Provincia fitoxeográfica do Cerrado
A provincia fitoxeográfica do cerrado é unha das provincias fitoxeográficas en que se divide o dominio fitoxeográfico amazónico. Distribúese no sector centro-oriental do Brasil, cubrindo ademais sectores menores doutros países de América do Sur. A súa formación característica componse de extensas sabanas, pero tamén presenta comunidades edáficas onde se presentan bosques baixos, arbustivos, ou selvas en galería.
Sinonimia
[editar | editar a fonte]O nome cerrado está moi difundido e son escasos os traballos que non o empregan ao referirse a esta provincia fitoxeográfica. A palabra es de orixe portuguesa e emprégase para referirse a un lugar 'mesto' ou 'denso'.
Distribución
[editar | editar a fonte]Esta provincia fitoxeográfica comprende as dilatadas sabanas do sector centro-oriental do Brasil, xerando ecotonos cos campos da provincia fitoxeográfica pampeana no centro do estado de Río Grande do Sul.
Inclúe sectores nos estados de Goiás, Distrito Federal, a maior parte de Mato Grosso, Mato Grosso do Sul e o estado de Tocantins, a parte occidental de Minas Gerais e Baía, a parte sur de Maranhão e de Piauí e partes pequenas de São Paulo, Paraná, Santa Catarina e noroeste de Río Grande do Sul.[1]
Fóra do Brasil, tamén se estende polo leste de Bolivia, o nordeste de Paraguai e en enclaves de tipo edáfico entre a selva oriental do sur do Brasil, o leste paraguaio e, xa empobrecido, o nordeste arxentino, nas provincias de Corrientes e Misiones. Nesta última en especial destaca o relicto do Parque provincial Teyú Cuaré e arredores, zona detectada por investigacións nas que se abordou a notábel afinidade da flora vascular desta área protexida con respecto ao Cerrado stricto sensu.
Algúns outeiros do norte do Uruguai presentan influencia desta provincia fitoxeográfica.
A altitude vai desde os 50 msnm até os 1 500 msnm. Os puntos máis altos da provincia fitoxeográfica do Cerrado encóntranse na cadea que se dirixe a través de Goiás cara ao sueste-noroeste.
As máis importantes alturas son o cume da serra dos Pireneus, cunha altitude de 1 385 msnm, a da Chapada dos Veadeiros, con 1 250 msnm, e outros puntos que se estenden cara ao noroeste, a serra de Jerónimo e outras montañas máis pequenas, con altitudes entre os 500 e o 800 msnm.
Afinidades florísticas
[editar | editar a fonte]Esta provincia fitoxeográfica garda estreita relación coa provincia fitoxeográfica atlántica e, en especial, co distrito fitoxeográfico dos campos e malezais da provincia fitoxeográfica paranaense, o cal, segundo algúns autores, dependería do Cerrado.
Durante o holoceno temperán, a vexetación correspondente ao Cerrado expandiuse e ocupou unha superficie maior que a actual. Hoxe existen "illas" de cerrado na área de selvas semideciduas da mata atlántica, que serían remanentes desta maior área de distribución da vegetación do cerrado, alcanzada hai 10 000-7000 anos.
Características
[editar | editar a fonte]A provincia fitoxeográfica do cerrado caracterízase por ser unha das comunidades florísticas de sabana de maior superficie e biodiversidade do mundo. A súa flora componsee de máis de 7000 especies, delas, máis de 4000 son endémicas desta provincia fitoxeográfica.
As familias máis características son as das vochysiáceas, as bignoniáceas e as fabáceas.
A vexetación herbácea cobre a maior parte do territorio. Está principalmente cuberta por poáceas megatérmicas, con multitude de especies herbáceas doutras familias, en especial fabáceas, en xeral salpicadas de árbores e arbustos. A abundancia destas leñosas determínaa a composición do terreo e o solo, con pendentes ou chairas, e o acceso a capas freáticas próximas.
As árbores no cerrado adoitan teren formas irregulares, e polo xeral teñen follas pequenas. Xeralmente non superan os 15 m de altura; só nas selvas de ribeira poden exceder os 25 m. Ns cálidas areas e nos campos rochosos abundan os cactos, bromelias e orquídeas rupícolas, con centos de especies endémicas.
Como o clima é cálido e hai períodos de seca, os incendios naturais ou provocados son característicos. Prodúcense durante a estación seca, e son modeladores fundamentais da paisaxe, limitando a expansión das leñosas e favorecendo ás gramíneas. Por esta razón, encóntranse moitas especies con adaptacións para soportar o lume como, por exemplo, groeso espesor de súber, potentes xilopodios, desenvolvemento de túnicas de catáfilas etc.
Solos
[editar | editar a fonte]Os solos preséntanse dunha forte tonalidade avermellada, lateríticos, formados por partículas finas, ben drenados, profundos.
Son de baixa fertilidade natural, degradados debido á lixiviación, de reacción ácida, cun pH que varía desde 4,3 até 6,2.
Compóñense de caolinita, goethita e gibbsita, contendo unha alta porcentaxe de aluminio, e baixa dispoñibilidade de nutrientes tales como fósforo, calcio, magnesio, potasio, cinc, materia orgánica e arxila.
Nos outeiros máis altos encóntranse cantos rolados, arxilas con inclusións de rocha e estratos de area.
Relevo
[editar | editar a fonte]O relevo preséntase con poucas zonas planas, maiormente en lombas suaves ou serras de pouca altura.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima máis característico é o de sabana continental. As xeadas están ausentes. Cara ao sur preséntase tamén o clima semitropical húmido, no que no inverno se producen suaves xeadas, aínda que as ladeiras dos outeiros (pola drenaxe do aire frío) e algúns sectores que bordean aos grandes ríos adoitan estaren libres delas grazas ás néboas nocturnas e á acción arrequentadora das augas cálidas.
As chuvias ocorren na temporada estival, acumulando 1200 mm nos sectores menos favorecidos, e superando os 2000 mm cara ao leste, nos enclaves das serras. A estación seca preséntase entre maio e setembro. As temperaturas medias van desde os 21 °C até os 25 °C.
Comunidades florísticas
[editar | editar a fonte]As comunidades florísticas principais do cerrado, tanto as climáxicas como as logradas baixo un clímax edáfico, son:
- O cerrado senso stricto
- El cerradão.
- Os campos sucios
- O cerrado campestre
- O cerrado rupestre
- A selva en galería do cerrado
- As selvas en verea do cerrado
A comunidade característica é a sabana aberta, con árbores tortuosos de 8 a 12 m de altura, importante variedade de arbustos, gramíneas e fabáceas.
Tamén se encontran nas zonas máis elevadas os "campos limpos", de altos pasteiros con arbustos dispersos.
As selvas en galería están sempre presentes nas marxes dos cursos fluviais, formando unha intricada rede que conecta as selvas amazónicas coas selvas paranaenses.
Cerrado rupícola
[editar | editar a fonte]Preséntase en contornos rochosos ou líticos, ben drenados. A cuberta leñosa cobre entre o 5 % e o 20 %, e conta cunha altura media de 2 a 4 m. As especies de árbores e arbustos concéntranse nas fendas das rochas; os endemismos son numerosos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cabrera, A. L. & Willink, W. (1980): Biogeografía de América Latina Segunda edición corregida. Colección de Monografías Científicas de la Secretaría General de la Organización de los Estados Americanos, Programa Regional de Desarrollo Científico y Tecnológico. Washington D.C.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Behling, H. (1998): "Late Quaternary vegetational and climatic changes in Brazil". Rev. Palaeobot. Palynol. 99: 143-156.
- Biganzoli, F. & Múlgura de Romero, M. (2004): "Inventario Florístico del Parque Provincial Teyú Cuaré y alrededores (Misiones, Argentina)" Darwiniana v. 42 nº 1-4 San Isidro, ene./dic. 2004.
- Cabrera, A. L. (1971): "Fitogeografía de la República Argentina". Boletín de la Sociedad Argentina de Botánica, Vol. XIV, n° 1 e 2. Bs. As. Argentina. 1-60 pp.
- Cabrera, A. L. (1976): "Regiones fitogeográficas argentinas". Enciclopedia Argentina de Agricultura y Jardinería, Tomo II Fs. 1. Ed. ACME. Bs. As. Argentina. 1-85 pp.
- Cabrera, A. L. e Willink, W. (1980): Biogeografía de América Latina, OEA, Ser. Biol., Monogr. 3.
- Chébez, J. C. (2005): Guía de las Reservas Naturales de la Argentina. Volume 3: Nordeste. pp. 288. Editorial Albatros. ISBN 950-24-1058-0.
- Chébez, J. C. & Hilgert, N. (2002): "Breve historia de la conservación en la selva paranaense", en "El Estado de la Mata Atlántica".
- Ledru, M. P.; Salgado-Labouriau, M. L. & Lorscheitten, M. L. (1998): "Vegetation dynamics in southern and central Brazil during the last 10.000 yr. B.P." Rev. Palaeobot. Palynol. 99: 131-142.