Rana muscosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rana muscosa [1] é unha especie de ránido endémica de California. Vive nas Montañas de San Jacinto, Montañas de San Bernardino e Montañas de San Gabriel do sur de California e no sur de Sierra Nevada. Está na lista federal de especies en perigo.[2]

As poboacións de R. muscosa do norte de Sierra Nevada foron redescritas como unha nova especie, co nome Rana sierrae.[2] As montañas que separan as cabeceiras dos ríos de South Fork e Middle Fork do río Kings marcan a fronteira entre as áreas de distribución das dúas especies.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Rana muscosa

Rana muscosa mide de 4 a 8,9 cm de longo. A súa cor e debuxo son variables. É amarelada, acastañada ou oliva con marcas negras e marróns. O seu nome específico, muscosa, significa 'musgosa' en latín, inspirado pola súa coloración que lembra os musgos. Pode ter coxas amarelas ou laranxas. Cando se colle na man emite un cheiro defensivo que lembra ao do allo.[3]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Vive en regatos de montaña, lagos e ribeiras de lagos, ríos e lagoas, preferindo as áreas solleiras. Raramente sae da auga e pode permanecer mergullada durante longo tempo, probablemente por intercambio gasoso cutáneo. Os cágados necesitan un hábitat de auga permanente polo menos durante dous anos mentres se desenvolven. Detectouse a presenza desta ra en alturas entre 370 e 2.300 m no sur de California.[1]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Estadio de cágado.

Emerxe do seu sitio de invernada pouco despois da fusión das neves. A súa estación reprodutora empeza unha vez que pasa o período co fluxo de fusión máis alto, aproximadamente de marzo a maio na parte sur da súa área, e ata xullo nas altas montañas do norte. A fertilización é externa e o grupo de ovos é asegurado á vexetaión nunha corrente de auga ou ás veces poden deixalo flotando libremente en augas tranquilas. Os xuvenís poden ser cágados durante 3 ou 4 anos antes de sufrir a metamorfose.[3]

Esta especie carece de saco vocal. A súa chamada é áspera, elevándose ao final. Durante o día fai as chamadas debaixo da auga.[3]

Aliméntase de insectos como escaravellos, formigas, abellas, avespas, moscas e libélulas. Tamén pode comer cágados.[3]

Satus de conservación[editar | editar a fonte]

É unha especie en perigo segundo a Lei de especies en perigo dos Estados Unidos. A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) tamén a ten na súa lista de especies en perigo.[1] O seu status de conservación NatureServe é en risco (imperiled).[4]

Declive das poboacións[editar | editar a fonte]

Aínda que antes era unha especie común, Rana muscosa estivo ausente de gran parte da súa área nativa desde a década de 1970. Nos últimos cen anos o 90% das súas poboacións foron eliminadas.[5] Esta ra localizárase en 166 lugares das montañas do sur de California, pero en 2007 só quedaban en sete ou oito.[1] O descubrimento en 2009 de R. muscosa en dous lugares do Bosque Nacional de San Bernardino foi unha boa nova.[6] Agora está representada en Sierra Nevada por tres ou catro poboacións.[1] O seu declive atribúese a moitos factores, como as especies introducidas de peixes como a troita, gando que pasta,[7] o fungo quitridio infeccioso Batrachochitridium[8] e probablemente pesticidas, seca e radiación ultravioleta.[7]

Especies de peixes introducidas[editar | editar a fonte]

As troitas foron introducidas en lagos e ríos de Sierra Nevada a finais da década de 1800 para incrementar a pesca recreativa na área. O peixe come os cágados como unha presa principal. As troitas introducidas cambiaron a distribución de varias especies nativas nos ecosistemas locais.[5] Despois da eliminación de peixes de varios lagos, a ra reapareceu e as súas poboacións incrementáronse.[5] Despois empezou a espallarse a outros hábitats axeitados próximos.[9]

Pesticidas[editar | editar a fonte]

O declive desta ra na súa área de distribución histórica foi asociada coa difusión de pesticidas desde áreas agrícolas.[10][11] Os espécimes que foron reintroducidos en corpos de auga dos que se retiraron os peixes non conseguiron sobrevivir e as análises realizadas atoparon pesticidas nos seus tecidos.[12] Os pesticidas son considerados por algunhas autoridades como unha ameaza maior para as ras que as troitas.[13] O papel relativo que xogan os pesticidas e os peixes introducidos no declive das ras aínda se debate e a perda de R. muscosa na súa antiga área foi probablemente influída por múltiples factores.[12]

Quitridiomicose[editar | editar a fonte]

Rana muscosa

Esta especie é un dos moitos anfibios afectados pola enfermidade fúnxica quitridiomicose. Fixéronse amplas investigacións sobre a bioloxía do fungo causante e como impedir o declive nas poboacións de anfibios.[8] O fungo ataca as áreas queratinizadas do corpo das ras. Os cágados non están gravemente afectados porque as súas únicas partes fortemente queratinizadas son as súas vaíñas mandibulares e filas de dentes.[14] A infección dos cágados pode identificarse por cambios na pigmentación desas partes.[15] Os adultos teñen unha pel rica en queratina e sofren peores infeccións.

Fixéronse estudos nos que ras adultas sas foron expostas á compaña de ras infectadas durante polo menos dúas semanas e desenvolveron a enfermidade. O contaxio require máis tempo nos cágados, xeralmente unhas sete semanas.[15] As ras poden estar predispostas á infección se os seus sistemas inmunitarios están debilitados ou por outros factores, como os pesticidas.[16] Os estudos realizados indican que R. muscosa é de forma natural máis susceptible ao fungo quitridio que moitas outras ras.[17]

Conservación[editar | editar a fonte]

A primeira reprodución en catividade con éxito destas ras ocorreu en 2009 cando se criaron tres cágados no Zoo de San Diego. Os traballadores conservacionistas do zoo planearon a liberación das ras sobreviventes da crianza en catividade na súa área nativa das Montañas de San Jacinto.[18][19]

En 2015 ras e cágados da especie foron reintroducidos en Fuller Mill Creek nas Montañas de San Bernardino e no Bosque Nacional de San Bernardino.[20] Foron cruzados e criados polo Centro Arnold e Mabel Beckman para a Investigación da Conservación en Escondido, California, unha das organizacións que se asociou co Instituto para a Investigación da Conservación do Zoo de San Diego (ICR) para salvar a especie da extinción.[20] O Zoo de Los Ángeles é tamén un asociado e actualmente alberga dous grupos de cágados recollidos na natureza en dúas localidades das Montañas de San Gabriel, ata que crezan dabondo como para que soporten a liberación en condicións naturais.[20]

En 2015, o Zoo de Oakland empezou un proxecto de rehabilitación da ra para axudar nos esforzos de salvar a especie.[21] Cada ano, recóllese un grupo de cágados dos seus lagos nativos de California e lévanse ao zoo. Alí, os cágados crecen ata ser ras novas, mentres que tamén se someten a un proceso de inoculación para volvelas inmunes ao fungo da quitridiomicose. Cando están xa listas, as ras xuvenís inmunes a este fungo quitridio son liberadas nos lagos de onde procedían. En 2016, o Zoo de Oakland liberou 53 espécimes en varios lagos nos Parques Nacionais do Canón do Kings e Sequoia.[22] O programa prevé liberar 130 individuos inoculados en lagos dos Parques Nacionais do Canón do Kings e Sequoia e do Bosque Nacional Inyo en 2017.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Hammerson, G. (2008). Rana muscosa. En: IUCN 2013. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.1. Consultado o 05 de agosto de 2013.
  2. 2,0 2,1 Mountain yellow-legged frog (Rana muscosa) Arquivado 09 de maio de 2015 en Wayback Machine., United States Fish and Wildlife Service.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Rana muscosa - Southern Mountain Yellow-legged Frog, California Herps: A Guide to the Amphibians and Reptiles of California. 2013.
  4. Rana muscosa Arquivado 26 de outubro de 2008 en Wayback Machine., NatureServe. 2012.
  5. 5,0 5,1 5,2 Knapp, R. A., et al. (2007). "Removal of nonnative fish results in population expansion of a declining amphibian (mountain yellow-legged frog, Rana muscosa)' Biological Conservation 135(1):11-20.
  6. Nearly extinct California frog rediscovered. NBC News. July 24, 2009.
  7. 7,0 7,1 Vredenburg, V. The Mountain Yellow-legged Frog - Can They be Saved? Arquivado 01 de decembro de 2021 en Wayback Machine. Modelo:Url=https://sierranaturenotes.yosemite.ca.us/mtnyellowleg.htm Sierra Nature Notes Volume 1. January, 2001.
  8. 8,0 8,1 The Amphibian Chytrid Fungus and Chytridiomycosis. Arquivado 21 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. Amphibianark.org. Retrieved 04 August 2013.
  9. Vredenburg, V. T. (2004). Reversing introduced species effects: experimental removal of introduced fish leads to rapid recovery of a declining frog. Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 101(20):7646-50.
  10. Davidson, Carlos; Shaffer, H. Bradley & Jennings, Mark R. "Spatial tests of the pesticide drift, habitat destruction, UV-B, and climate-change hypotheses for California amphibian declines". Conservation Biology 16 (6): 1588–1601. doi:10.1046/j.1523-1739.2002.01030.x. 
  11. Davidson, Carlos. "Declining downwind: amphibian population declines in California and historical pesticide use". Ecological Applications 14 (6): 1892–1902. doi:10.1890/03-5224. 
  12. 12,0 12,1 Davidson, Carlos & Knapp, Roland A. "Multiple stressors and amphibian declines: dual impacts of pesticides and fish on yellow-legged frogs". Ecological Applications 17 (2): 587–597. doi:10.1890/06-0181. 
  13. Taylor, Sharon K.; Williams, Elizabeth S. & Mills, Ken W. "Effects of malathion on disease susceptibility in Woodhouse's toads". Journal of Wildlife Diseases 35 (3): 536–541. PMID 10479088. doi:10.7589/0090-3558-35.3.536. 
  14. Andre, S. E., et al. (2008). Effect of temperature on host response to Batrachochytrium dendrobatidis infection in the mountain yellow-legged frog (Rana muscosa). Arquivado 2013-08-05 en Archive.is Journal of Wildlife Diseases 44(3):716-20.
  15. 15,0 15,1 Rachowicz, L. J. and V. T. Vredenburg. (2004). Transmission of Batrachochytrium dendrobatidis within and between amphibian life stages. Arquivado 08 de agosto de 2017 en Wayback Machine. Diseases of Aquatic Organisms 61:75-83.
  16. Rachowicz, L. J., et al. (2006). Emerging infectious disease as a proximate cause of amphibian mass mortality. Arquivado 31 de outubro de 2014 en Wayback Machine. Ecology 87(7), 1671-83.
  17. Rollins-Smith, L. A., et al. (2006). Antimicrobial peptide defenses of the mountain yellow-legged frog (Rana muscosa). Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Developmental & Comparative Immunology 30(9):831-42.
  18. Mountain Yellow-legged Frog Hopping for Survival. Arquivado 13 de maio de 2013 en Wayback Machine. San Diego Zoo Global.
  19. "Precious Cargo: Brighter Future For 100 Juvenile Mountain Yellow Legged Frogs, Tadpoles". U.S. Fish and Wildlife Service. November 7, 2016. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2020. Consultado o January 1, 2017. 
  20. 20,0 20,1 20,2 SoCal Wild.com: "Building a Mountain Frogtown for Yellow-Legged Frogs"; Brenda Rees, editor; 10 August 2015.
  21. "Oakland Zoo". www.oaklandzoo.org. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2017. Consultado o 2017-07-13. 
  22. "From the Brink of Extinction: Oakland Zoo Releases Critically Endangered Frogs into the Wild : The Outdoor Wire". www.theoutdoorwire.com. Consultado o 2017-07-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]