Premio Valle-Inclán da Deputación de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O premio Valle-Inclán foi un certame de investigación constituído no ano 2004 polo Padroado da Fundación Valle-Inclán e convocado pola Deputación de Pontevedra xunto ao Concello de Vilanova de Arousa até o ano 2011.

Obxectivo[editar | editar a fonte]

Este premio formaría parte dun conxunto de Premios de Investigación potenciados por parte do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra cuxa principal finalidade é fomentar a cultura e brindar unha oportunidade a artistas e investigadores de achegaren cos seus traballos novas tendencias en cadanseu campo[1]. Deste xeito, o obxectivo do Premio Valle-Inclán era galardoar aqueles estudos rigorosos e de prestixio académico que tratasen, desde un punto de vista científico-divulgativo, calquera aspecto relacionado coa vida e obra do seu persoeiro máis ilustre.[2] Así mesmo, estes debían ser orixinais, inéditos e estar escritos en calquera das dúas linguas oficiais de Galicia.

Historia[editar | editar a fonte]

O Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, na súa sesión ordinaria do día 28 de abril do ano 2004, aceptou a convocatoria do Premio Valle-Inclán.[3] O orzamento, aínda que repartido de maneira dispar dependendo do ano e do número de premiados ou accésits, sempre foi de 24.000,00 €. Por outra banda, o concurso levaríase a cabo anualmente até 2011, coa excepción do ano 2010. Sería tamén en 2011 cando se engadiría nas bases que, a partir de entón, a convocatoria pasaría a ter un carácter bianual, alternando entre as modalidades de ensaio e teatro, xénero que até ese momento non fora considerado para ser galardoado.[4] Ese mesmo ano o premio estaría dedicado aos espectáculos dramáticos e teatrais baseados nas obras do escritor que foran representados durante o ano anterior. Porén, o premio Valle-Inclán non se volvería realizar.

2004[editar | editar a fonte]

Xaquín Núñez Sabarís foi o gañador cunha dotación de 15.000,00 € polo traballo Valle-Inclán en el fin de siglo. Estudio crítico de femeninas. O traballo examina a primeira obra de Valle-Inclán dentro do seu contexto histórico-literario, estuda as diferentes variantes que tivo o texto orixinal e analiza as técnicas narrativas empregadas polo vilanovés na súa primeira etapa.[5]

Accésit

Concedéronse dous accésits por importe de 4.500,00 euros cada un a:

2005[editar | editar a fonte]

Euloxio Rodríguez Ruibal foi o gañador cunha dotación de 16.000,00 € polo traballo Valle-Inclán e o teatro galego. Neste estudo, o autor analiza a influencia que exerceu a estética de Valle-Inclán nos textos dramáticos dos principais autores galegos e o grao de importancia que esta tivo na conformación e desenvolvemento dunha dramaturxia nacional galega.[6]

Accésit

O accésit foi entregado por importe de 8.000,00 € ao traballo Valle-Inclán caricaturista moderno. Nueva lectura de Luces de Bohemia, de Jesús Rubio Jiménez.

2006[editar | editar a fonte]

O premio foi outorgado ex aequo cunha dotación de 12.000,00 € aos estudos:

  • Valle-Inclán ¿un sistema literario?, de Eliane Lavaud-Fage. Neste traballo, a investigadora francesa procura, a través da análise da obra completa de Valle-Inclán, as constantes que persisten na estética do autor vilanovés co fin de responder se estas configuran un sistema literario propio.[7]
  • La palabra en los ojos o el alfabeto en movimiento: una aproximación a la dramaturgia de Valle-Inclán desde la estética del silencio, de Anxo Abuín González.

2007[editar | editar a fonte]

O xurado resolveu deixar deserto o premio este ano ao consideraren os seus membros que as obras presentadas (tres traballos procedentes de universidades dos Estados Unidos, Italia e Madrid) non achegaban novidades de entidade aos estudos xa publicados e coñecidos sobre Valle-Inclán.

2008[editar | editar a fonte]

Cunha dotación de 18.000,00 €, o traballo gañador foi Todo Valle-Inclán en Roma, presentado polo Grupo de Investigación Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela (integrado por: Margarita Santos Zas, Sandra Domínguez Carreiro, Rosario Mascato Rey, Catalina Míguez Vilas, Carmen Elena Vílchez Ruiz, Cristina Villarmea Álvarez e Francisca Martínez Rodríguez, e coa colaboración de Ángeles Gómez Abalo). O traballo recompila toda a documentación escrita relativa a Valle-Inclán mentres este presidiu a Academia Española de Belas Artes de Roma entre os anos 1933 e 1936.[8]

Accésit

O xurado acordou conceder:

  • Un accésit por importe de 4.000,00 € ao traballo titulado La revolución espectacular. El teatro de Valle-Inclán en la escena mundial, de José María Paz Gago.
  • Un accésit por importe de 2.000,00 € ao traballo titulado La Galicia arcádica de Aromas de Leyenda. Huellas de la pastoral clásica en el primer poemario de Valle-Inclán, de Soledad Pérez-Abadín Barro.

2009[editar | editar a fonte]

O premio foi outorgado ex aequo cunha dotación de 10.000,00 € aos estudos:

  • Ramón del Valle-Inclán: Luces de Bohemia, una revolución dramática con una carta autógrafa inédita de C. Rivas Cherif, de Jean Marie Lavaud. O traballo está composto por unha serie de reflexións persoais sobre o teatro valleinclaniano e un rigoroso estudo da obra en que analiza as súas distintas facetas e proporciona unha lectura do esperpento desde a perspectiva do expresionismo e do teatro posdramático.[9]
  • Josefina Blanco y Ramón del Valle-Inclán: Pedestal de los sueños, presentado por Antonio Deaño Gamallo e Jesús Rubio Jiménez. Este estudo recupera unha colección de cartas entre o escritor e a súa muller, a actriz Josefina Blanco, o cal non só ofrece un seguimento documentado desde o namoro até o divorcio, senón que, asemade, serve como proba das condicións de precariedade da vida artística en España durante as primeiras décadas do século XX.[10]
Accésit

O accésit foi concedido por importe de 4.000,00 € a Jesús Mª Monge López polo traballo titulado Valle-Inclán, Catedrático de Estética (1916-1919).

2011[editar | editar a fonte]

O premio foi outorgado ex aequo cunha dotación de 8.000 € ás seguintes compañías teatrais:

Xurado[editar | editar a fonte]

Segundo as bases do premio,[3] o xurado debe estar composto pola persoa que ocupe a Presidencia da Deputación e pola que sexa titular da Corporación (ou en quen deleguen), así como por unha que represente cada un dos seguintes organismos: Consellaría de Cultura, Consellaría da Cultura Galega e Fundación Valle-Inclán. Do mesmo xeito, o xurado tamén ten de estar conformado por unha serie de vogais, a saber, a persoa que exerza a alcaldía do Concello de Vilanova de Arousa, aquela que presida a Comisión de Cultura da Deputación, tres persoas nomeadas pola Presidencia de recoñecido prestixio nas artes dramáticas e outra que represente o Servizo de Cultura. As decisións tomadas son inapelábeis, no entanto, os integrantes poden solicitar asesoramento de especialistas na materia.

Premios relacionados[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "depontevedra.es - Cultura". arquivos.depo.es. Consultado o 2019-03-11. 
  2. "Valle-Inclán". www.depo.gal (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 2019-03-11. 
  3. 3,0 3,1 "depontevedra.es - Cultura". arquivos.depo.gal. Consultado o 2019-04-08. 
  4. "depontevedra.es - Cultura". arquivos.depo.gal. Consultado o 2019-04-08. 
  5. Núñez Sabarís, Joaquín (2002). "Femeninas" de Valle-Inclán. Estudio y edición crítica. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-164-0. 
  6. Rodríguez Ruibal, Euloxio (2006). Valle-Inclán e o teatro galego: a recepción da obra dramática de Valle-Inclán na dramaturxia galega (1916-1973). TrisTam. ISBN 84-89377-62-6. 
  7. Lavaud-Fage, Eliane (2008). Valle-Inclán ¿un sistema literario?. Deputación de Pontevedra. ISBN 9788484573029. 
  8. Santos Zas, Margarita; Martínez, Francisca; Vilchez Ruíz, Carmen; Míguez Vilas, Catalina; Villarmea, Cristina; Domínguez Carreiro, Sandra; Mascato Rey, Rosario (2010). Todo Valle-Inclán en Roma. Universidade de Santiago de Compostela; Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-9887-381-8. 
  9. Lavaud, Jean-Marie (2013). Ramón del Valle-Inclán, "Luces de bohemia": una revolución dramática. Orbis Tertius. ISBN 978-2-36783-005-6. 
  10. Rubio Jiménez, Jesús; Deaño Gamallo, Antonio (2011). Ramón del Valle-Inclán y Josefina Blanco: el pedestal de los sueños. Prensas Universitarias de Zaragoza. ISBN 9788415274285. 
  11. "«BOE» núm. 27, de 31 de enero de 1974" (PDF). Consultado o 08/04/2019.