Provincia de Aksaray
Aksaray é unha provincia (en turco il) do centro de Turquía, situada na rexión (bölge) da Anatolia Central (en turco: İç Anadolu Bölgesi) con 7.626 km² de superficie e 376.907 habitantes no ano 2009.[1] A capital da provincia é a cidade de Aksaray.
Limita coas provincias de Konya polo sur e o oeste, Niğde polo sueste, Nevşehir polo leste e Kırşehir polo norte. É unha das catro provincias da rexión da Capadocia, xunto con Nevşehir, Niğde e Kayseri. No seu territorio érguese o volcán monte Hasan, de 3.000 metros de altitude entre Aksaray e Niğde. Os veráns na chaira son cálidos e secos, aínda que na primavera hai abundante flora, especialmente durante o desxeo. En Aksaray podemos encontrar tamén o lago Tuz, un lago salgado cunha extensión de 2.400 km².
Historia[editar | editar a fonte]
Na antigüidade, esta zona era coñecida como Archelais Garsaura; esta nomenclatura converteuse en Taksara durante a era Selxúcida, para acabar converténdose en Aksaray.

As chairas da Anatolia central estiveron habitadas desde hai 8.000 anos e a contorna de Aksaray acolle monumentos da sucesión de civilizacións que ocuparon a zona durante todos eses anos. O túmulo de Aşıklı höyük na poboación de Kızılkaya corresponde a un asentamento datado en torno ao ano 5000 a. C., así como un cranio feminino que aparentemente foi trepanado, o resto máis antigo de cirurxía cerebral.
Posteriormente a Ruta da Seda cruzou estas paraxes, polo que se construíron caravasares e formáronse poboacións para abastecer e darlle abrigo aos comerciantes. A cidade de Aksaray e os seus arredores viviron o paso da civilización romana, Bizancio e o Imperio otomán.
Hoxe en día, Aksaray é unha provincia agrícola, habitada por xente relixiosa e conservadora. A partir dos anos 50 do século XX produciuse unha grande emigración cara a Europa. A poboación de Aksaray presenta unha proporción de kurdos máis elevada que no resto das provincias da Anatolia central. Moitos deles foron trasladados desde Tunceli e outras cidades orientais tras a Rebelión de Sheikh Said de 1925.[2]
Distritos[editar | editar a fonte]
Lugares de interese[editar | editar a fonte]

- Aşıklı Höyük - túmulo funerario 25 quilómetros ao leste da cidade de Aksaray.
- Acemhöyük - un primitivo asentamento da Idade de Bronce, 18 quilómetros ao noroeste de Aksaray.
- A antiga cidade de Nora, na poboación de Helvadere.
- Numerosas igrexas e mesquitas.
- Val de Ihlara - un canón, a 40 quilómetros de Aksaray, no distrito de Güzelyurt
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ TURKSTAT, ed. (2009). "Address based population registration system (ABPRS) database". Consultado o 2010-06-09.[Ligazón morta]
- ↑ "TÜRK OTAĞI.Türkçüler ve Türkçülük". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2007. Consultado o 27 de decembro de 2012.
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Provincia de Aksaray |