Saltar ao contido

Rebelión das putas de San Julián

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A rebelión das putas de San Julián é un evento da historia arxentina ocorrido en Puerto San Julián o 17 de febreiro de 1922, no epílogo das loitas da Patagonia rebelde. Ese día, as prostitutas do bordel local "La Catalana" negáronse a atender aos soldados do Décimo Rexemento de Cabalaría do tenente coronel Héctor Benigno Varela, acusándoos a berros do asasinato de operarios agrarios.[1]​ As prostitutas foron detidas, mais o comisario de San Julián decidiu non executalas para non engrandecer o seu acto de resistencia, senón que optou por deixalas ir.​[2] A rebelión das putas de San Julián foi a única protesta pública que houbo na Arxentina tras a represión masiva contra os operarios patagónicos de 1920-1922.[1][3]

Prolegómenos

[editar | editar a fonte]

En novembro de 1920, os peóns gandeiros da provincia de Santa Cruz, sindicados en torno á FORA, declaráronse en folga xeral debido á baixa calidade de vida proporcionada polos terratenentes locais, en parte debido á baixada dos prezos da la tras o fin da primeira guerra mundial. Os terratenentes, arxentinos e británicos, contraatacaron reprimindo aos folguistas coa axuda da policía local, o que aumentaría a dimensión da folga. Ante o tamaño do problema, en febreiro de 1921 o entón presidente Yrigoyen mandou á rexión a negociar ao tenente coronel Varela e ao seu Décimo Rexemento de Cabalaría. O resultado foi que a maioría das demandas dos operarios arxentinos (nas que se incluían un día máis de descanso semanal, un lugar limpo e seco onde durmir e candeas para alumearse durante o escuro inverno patagónico) foron satisfeitas.[2][4]

Porén, unha vez Héctor Benigno Varela e a súa tropa retiráronse, os terratenentes da rexión negáronse a cumprir os pactos, converténdoos en papel mollado, e tornaron a reprimir aos operarios coa axuda das autoridades. Estes responderon volvendo a declarar a folga en outubro de 1921, o que implicou que o presidente Yrigoyen volvese a mandar a Varela ao Sur, con ordes de solucionar o conflito. Varela instaurou un réxime policial na provincia de Santa Cruz, e empregou indiscrimadamente a violencia coa fin de rematar co conflito e cos traballadores folguistas e as súas pretensións. As súas brutais persecucións e fusilamentos custaríanlle a vida a entre 1000 e 1500 operarios, maioritariamente da propia rexión ou do próximo arquipélago chileno de Chiloé. Tras o exterminio dos operarios rebeldes e o asasinato ou exilio dos seus principais líderes, Varela daría a súa misión por finalizada o 10 de xaneiro de 1922.[4]​​[5][6]

Os feitos

[editar | editar a fonte]

Unha vez rematada a represión na Patagonia, denantes de volver a Bos Aires, en febreiro de 1922, Varela premiou aos seus homes pagándolles unha visita ás mancebías máis achegadas ao seu lugar de acuartelamento. O 17 de febreiro, un grupo de soldados baixo as ordes dun suboficial, acuartelados en Puerto San Julián, comezaron os preparativos para visitar o bordel local de "La Catalana" e así cobrárense a súa recompensa.[2]

O historiador Osvaldo Bayer relata o que aconteceu a partir dese intre da seguinte maneira:

Reuniuse aos soldados, fíxoselles poñer en posición de descanso e explicóuselles que ían ir ao prostíbulo por quendas. Un suboficial, con termos ben claros para que entendesen todos, deu detalles de como se debe facer uso dunha prostituta e non contaxiarse unha gonorrea ou un chancro.

As cousas organizáronse ben porque previamente mandouse dicir ás donas dos prostíbulos que a tal hora ía a ir a primeira quenda de soldados para que tivesen listas ás pupilas. En San Julián avisouse a Paulina Rovira, dona da casa de tolerancia “La Catalana”.

Pero cando a primeira quenda de soldados achegouse ao prostíbulo, dona Paulina Rovira saiu ás présas á rúa e conversou có suboficial. Algo pasaba, os rapaces comezáronse a poñer nerviosos. O suboficial viralles a explicar: algo insólito, as cinco putas do quilombo néganse. E a dona afirma que non as pode obrigar. O suboficial e os conscriptos tómano como un insulto, unha humillación para cos uniformes da Patria. Ademais, a verdade é que andan excitados. Conversan entre eles e anímanse. Todos, en cuadrilla, tratan de meterse no lupanar. Pero de aí saen as cinco pupilas con vasoiras e paus e os enfrontan ao berro de “¡asasinos! ¡porcalladas!”, “¡con asasinos non nos deitamos!”

A palabra asasinos deixa xeados aos soldados que aínda que fan xestos de sacar a charrasca, retroceden ante a decisión do mullerío que reparte paus como entolecido. O barullo é grande. Os soldados perden a batalla e fican na verea de enfronte. As pupilas desde a porta de entrada non lles mesquiñan insultos. Ademais de “asasinos e porcalladas” dinlles “cabróns malparidos” e —segundo o posterior protocolo policial— “tamén outros insultos obscenos propios de rameiras”.[1]

Un sumario policial da época recolleu algúns dos datos das cinco prostitutas rebeldes. Estas eran, a saber: Consuelo García, 29 anos, arxentina, solteira, profesión: pupila do prostíbulo “La Catalana”; Angela Fortunato, 31 anos, arxentina, casada, modista, pupila do prostíbulo; Amalia Rodríguez, 26 anos, arxentina, solteira, pupila do prostíbulo; María Juliache, española, 28 anos, solteira, sete anos de residencia no país, pupila do prostíbulo; e Maud Foster, inglesa, 31 anos, solteira, con dez anos de residencia no país, de boa familia, pupila do prostíbulo.[1]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

As cinco prostitutas de "La Catalana", así coma os músicos do bordel, serían prestamente prendidos tras o acto de rebeldía. Os músicos serían postos en liberdade de inmediato ao chegar á comisaría, ao declararen que condenaban a rebelión, mentres que as meretrices foron metidas nun cabozo.​[1] Segundo Romina Behrens, investigadora da UNPA, no cárcere as putas foron asediadas con vexames tales como o de mollalas e deixalas expostas á intemperie coa roupa posta.[7]​ O documentalista Pablo Walker, pola súa banda, afirma que non hai probas de tales torturas e vexacións, nin queda constancia na memoria colectiva do pobo de San Julián.[8]​ O comisario de San Julián pediu, tras o encarceramento das putas, consello ao tenente primeiro ao cargo da gornición militar local, para dirimir o destino das sublevadas. Este militar non quería máis escándalos, nin que o acto pasase a maiores, polo que as prostitutas foron finalmente postas en liberdade.​[1] Tras a súa liberación, as putas serían expulsadas de Puerto San Julián, sendo a única que volvería a posteriori Maud Foster, tras traballar durante un tempo nun prostíbulo en Cañadón León (actual Gobernador Gregores).[9]​ Foster morrería en Puerto San Julián en 1968, formando hoxe a súa tumba parte do circuíto histórico e do patrimonio da localidade.[7][9]

Do resto de meretrices, descoñécese o seu destino tras a súa expulsión de San Julián.[2]​ Sábese, por un expediente do 20 de setembro de 1923, que Paulina Rovira, madama de "La Catalana" seguía vivindo en Puerto San Julián nesa data.[9]

Pola súa parte, Héctor Benigno Varela, como principal responsábel do asasinato indiscriminado de operarios da Patagonia rebelde, foi executado en represalia o 27 de xaneiro de 1923 polo anarquista Kurt Gustav Wilckens. Wilckens sería, á súa vez, asasinado no cárcere por Jorge Ernesto Pérez Millán Temperley, parente de Varela. Este último sería, finalmente, liquidado por Esteban Lucich a instancias do anarquista Germán Boris Vladimirovich.[10]

Descubrimento da rebelión, repercusión e homenaxes

[editar | editar a fonte]

O historiador Osvaldo Bayer descubriría a historia das putas de San Julián e incluiríaa no tomo dous da súa monumental investigación La Patagonia rebelde (1972).​​[8][11] O documento orixinal no que Bayer achou primeiramente a historia perdeuse nalgún momento entre 1972 e 2022.​[8] Bayer tamén contaría posteriormente a historia das putas nun coloquio público na Universidade de Tréveris.[11]

A rebelión das putas de San Julián foi descrita coma un exemplo temperán da loita feminista na Arxentina.[12]​​​[13][14] Segundo Bayer e o documentalista Pablo Walker, o exército arxentino meteu presión con éxito ao terceiro peronismo para que o episodio da Rebelión das Putas fose omitido da película de 1974 La Patagonia rebelde.[7]​​[8][15]

En 2013 estreouse no Teatro Nacional Cervantes Las putas de San Julián, unha obra de teatro conmmemorativa das mesmas, dirixida por Rubén Mosquera.​[16] Esta obra representaríase no devandito teatro ao longo da tempada 2013-2014, e de xeito itinerante en 2021 en varias localidades da provincia de Santa Cruz.[16][17][18][19]​​​​ Até o seu falecemento en 2018, a obra contaría entre os seus figurantes co mesmo Osvaldo Bayer, estando presentes na súa primeira representación membros do sindicato arxentino de prostitutas AMMAR; as cales tamén asesoraron ao director a petición do propio Bayer.[20]​​​[21][22] En 2015, o Quinteto Negro La Boca, unha agrupación de tango, presentaría o seu disco Tangos Libertarios, nunha de cuxas cancións (Las Putas de San Julián) tamén homenaxean ás devanditas.​[23]

O 17 de febreiro de 2022, como conmemoración a cen anos do episodio, a Comisión Las Pxtas de San Julián -un colectivo de militantes, organizacións e áreas do Goberno de Santa Cruz e do concello de San Julián- rendeu homenaxe ás putas rebeldes en Puerto San Julián realizando unha serie de eventos ao longo de varios días coa fin de conmemorar o acto de resistencia.[2]​​[24][25]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Bayer, Osvaldo (2009). "VI: Los vencedores". La Patagonia rebelde (PDF). Gebara (en castelán). Tafalla: Txalaparta. pp. 255–256. ISBN 978-84-81365-45-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31-10-2021. Consultado o 25-5-2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 González, Enric (2019-03-23). "‘Las putas de San Julián’". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-05-24. 
  3. "Las Putas de San Julián "son las únicas que dijeron algo en el medio de tanto silencio"". www.tiemposur.com.ar (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  4. 4,0 4,1 "La Patagonia rebelde. La brecha social abierta por el movimiento obrero argentino". Todo Por Hacer (en castelán). 2021-12-08. Consultado o 2022-05-24. 
  5. de 2021, Por Marcelo Larraquy6 de Noviembre. "La Patagonia Rebelde: a 100 años de los fusilamientos en Santa Cruz que mancharon a Yrigoyen". infobae (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  6. de 2021, Por Marcelo Larraquy7 de Noviembre. "La Patagonia Rebelde: el fusilador que buscó un reconocimiento oficial pero terminó muerto por venganza". infobae (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "A cien años de la Rebelión de las putas de San Julián". El Grito del Sur (en castelán). 2022-02-20. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-05-24. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 "San Julián, 5 PUTAS Y UNA MISA". Consultado o 2022-05-24. 
  9. 9,0 9,1 9,2 eldiariodelfindelmundo.com. "Las prostitutas rebeldes continúan viviendo en San Julián | Diario del Fin del Mundo". www.eldiariodelfindelmundo.com (en inglés). Consultado o 2022-05-24. 
  10. Bayer, Osvaldo (2009). "VII: Los vengadores". La Patagonia rebelde (PDF). Gebara (en castelán). Tafalla: Txalaparta. ISBN 978-84-81365-45-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31-10-2021. Consultado o 25-5-2022. 
  11. 11,0 11,1 Diario, Nós (2022-02-18). "As putas de San Julián, Osvaldo e Marlíes". Nós Diario. Consultado o 2022-05-24. 
  12. "Las “putas de San Julián”, un símbolo de la lucha feminista argentina". Diario El Ciudadano y la Región (en castelán). 2022-02-15. Consultado o 2022-05-24. 
  13. "Las putas de San Julián: un siglo de feminismo y solidaridad de clase". Canal Abierto (en castelán). 2022-02-16. Consultado o 2022-05-24. 
  14. "Cien años de dignidad: la rebelión de las putas". LatFem (en castelán). 2022-02-16. Consultado o 2022-05-24. 
  15. "Osvaldo Bayer en Lomas de Zamora: Prohibido Olvidar - Sudestada". revistasudestada.com.ar. Consultado o 2022-05-24. 
  16. 16,0 16,1 "Las putas de San Julián". Teatro Nacional Cervantes (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  17. "Las putas de San Julián". Teatro Nacional Cervantes (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  18. "Las putas de San Julián". Teatro Nacional Cervantes (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  19. "A 100 años de la huelga | “Las Putas de San Julián” recorren la provincia". www.tiemposur.com.ar (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  20. "Osvaldo Bayer llega con "Las putas de San Julián"". www.ellitoral.com (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 
  21. "La huelga de las Putas de San Julián, 94 años después" (PDF) (en castelán). Consultado o 25-5-2022. 
  22. "¿Qué significó Osvaldo Bayer para las putas? Gergina Orellano responde". Filo News (en castelán). Consultado o 2022-05-25. 
  23. "Quinteto Negro La Boca Con Osvaldo Bayer + Invitados - Tangos Libertarios" (en inglés). Consultado o 2022-05-24. 
  24. "Homenaje a “Las Putas de San Julián”, a un siglo de su histórica rebeldía". El Rompehielos (en castelán). 2022-02-15. Consultado o 2022-05-24. 
  25. "Emotivo homenaje a “Las Putas de San Julián” continúa esta tarde". www.tiemposur.com.ar (en castelán). Consultado o 2022-05-24. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]