Portal:Star Wars/Filmes/Arquivo
Aquí están todos os filmes de Star Wars:
Star Wars é unha película estadounidense de 1977 escrita e dirixida por George Lucas; renomeada como Star Wars: Episode IV - A New Hope en 1999. En galego titulouse orixinalmente A guerra das galaxias e tras ser renomeada coñécese como A guerra das galaxias: Episodio IV - Unha esperanza nova ou Star Wars: Episodio IV - Unha esperanza nova. Foi a primeira película que se estreou da saga Star Wars, e ordénase como a cuarta en termos da súa cronoloxía interna. Dous filmes subseguintes continuarían a trama da triloxía orixinal (O imperio contraataca e O retorno do Jedi), namentres que outra triloxía (The Phantom Menace, Attack of the Clones e Revenge of the Sith) describiría os eventos previos a A guerra das galaxias. A estrea desta precuela provocou o cambio no título orixinal da primeira película, que pasou a incorporar o número de episodio IV (catro en numeración romana) e o subtítulo A New Hope («Unha esperanza nova» en galego). O elenco estivo integrado por Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher, Peter Cushing, Alec Guinness, Anthony Daniels, Kenny Baker, Peter Mayhew e David Prowse.
A trama describe a historia dun grupo de guerrilleiros —coñecidos como a Alianza Rebelde— que ten como obxectivo destruír a estación espacial Estrela da Morte, creada polo opresor Imperio Galáctico. Dende unha perspectiva xeral, a historia enfócase nun mozo campesiño chamado Luke Skywalker, quen, de xeito repentino se converte nun heroe conforme acompaña ó Mestre Jedi Obi-Wan Kenobi, nunha misión que o levará a unirse a Alianza Rebelde para axudarlles a destruíla estación espacial do Imperio.
A partir do seu lanzamento mundial, o 25 de maio de 1977, foi considerada un fito na historia do cine, principalmente polo uso de efectos especiais innovadores na época. Ademais, é unha das películas de máis éxito de tódolos tempos, así como unha das máis influentes na cinematografía contemporánea.