Ramón Fernández Rico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón Fernández Rico
Nacemento 1891
  Vilasantar
Falecemento 5 de xuño de 1937
  Pontevedra
Nacionalidade España
Ocupación político
editar datos en Wikidata ]

Ramón Fernández Rico, nado en Vilasantar en 1891 e finado en Pontevedra o 5 de xuño de 1937, foi un político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Torneiro, casado con Pura Prado Rey, tiveron nove fillos por manter. Tivo unha ebanistería na avenida de América. Vicepresidente do Partido Radical Socialista en 1931, remataría integrado na Unión Republicana seguindo os pasos do seu líder Marcelino Domingo. Entra a formar parte da xestora en representación dese partido xunto con Cándido Tafalla (que tamén será fusilado) e pasa a ocupar o cargo de 1º tenente de alcalde. O 14 de xullo de 1936, Jesús asínalle á delegación da Alcaldía para que ostente este cargo na súa ausencia, quedando pois ao fronte da corporación no 18 de xullo. O 20 de xullo, asínalle o Gobernador Civil un certificado delegando nel a xefatura da defensa da república no norte de Pontevedra.

Mentres estivo preso non puido ver aos fillos pequenos, só aos maiores. De feito a súa muller estaba preñada e cando naceu Manuel, tardou en xuntar os cartos para poder pagar á viaxe para levar a velo, ao chegar con el á prisión lle dixeron que chegaba tarde, xa estaba morto.

Ramón Fernández Rico é o autor en representación dos demais concelleiros e vítimas da represión estradense, da famosa carta que pedía as vindeiras corporacións que se lembrase o seu martiroloxio coa denominación dunha rúa no centro da Estrada. Pero ademais é autor de moitas outras cartas á familia extensa que posuía e que sentía que coa súa perda ía quedar desolada e sen sustento. De feito, ao ano morrerá a súa muller e cinco dos seus fillos, quedarían con vida José Manuel, Divina Pastora, Constantino e Lino de 11, 12, 10 e 3 anos respectivamente. Ramón, cando se ía ditar sentenza, lembroulle ao tribunal a súa situación persoal e pediu clemencia en nome da súa muller e fillos. O tribunal non só non tivo isto en conta que mesmo logo, unha vez que se lexislou sobre a penalización das “responsabilidades políticas”, volveu xulgarse retroactivamente en 1941 aos xa executados e no seu caso caeulle unha sanción de 50 pesetas de multa a maiores - “con cargo al caudal hereditario” xa que el non a podían abonar ao estar morto – co cal o consello que lle daba a muller para que aforrase os cartos do enterro e os empregara en roupa para os nenos, non ía servir de nada porque daquela 50 pesetas eran moitos cartos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]