La Patagonia rebelde é unha película dirixida por Héctor Olivera en 1974, baseada no libro Los vengadores de la Patagonia trágica, de Osvaldo Bayer, que á súa vez relata os feitos da denominada Patagonia rebelde de 1921.
A trama comeza cando, ante a situación económica, as seccións locais da Federación Obrera Regional Argentina, dominada polos anarcosindicalistas nas cidades de San Julián e Río Gallegos, impulsan unha campaña de sindicalización de peóns, hacheros e outros asalariados. Pero a resposta dos estancieiros foi extremadamente dura: despedimentos, violencia e ameazas. A simple elaboración de reclamacións por parte dos peóns podía dar lugar a represalias. Isto conduciu á intensificación do conflito, que trouxo a rebelión dos traballadores cara aos patróns e as institucións estatais.
Héctor Olivera afirma que tivo a idea de facer unha película sobre o tema en 1959, ó ler o libro de David ViñasLos dueños de la tierra. A súa sexta película, converteuse en 1974 nunha das que forman parte do boom cinematográfico arxentino.
A película sufriu varias vicisitudes, e comportou persecución para o seu director e para o seu guionista, Osvaldo Bayer. Primeiramente foi censurada, polo entón presidente, ata que finalmente foi aprobada o 13 de xuño polo mesmo Juan Domingo Perón. Posteriormente, logo da morte deste, foi censurada novamente o 12 de outubro polo goberno de Isabel Perón. Co regreso da democracia formal en 1984 puido ser exhibida de novo.