Rancid é unha banda estadounidense de punk rock procedente de Berkeley (California) e formada no ano 1991. Creada por Tim Armstrong e Matt Freeman, que tocaran anteriormente na influente banda de ska punkOperation Ivy, Rancid é considerada (xunto con The Offspring e Green Day) unha das bandas que revitalizaron o interese do gran público polo punk rock nos Estados Unidos a mediados dos anos 90. A diferenza dos outros grupos mencionados, Rancid permaneceu nun selo independente e continúa tendo un son moito máis clásico con temática máis política, conectada así ás súas raíces do underground. As cancións de Rancid reflicten a súa forte postura de esquerdas, a súa aversión aos grandes selos e o seu descontento co elitismo punk.
Rancid está composto por Armstrong na guitarra e voces, Freeman no baixo e voces, Lars Frederiksen na guitarra e voces e Branden Steineckert na batería. A banda creárona Armstrong, Freeman e o antigo batería Brett Reed, que deixou o grupo no ano 2006 sendo substituído por Steineckert. Frederiksen uniuse a Rancid en 1993, cando a banda buscou un segundo guitarrista.
Ata a data Rancid leva editados sete álbums de estudio, un álbum compartido, un recompilatorio, dous EPs, unha serie de álbums ao vivo só vendidos online e ten aparecido nun bo feixe de discos colectivos. Levan vendidos ao redor dos 4 millóns de discos en todo o mundo, sendo a banda de punk rock independente de máis éxito de todos os tempos. O grupo acadou a fama en 1994 grazas ao seu segundo álbum, Let's Go, que tiña o sinxelo "Salvation". No ano seguinte, Rancid editou o seu traballo máis famoso, ...And Out Come the Wolves, de onde se sacaron os seus sinxelos máis coñecidos, "Roots Radicals", "Ruby Soho" e "Time Bomb". Os seus seguintes tres álbums, Life Won't Wait, Rancid e Indestructible foron aclamados pola crítica, pero non tiveron tanto éxito. O seu último traballo de estudio, Trouble Maker foi lanzado en xuño do ano 2017.