Priroda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Esquema do módulo Priroda.

Priroda (índice GRAU 11F77I) foi o último módulo da estación espacial soviético-rusa Mir. Foi deseñado orixinalmente para a observación da Terra con fins civiles e militares e despois reacondicionado para servir como módulo na nova estación. Tiña unha masa de 19.000 kg e foi lanzado o 23 de abril de 1996 a bordo dun foguete Proton K.[1][2]

Priroda, ao igual que o módulo Spektr, ten a súa orixe no programa de estacións espaciais militares soviéticas. Co derrubamento do réxime soviético o programa finalizou, e Priroda, xunto con Spektr, aínda sen rematar, pasaron a almacenamento. Anos máis tarde os Estados Unidos acordaron con Rusia proporcionar fondos para rematar ambos módulos a cambio de levar a bordo entre 600 e 700 kg de experimentos americanos. Priroda foi o último módulo da Mir e foi destinado principalmente a facer observacións da Terra, como a busca de recursos naturais e o estudo da atmosfera. Tamén serviu para facer experimentos de materiais, biolóxicos e de tecnoloxía espacial. O volume presurizado total do módulo era de 66 m3 e non levaba ningún panel solar, polo que cando estaba desconectado da estación tiña que facer uso das súas baterías. Como sistema de propulsión contaba con dous motores principais de 3,9 kN de pulo e varios propulsores de 400 N de pulo para o control de actitude. O módulo acoplouse coa estación polos seus propios medios, automaticamente, o 26 de abril de 1996.[1][2]

Entre os instrumentos que levou a bordo destacan:[1][2]

  • Alissa, un lídar para facer medicións na capa superior de nubes cunha resolución vertical de 150 m e horizontal de 1 km.
  • Receptor Centaur, un receptor de 400 MHz para recoller datos enviados por boias mariñas.
  • Interferómetro DOPI, para o estudo de gases de aerosois de entre 2,4 e 20 micrómetros.
  • Altímetro oceánico Greben, un altímetro con 10 cm de resolución vertical.
  • Radiómetro de microondas Ikar D.
  • Radiómetro de microondas Ikar N.
  • Radiómetro de microondas Ikar P.
  • Espectroradiómetro Istok 1 no infravermello.
  • Espectrómetro MOS-Obzor para o estudo de aerosois e reflectancia mariña.
  • Cámara multiespectral MOMS 02P.
  • Explorador óptico de alta resolución MSU-E2.
  • Espectrómetro Ozon M para o estudo do ozono e de aerosois.
  • Radar de apertura sintética Travers.

Priroda foi destruído xunto co resto da Mir durante a reentrada controlada da estación o 23 de marzo de 2001 sobre o océano Pacífico.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Mark Wade (2011). "Priroda" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "Priroda (TsM-I, 77KSI, 11F77I)" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]