Proceso en Jacobusland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Proceso en Jacobusland
(Fantasía xudicial en ningures)
Autor/aEduardo Blanco Amor
CubertaAlfonso Costa
OrixeGalicia
LinguaGalego
ColecciónA Biblioteca do Arlequín, nº 12
Xénero(s)Teatro
EditorialEdicións Laiovento
Data de pub.1990
Páxinas47
ISBNISBN 84-7824-030-6
editar datos en Wikidata ]

Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures) é unha obra dramática de Eduardo Blanco Amor publicada por Laiovento en 1990.[1] Foi traducida ao catalán.[2]

Prólogo de Luís Pérez[editar | editar a fonte]

O teatro de E. Blanco Amor en busca de actores.

Blanco Amor escribiu a peza en 1973 e en 1974 leulla a un grupo persoas (Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Xan Guisán...).

En 1976 a Editorial Cuadernos para el Diálogo, Edicusa, publicou unha versión de Farsas para títeres en castelán co título Farsas y autos para títeres, na que se incluía o texto inédito Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures), que a censura fixo arrincar materialmente dos exemplares impresos. No mesmo ano a editorial fixo unha segunda edición na que xa incluíu o texto.[3]

En 1980 foi publicada en castelán pola revista Pipirijaina. A versión castelá é máis libre, está adaptada lingüisticamente para un público que ten interiorizada unha historia teatral diferente á nosa.

En 1990 Laiovento publica só o texto galego, idioma no que foi pensada e escrita a obra.

"é unha farsa esperpéntica de carácter político, na que os grandes e pequenos nomes están aludidos: a farsa dunha suposta xustiza humana, occidental, coa música de fondo do pasodobre da Festa Nacional, a guerra civil... Os elementos aparecen estilizados, pero describen unha realidade absurda, esperpéntica, perto das concepcións de Valle e de Arrabal. As voces en off axudan a alongar esta imaxe deformadora. Peza coherente, complexa e áspera de tono, é unha visión lúcida da realidade, posta en escena por uns títeres grotescos (p. 18)"

Contido[editar | editar a fonte]

Carta de Blanco Amor a Carlos Laíño o 19-4-1978.
  • Uxier, sen idade
  • Presidencio, vello
  • Segredoiro, sen idade
  • Paisán ou Presunto, 40 anos
  • Acusativo Vertical, 60 anos
  • Muller ou Convicta-Confesa, 30 anos, que son 20
  • Defensorio Tolerado, 25 anos

Sala do Tribunal de Inxustiza en Jacobusland.

Acción escénica pantomímica.

Os letrados están debruzados e adormecidos, cada tanto espertan, escorrentan as moscas, endereitan o peluquín etc.

Acción mixta.

Voz en off: Audiencia pública. O espantallo ponse a tremer. Aparece o Uxier e sae unha cabeza degolada, moi ensanguentada e risoña. Tira con ela coma se fose un birlo e colle unha chave antiga de darlle corda aos reloxos; con ela vai espertando os letrados. Aparece o Presidencio, fraco, ollos de tolo, leva un colar honorífico con forma de porquiño. Espreguízase, senta e le os folios da mesa.

Acción-diálogo.

Represenación dun xuízo esperpéntico no que todo está amañado e o que menos importa é a xustiza. O xuíz está máis interesado nas súas nécoras ca nos feitos, non se escoitan os acusados nin interesan os feitos. Todo é unha farsa, pouco importa o que digan o Paisano, a Muller ou os veciños de Trasariz de Embaixo acusados de reunión ilegal cando o que estaban era a botar unha partida de cartas na cantina. Cando, ao final, o Paisano pode falar, conclúe:

En los años treita y seis
cando naide la ajardaba
escomenzó de arrepente
la liorta máis disjraciada
(Baixa o telón adispacio.)
Aínda non mediara el vrau
por las calendas de Julio,
se armó da le diosescristo
en la Corte y otros puntos.
(Cerra o telón.)
La guente se echó a las calles
y la tropa uniformada.
Unos din "revolución"
y outros, prenuncian "crozada.

Como siempre el probe poebo
pra quien dicen que es el trunfo,
el solo pajó la guerra
con un millón de difuntos... (p.47)

Importancia[editar | editar a fonte]

Na Historia da Literatura Galega da AS-PG[4]:

"o grotesco atinxe unha extraordinaria forza expresionista. Algo que se advirte xa nos nomes dos personaxes: Presidencio, Secretostio, Acusativo Vertical, Defensorio Tolerado... e tamén no espacio escénico indicado polo autor: Sala do Tribunal de Inxustiza de Jacobusland. Blanco Amor dá grande importancia ás acotacións, ás veces extensas e meticulosas, como cando sinala exactamente o tempo que ten de durar un voo musical de moscóns, 90 segundos, tomado do coñecido fragmento de Rimsky-Korsakov que se encontra na súa ópera O Tsar Saltón. O esperpento valleinclanesco está presente, mais Blanco Amor leva os seus entes de ficción, que non personaxes, ata os maiores extremos de deformación sarcástica. O romance de cego e romaría, sobre a guerra civil, que encerra a obra deixa un sabor acedo porque desaparece o grotesco e festivo e se adiviña a terríbel realidade que se agacha após a representación."

Segundo Laura Tato:[5]

"O autor fai unha descarnada pintura da esperpéntica xustiza da ditadura; é unha tráxica resposta á grotesca mascarada xudicial que se viveu no Estado nos últimos anos dunha etapa da nosa historia que semellaba eterna... A denuncia máis directa fica reflectida nos nomes das leis, das institucións e dos detentores do poder: Tribunal de Volveporoutra, Visorrei Territorial Doutor Suevio Muxindo, Leis de Eilledoi e Fodímola... A figura do Paisán que cerra a obra é paralela ao Cego que abre O Mariscal de Cabanillas..."

Para o Diccionario da literatura galega[6]:

"Na liña do esperpento polítcio e xudicial, foi pensada para representacións do teatro independente na agonía do franquismo e, incorporando tópicos da crítica política e ideolóxica, resíntese do seu conxuntural destino."

Segundo Xosé Ramón Pena[7]:

"A peza, cuxo cantar de cego final anuncia a proximidade do 18 de xullo e que incorpora algúns lugares comúns da crítica socio-política do teatro dos anos 70, así como moitos dos seus procedementos dramáticos e esceno-técnicos, convértese no artifacto de denuncia do absurdo autoritarismo xudicial."

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Blanco Amor, Eduardo (1990). Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures). A Biblioteca do Arlequín. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-030-6. 
  2. "Eduardo Blanco Amor e o teatro: Commemoració LLetres Gallegues 1993 [Procés a Jacobusland]". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-17. 
  3. Blanco-Amor, Eduardo (1976). Farsas y autos para títeres. Editorial Cuadernos para el Diálogo. p. 209. 
  4. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2019-08-24. 
  5. "O teatro de Eduardo Blanco Amor" (PDF). illa.udc.es. Consultado o 24/08/2019. 
  6. Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da literatura galega I. Autores. Ed. Galaxia. p. 80. ISBN 84-8288-019-5. 
  7. Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da literatura galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 479. ISBN 978-84-9121-481-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]