando peixe. É a nai de Dinís.
  • Antonio Gonçalves: traballa na fábrica de vidro dos Irmãos Stephen. Suicídase.
  • Dinís: é o fillo ilexítimo de Isaura e Antonio. Pesca rodabalos e véndeos para axudar economicamente, ademais vende pasteis que fai a señora Carme. Con 11 anos de idade entra a traballar na fábrica de vidro.
  • Filipa: é a filla de Rui Rodrigues e Inés. Licénciase en avogacía na Universidade de Coímbra.
  • Rui Rodrigues: fillo de Leonor e pai de Filipa. Crea un negocio trans-oceánico de azucre e café. Axuda á prosperidade da vila (San Pedro de Moel). Falece.
  • Leonor: nai de Rui Rodrigues e avoa de Filipa. Falece en marzo de 1971.
  • Antoninho Gonçalves: fillo lexítimo de Antonio e Ana Barbosa. Traballa na fábrica de vidro e coñece a Dinís en Mozambique.
  • Ana Barbosa: esposa de Antonio Gonçalves, nai de Antoninho.
  • Carme: coidou a Isaura de cativa e coida a Dinís mentres é un neno.
  • Inés: esposa de Rui Rodrigues e nai de Filipa. Falece o 27 de marzo de 1968 por unha enfermidade.
  • André: fillo de Carme.
  • Miguel Da Silva: amigo e compañeiro de guerra de Dinís. Falece.
  • Aaial: nena que sofre as consecuencias da guerra. Faise amiga de Dinís e Miguel da Silva.
  • Caetano: pai de Antonio Gonçalves.

Espazos[editar | editar a fonte]

A historia desenvólvese en diversos espazos xeográficos, principalmente en Portugal pero tamén en Mozambique e Brasil.[2] Dentro de Portugal a acción desenvólvese en San Pedro de Moel (entre Coímbra e Lisboa), e en Peniche, lugar de nacemento de Dinís. En Coímbra vive e estuda Filipa.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

A obra acadou en 2003 o premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega.

Traducións[editar | editar a fonte]

Foi traducida ao castelán no ano 2010 por Eva Carrión González, co título de Resistencia, publicada en Faktoria K de Libros, Col. Narrativa K[3] e ao portugués en 2004 por Jorge Fallorca co título de Resistência, publicada en Dom Quixote.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rivadulla Costa, D. (2016) "Do espazo e do tempo históricos en Resistencia de Rosa Aneiros”, en R. Hernández Arias, G. Rivera Rodríguez, S. Cuba López e D. Pérez Álvarez (Eds.): Nuevas perspectivas literarias y culturales (I CIJIELC). Vigo: MACC-ELICIN. ISBN 978-84-608-6759-3D
  2. 2,0 2,1 Aneiros, Rosa (2002). Resistencia. Xerais. 
  3. "Resistencia". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-10-26. 
  4. "Resistência". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-10-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]