Saltar ao contido

Portal:Vigo/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vigo (tamén coñecida como a Cidade olívica) é unha cidade situada no suroeste de Galiza e bañada polo océano Atlántico, nas rías Baixas. Cunha poboación de 294.098 habitantes, Vigo é a cidade máis poboada de Galicia, e a cidade sen rango de capital con máis poboación de España. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.718 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo na provincia de Pontevedra. Historicamente, pertenceu á comarca de Val do Fragoso, aínda que actualmente constitúe o núcleo da comarca de Vigo.

É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (Ría de Vigo), ao nordeste co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente.

A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Entre os motores da economía de Vigo está a industria automobilística, liderada por PSA Peugeot Citroën, que ten no concello a súa primeira factoría en importancia de Europa. Asemade, son moi importantes a construción naval e o sector pesqueiro, sendo o porto de Vigo o porto pesqueiro máis importante de España.