Portal:Ucraína/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Yosyf Slipyi (en ucraíno: Йосиф Сліпий), de nome secular Yosyf Kobernytskyi-Dychkovskyi (en ucraíno: Йосиф Коберницький-Дичковський), nado en Zazdrist (Galicia [Imperio austrohúngaro]) o 17 de febreiro de 1892 e finado en Roma o 7 de setembro de 1984, foi un bispo católico ucraíno, arcebispo maior de Lviv e cardeal da Igrexa católica. Preso do réxime soviético dende 1945, foi finalmente liberado en 1963, grazas ás presións do Vaticano e dos Estados Unidos para participar no Concilio Vaticano II.

En 1916 doutorouse no Collegium Canisianum de Innsbruck, e o ano seguinte foi ordenado sacerdote en Lviv (Ucraína), volvendo logo a Innsbruck, e posteriormente a Roma para estudar no Pontificio Instituto Oriental e na Pontificia Universidade Gregoriana, antes de regresar a Lviv, onde en 1926 pasou a ser reitor da Academia Teolóxica de Lviv.

Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos: en 1968, con ocasión da súa visita pastoral ao Canadá e aos Estados Unidos, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade San Paulo de Ottawa, pola Universidade Loyola de Chicago e pola Universidade Católica de América; e foi tamén distinguido como doutor honoris causa pola Universidade Libre Ucraína, con sede en Múnic.