Raíña Vermella de Palenque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diademas e máscara facial funeraria da Raíña Vermella de Palenque. Foi reconstruída por Juan Alfonso Cruz, está conformada por cento dezanove pezas de malaquita, dúas placas de obsidiana que simulan as pupilas, catro placas de xadeíta que simulan os iris, dúas contas tubulares e dous circulares que forman as orelleiras de xade.

Coñécese como a Raíña Vermella á osamenta atopada no Templo XIII das ruínas arqueolóxicas de Palenque. Aínda que a súa identidade aínda non foi confirmada, as investigacións suxiren que podería tratarse de Tz'akbu Ajaw, tamén coñecida como Ahpo-Hel, quen era esposa do ahau Pakal “o Grande”.[1]

Achado[editar | editar a fonte]

O 11 de abril de 1994, cando realizaba prácticas de escavación, a nova arqueóloga Fanny López Jiménez descubriu no Templo XIII de Palenque unha subestrutura, unha porta e un corredor que a levou a atopar tres recámaras, nunha das cales estaba o sartego da Raíña Vermella.[2] O achado foi reportado a Arnoldo González Cruz, director do proxecto arqueolóxico da zona, quen puxo en marcha os traballos de rescate. O 18 de abril foi descuberta a tumba e o 16 de maio foi descuberto o sartego monolítico. O 31 de maio, Fanny, Arnoldo e o equipo de arqueólogos lograron entrar na cámara funeraria.[3] O 1 de xuño, a lápida, que selara o sartego por máis de mil trescentos anos, foi removida do seu lugar.

Sartego e osamenta[editar | editar a fonte]

O sarctego mide 2,40 m de longo por 1,18 m de ancho, a cámara funeraria é un apousento abovedado que mide 3,80 m por 2,50 m.[4] Sobre a lápida atopábanse un incensario e un malacate de óso, e ós lados do sarcófago os restos óseos dun neno no lado oeste e dunha muller no lado leste. De acordo ós rituais maias, tanto o neno como a muller corresponden a acompañantes ou vítimas sacrificadas para escoltar a un nobre na súa viaxe ó inframundo.[5]

Debido a que o sarcófago non conta con inscricións, a identidade da osamenta non puido ser estabelecida, mais polas características e localización da tumba pódese concluír que se trata dunha persoa da máis alta xerarquía na sociedade maia. A osamenta foi cuberta con cinabrio, mineral composto de mercurio e xofre de cor vermella, que era utilizado para preservar os restos humanos. Precisamente pola pigmentación que adquiriron os restos mortais polo cinabrio, e porque pertenceu a unha muller, tal e como o confirmou o doutor Arturo Romano Pacheco ó observar os ósos da pelve, a osamenta foi bautizada como a Raíña Vermella.[6]

Primeiras investigacións[editar | editar a fonte]

O esqueleto foi trasladado á Cidade de México para a súa análise. O doutor Romano estimou que a Raíña Vermella tiña unha altura de 1,58 m e unha idade de trinta e oito a corenta anos no momento da súa morte. De acordo coa tradición do período Clásico da nobreza maia, o seu cranio fora deformado, dende que era pequena, a unha forma tabular oblicua mediante tabliñas e vendas atadas á testa.[7] Na súa tibia esquerda atopouse a pupa dunha larva de avespa que nunca alcanzou o seu estado adulto.[8] O neno acompañante tería entre oito e once anos no momento da súa morte, a cal ocorreu por decapitación, por outra banda, a muller acompañante tería entre vinte e cinco e trinta e cinco anos de idade, unha altura aproximada de 1.55 m e morrería por extracción de corazón.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tiesler, 2004; 71
  2. Malvido, 2009; 18
  3. Malvido, 2009; 77
  4. Malvido, 2009; 78
  5. Malvido, 2009; 53-54
  6. Malvido, 2009; 135
  7. Tiesler, 2004; 21
  8. Malvido, 2009; 137-138
  9. Malvido, 2009; 139

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]