A guerra das galaxias (filme)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A guerra das galaxias
Star wars 1977 us.svg
Logotipo orixinal de Star Wars
Ficha técnica
Título orixinal
  • Star Wars
  • Star Wars: Episode IV - A New Hope (dende 1999)
DirectorGeorge Lucas
ProdutorGary Kurtz
GuiónGeorge Lucas
Intérpretes
MúsicaJohn Williams
FotografíaGilbert Taylor
Montaxe
EstudioLucasfilm
Distribuidora20th Century Fox
EstreaFlag of the United States.svg 25 de maio de 1977
Duración121 minutos[1]
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos[2]
XéneroCiencia ficción, Aventuras
Orzamento11 000 000 $[3][4]
Recadación775 398 007 $[3]
Filme anteriorRogue One
Filme seguinteO imperio contraataca

Star Wars é unha película estadounidense de 1977 do subxénero de ciencia ficción space opera,[5] escrita e dirixida por George Lucas;[6] renomeada como Star Wars: Episode IV - A New Hope en 1999. En galego titulouse orixinalmente A guerra das galaxias e tras ser renomeada coñécese como A guerra das galaxias: Episodio IV - Unha esperanza nova ou Star Wars: Episodio IV - Unha esperanza nova. Foi a primeira película que se estreou da saga Star Wars, e ordénase como a cuarta en termos da súa cronoloxía interna. Dous filmes subseguintes continuarían a trama da triloxía orixinal (O imperio contraataca e O retorno do Jedi), namentres que outra triloxía (The Phantom Menace, Attack of the Clones e Revenge of the Sith) describiría os eventos previos a A guerra das galaxias, centrada en torno ó antagonista principal Darth Vader. A estrea desta precuela provocou o cambio no título orixinal da primeira película, que pasou a incorporar o número de episodio IV (catro en numeración romana) e o subtítulo A New HopeUnha esperanza nova» en galego).

O guión foi redactado por George Lucas mentres dirixía a súa primeira longametraxe, influenciado principalmente polos cómics de Flash Gordon, as películas sobre samurais de Akira Kurosawa e a obra The Hero with a Thousand Faces de Joseph Campbell. Ó finalizar o Festival de Cannes de 1971, Lucas firmou un acordo coa produtora Universal Studios para realizar dúas películas, que máis tarde se converterían en American Graffiti e Star Wars. O elenco estivo integrado por Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher, Peter Cushing, Alec Guinness, Anthony Daniels, Kenny Baker, Peter Mayhew e David Prowse; a rodaxe realizouse na estepa tunisiana, Londres e Guatemala. Os efectos especiais correron a cargo de Industrial Light & Magic, empresa creada especificamente para esta película.

A trama describe a historia dun grupo de guerrilleiros —coñecidos como a Alianza Rebelde— que ten como obxectivo destruír a estación espacial Estrela da Morte, creada polo opresor Imperio Galáctico. Dende unha perspectiva xeral, a historia enfócase nun mozo campesiño chamado Luke Skywalker, quen, de xeito repentino se converte nun heroe conforme acompaña ó Mestre Jedi Obi-Wan Kenobi, nunha misión que o levará a unirse a Alianza Rebelde para axudarlles a destruíla estación espacial do Imperio.

A partir do seu lanzamento mundial, o 25 de maio de 1977, foi considerada un fito na historia do cine, principalmente polo uso de efectos especiais innovadores na época. Ademais, é unha das películas de máis éxito de tódolos tempos, así como unha das máis influentes na cinematografía contemporánea. Obtivo sete premios Oscar dun total de dez candidaturas (incluíndo a de «mellor película», que perdeu fronte a Annie Hall de Woody Allen). Star Wars converteuse na película que acadou máis recadación de tódolos tempos, superando a Tiburón (1975), alcanzando unha cifra superior ós 775 millóns USD en todo o mundo, e mantivo o récord ata que foi superada por E.T. the Extra-Terrestrial (1982) de Steven Spielberg. En 1989 a filmoteca National Film Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos engadiu o título á súa escolma ó considerala unha «película cultural, estética ou historicamente relevante», namentres que o guión de Lucas foi escollido polo gremio Writers Guild of America como un dos mellores xamais redactados.

A película foi reeditada en varias ocasións a instancia de George Lucas, incorporando moitos cambios que inclúen; a adición de imaxes xeradas por ordenador, alteración de diálogos, reedición de secuencias, banda sonora mesturada e escenas engadidas.

Produción[editar | editar a fonte]

A descrición detallada acerca de como se iniciou A guerra das galaxias non puido ser determinada a consecuencia das diferentes declaracións emitidas por George Lucas, as cales tenden a cambiar co transcurso do tempo.[7][a]

Guión[editar | editar a fonte]

Tras finalizar a rodaxe de THX 1138, United Artists firmou un contrato con George Lucas para a realización de American Graffiti e A guerra das galaxias. Pouco despois, a compañía abandonou os proxectos.[8]

En 1971 o director George Lucas empezou a concibir as primeiras ideas sobre A guerra das galaxias[9] mentres finalizaba a produción da súa primeira longametraxe THX 1138, non obstante Lucas desvelou que realmente o proxecto xurdiu incluso antes de dirixir THX 1138.[10] Influenciado directamente polas historietas do personaxe ficticio Flash Gordon[11] intentou en van obter os dereitos destas para realizar unha adaptación cinematográfica.[12]

Tras finalizar a rodaxe da súa primeira película, e en pleno Festival de Cine de Cannes, a compañía United Artists firmou un contrato co director para a realización de dúas películas. A primeira reflectiría a xuventude estadounidense de principios da década de 1960 (American Graffiti), mentres que a outra xiraría en torno a unha space opera denominada The Star Wars. Emporiso United Artists desligouse da primeira xusto cando Lucas comezaba a escribir o guión. En cambio Universal Studios accedeu a encargarse da produción e distribución do filme,[8] o cal se estreou en 1973. Tras finalizar American Graffiti o director comezou a enfocar a súa atención en The Star Wars, empezando a redactar os primeiros bosquexos en xaneiro dese mesmo ano. Por aquel entón, aínda se descoñecía a recepción alcanzada por American Graffiti, non contaba cunha estrutura ben definida de tódolos detalles vinculados á space opera.[8]

Primeiros escritos[editar | editar a fonte]

O proceso de redacción do guión comezou de forma progresiva, conforme Lucas ía engadindo os elementos principais da trama. Deste modo inventou varios nomes que serían asignados a unha personalidade en particular, os cales tiñan en común o feito de posuír unha estraña pronunciación. Malia que a maioría foron descartados en revisións posteriores do escrito orixinal unha boa parte conseguiu ser introducida no guión definitivo e nas continuacións da película. Entre estes encóntranse «Luke Skywalker» e «Han Solo». De igual xeito outros serían considerados durante a produción da triloxía previa ós sucesos de A guerra das galaxias, sendo o caso do personaxe Mace Windu, quen logo pasou a ser coñecido simplemente como Windu. Deseguido Lucas compilou os seus bosquexos para conformar unha sinopse de dúas páxinas de extensión titulada The Journal of the Whills, relato —acerca do fillo dun famoso piloto que logo sería instruído como aprendiz de «Padawan» por un respectable «Jedi-Bendu»—[13] que non tiña moito que ver co escrito que sería considerado para a adaptación cinematográfica.[13] Empeñado en crear un novo escrito que resultara máis comprensible para os estudios Universal[14] Lucas decidiu basearse nos elementos narrativos de A fortaleza escondida (1958) do director Akira Kurosawa.[15] De xeito similar ó acontecido con Flash Gordon, tentaría adquirir os dereitos para unha nova versión fílmica de A fortaleza escondida, sen progresar tampouco esta vez na súa pretensión.[16] Finalmente decidiu crear un escrito de 14 páxinas inspirado no libro The Films of Akira Kurosawa de Donald Richie. A sinopse tiña varias similitudes coa película de Kurosawa, co que semellaba un texto idéntico onde a única diferencia radicaba nos nomes e nos escenarios principais da historia.

A negociación con 20th Century Fox[editar | editar a fonte]

Pouco despois de crear o extracto, idéntico a A fortaleza escondida, Universal Studios desligouse da película pensando que o seu orzamento se tornaría demasiado arriscado como para inverter nela. Ante isto Lucas reuniuse co produtor executivo de 20th Century Fox Alan Ladd Jr. —fillo do actor de cine negro Alan Ladd—, con quen firmou un contrato para comezar a rodaxe de The Star Wars en xuño de 1973. Probablemente a razón primordial pola cal Alan Ladd Jr. decidiu apoialo era a fe que tiña nas capacidades de George Lucas, quen chegaría a puntualizar, «Ladd inverteu en min, non na película».[17] Coa sinatura do contrato o financiaciamento para o filme alcanzou a cifra de 150 000 USD, co cal o director redactaría o guión e comezaría a rodaxe; a partir da súa última sinopse completou o seu primeiro guión en maio de 1974.

O Alaskan Malamute de Lucas, chamado Indiana, serviu de inspiración para crear o personaxe de Chewbacca, acompañante de Han Solo. Anos despois o seu nome sería considerado para o icónico aventureiro Indiana Jones.[18]

O primeiro libreto de Star Wars incorporou de novo os jedi, que foran descartados nos anteriores escritos, así como ós principais antagonistas da historia, é dicir, os sith. Ademais o protagonista sufriu un cambio radical na súa concepción, pois inicialmente era un xeneral adulto e neste texto comezou a ser descrito como un adolescente. O xeneral permanecería na trama como un dos personaxes integrantes dunha familia de ananos.[17][18] Por outra banda o contrabandista do planeta Corellia, Han Solo, era un gran monstro verde con galadas que tiña como acompañante ideal a criatura Chewbacca, inspirada en Indiana (nome do Alaskan Malamute de Lucas, nome que tamén serviría de inspiración para o personaxe Indiana Jones).[18] Os elementos restantes serían perfeccionados nas seguintes revisións, posto que o cineasta estaba máis concentrado nos eventos do argumento que nos personaxes e escenarios.[19] A sinopse que unha vez chegou a ser idéntica á película de Kurosawa agora comezaba a diverxer coa inclinación de Lucas pola ciencia ficción a partir do estudo e análise dalgunhas películas, libros e cómics distintivos do xénero.[20] Un dos conceptos indispensables que daría forma á trama principal —a relación familiar entre un jedi e o seu fillo, quen logo sería instruído por un dos amigos de seu pai para converterse nun mestre jedi— foi introducida no primeiro guión, a única diferencia xiraba en torno a que o pai era un heroe que aínda vivía durante as primeiras secuencias.[21] Tamén foi descrito por primeira vez o antagonista Darth Vader, quen peculiarmente era visto por Lucas como un heroe caído máis que como un supervilán.

Malia que se entretivo con outros proxectos momentos antes de volver a revisar el guión orixinal, Lucas finalizou un segundo guión en xaneiro de 1975. Este novo escrito aínda presentaba algunhas diferencias substanciais entre os personaxes e as súas relacións individuais. Por exemplo Luke (apelidado orixinalmente «Starkiller») tiña varios irmáns e seu pai aparecía en escena xusto antes de finalizar a historia. Debido a isto o segundo libreto de Star Wars interpretábase máis ben como un conto de fadas que como un relato de acción e aventura, típico dos escritos anteriores. Cabe mencionar que esta redacción concluía cun texto que avanzaba mencionando os vindeiros acontecementos que continuarían a historia, sendo daquela a primeira vez que se introducía o concepto dos textos que avanzaban pola pantalla para explicar o contexto de cada nova película de Star Wars. Ademais introduciu o concepto da conversión dun jedi á orde escura dos sith, especificamente dun membro notable que optaría por continuar coa súa instrución cun mestre sith para perfeccionar as súas habilidades. Pouco despois o ilustrador Ralph McQuarrie foi contratado para representar os anteriores conceptos en escenas visuais que acompañarían o segundo guión, unha vez que fora entregado ós estudios Fox.[22]

Últimas revisións[editar | editar a fonte]

Un terceiro libreto foi redactado por Lucas e concluído o 1 de agosto de 1975 baixo o título The Star Wars: From the Adventures of Luke Starkiller. Este novo escrito contiña a maior parte dos elementos definitivos da película mais aínda presentaba lixeiras diferencias nos personaxes e lugares. Por exemplo Luke describíase como un neno a quen lle morrera o pai tempo atrás.

Finalmente e tras unha revisión do guión anterior Lucas completou un cuarto e último guión o 1 de xaneiro de 1976 coa denominación The Adventures of Luke Starkiller. En colaboración cos seus amigos Gloria Katz e Willard Huyck decidiu perfeccionar os últimos detalles tralos que comezaría a etapa de produción.[23] Co éxito de American Graffiti para a crítica especializada o realizador tivo a ocasión de renegociar o seu contrato orixinal con Alan Ladd Jr., nun acto que lle garantiu os dereitos sobre futuras continuacións da película así como a «protexer» os demais bosquexos que non foran utilizados en Star Wars, co que el participaría directamente das ganancias que acadaran os produtos derivados do que pretendía ser unha serie de películas.[17][24] Durante a rodaxe continuou traballando na historia para engadir relatos secundarios, como a morte de Obi-Wan Kenobi, tras decatarse de que este non era absolutamente indispensable para as últimas secuencias.[25][26]

O escrito inexistente[editar | editar a fonte]

Con frecuencia George Lucas comentou que a triloxía orixinal foi escrita en realidade como unha única película; debido a que o guión era moi longo decidiu dividila en tres partes que logo constituirían as tres primeiras películas de Star Wars.[27][28] Non obstante ningún dos bosquexos creados por Lucas tiña máis páxinas ou escenas que o seu libreto definitivo. De calquera maneira o seu segundo guión podería ser o escrito ó cal fixo referencia nos seus enunciados.[29] Na súa obra The Secret History of Star Wars, Michael Kaminski dixo que ese libreto foi estruturado dun xeito similar ó que despois se convertería no guión final, engadindo que só algúns dos seus elementos foron retomados nas continuacións de A guerra das galaxias, tales como a escena da persecución no campo de asteroides (trasladada a O Imperio contraataca) e unha batalla no bosque onde participan wookiees (en O retorno do Jedi os wookies serían substiuídos por ewoks). Ademais Kaminski suxeriu que ningún dos principais fíos argumentais nos que están baseadas as secuelas estivo presente en anteriores escritos, desmentindo entón o mencionado por Lucas.[29] Tempo despois o cineasta admitiría todo isto.[30]

Rodaxe[editar | editar a fonte]

En 1975 George Lucas constituíu a empresa de efectos especiais Industrial Light & Magic trala desaparición do departamento respectivo pertencente a 20th Century Fox. A partir disto o proceso de realización dos efectos que acompañarían a Star Wars comezou nun almacén de Van Nuys, California, con base na técnica de «control fotográfico do movemento»,[b] coa que se crearía unha ilusión óptica en canto ó tamaño dalgúns obxectos, empregando cámaras pequenas que se moven lentamente. As naves espaciais foron construídas a partir de imaxes creadas por Joe Johnston, con aportacións de Lucas e ilustracións de McQuarrie. Afastándose do que el considerou como a «tradicional galanura inherente a calquera elemento da ciencia ficción», optou por utilizar o concepto dun «universo xa concibido previamente», onde tódolos obxectos (naves espaciais, edificios etcétera) se viran antigos e sucios.[17][31][32]

Edificación subterránea en Matmâta, Tunisia, que foi utilizada para representar o fogar de Luke Skywalker no planeta Tatooine.

Cando a rodaxe comezou o 22 de marzo de 1976 no deserto tunisiano para as escenas correspondentes a Tatooine,[33] o equipo de produción enfrontouse a varios problemas.[34] Entre estes destacan que a axenda de traballo no lugar atrasara a súa programación debido a que se formou unha estraña tormenta, sumado ó mal funcionamento do attrezzo e a algunhas avarías electrónicas.[35] Parte disto resulta descritible na anécdota do actor Anthony Daniels, intérprete de C-3PO na película, quen resultou ferido despois de que unha das pezas que conformaban a perna esquerda do robot rompera e atravesara o plástico que cubría o seu pé.[35] Unha vez que as tarefas en Tunisia finalizaron o equipo trasladouse ós Estudios Elstree, cerca de Londres, tras considerar que «sería un mellor entorno para filmar».[35] Non obstante volveron a xurdir outro tipo de problemas, entre os que se encontraba o pouco interese na cinta por parte do reparto principal.[17][35] Debido a que moitos deles consideraban o proxecto como «un filme infantil», optaban por non tomarse o traballo coa seriedade requirida, catalogándoo de «xocoso».[36] Tempo despois o actor Kenny Baker confesaría que dende o seu criterio a película estaba destinada a converterse nun fracaso. Para Harrison Ford (co personaxe de Han Solo) Star Wars era «un proxecto raro», posto que describía una historia onde había unha princesa con moños no seu cabelo e «un xigante disfrazado de mono» (Chewbacca). Igualmente consideraba que os diálogos eran complexos, algo que logo lle comentaría a Lucas: «Tal vez poidas escribir todas estas parvadas, George, pero estou seguro de que nin ti poderías pronuncialas ben».[37]

Ruínas maias en Tikal, Guatemala, as cales foron utilizadas como a base rebelde en A guerra das galaxias.

Por outra parte Lucas tivo desacordos co director de fotografía Gilbert Taylor, a quen o produtor Gary Kurtz catalogaba como integrante «rigoro» da «vella escola».[17] Ante isto e coa experiencia na realización de cine independente, Lucas decidiu crear a maior parte das secuencias e elementos da película pola súa propia conta. As suxestións do cineasta foron rexeitadas por un ofendido Taylor, quen sentía que Lucas o humillaba ó darlle instrucións específicas sobre como facer as cousas. De igual xeito, en varias ocasións demostrou a súa frustración polo vestiario, paraxes e algúns outros elementos, ós que non consideraba como parte da súa «visión orixinal» de Star Wars. Raramente conversaba cos actores, quen sentían que el esperaba moito máis deles cando a súa dirección era «mínima» —as principais interaccións entre Lucas e o reparto consistían en termos como «máis rápido» e «máis intenso».[17]

Ladd ofreceulle parte do único apoio que tiña da produtora, ante o acordo por escrutinio cos membros da xunta directiva acerca do orzamento crecente e do guión complexo. Tras dúas semanas máis de atraso Ladd díxolle a Lucas que tería que finalizar a rodaxe ó cabo dunha semana máis ou cancelaríalle definitivamente o financiamento, e por conseguinte o proxecto. Desta forma o equipo realizador dividiuse en tres unidades, dirixidas por Lucas, Kurtz e o supervisor Robert Watts como estratexia para cumprir co ultimátum de Fox.[17][35]

Durante a seguinte semana o elenco tratou de animar a Lucas (intentando facelo rir, ou mínimo sorrir), que estaba deprimido a maior parte do tempo. A realización da película comezaba a facerse máis esixente, o cal lle ocasionou cadros de hipertensión arterial e cansazo. A recomendación dos médicos consistiu en reducir os seus niveis de estrés.[17][35] No entanto a postprodución conduciuno a trazos similares, e inclusive maiores, de estrés, ocasionados pola presión dos estudios Fox. A isto engadiuse que o actor Mark Hamill resultou ferido durante un accidente de tráfico, magoándose no rostro e facendo practicamente nulas as posibilidades de volver a gravar nos días seguintes calquera escena que puidera requirilo.[35]

Argumento[editar | editar a fonte]

A Princesa Leia, líder do movemento rebelde que desexa reinstaurar a República na galaxia nos tempos ominosos do Imperio, é capturada polas Forzas Imperiais, capitaneadas polo implacable Darth Vader, o servo máis fiel do Emperador. O intrépido e xove Luke Skywalker, axudado por Han Solo, capitán da nave espacial "O Falcón Milenario", e os androides R2-D2 e C-3PO, serán os encargados de loitar contra o inimigo e intentar rescatar a princesa para volver instaurar a xustiza no seo da galaxia.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

  • 1977: 7 Oscars: dirección artística, bso, son, montaxe, vestiario, efectos visuais. Premio especial ós efectos de son.
  • 1977: 2 Premios BAFTA: son e música. 6 nomeamentos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O libro de Kaminski ten como obxectivo primordial determinar a historia de A guerra das galaxias, para o cal ofrece numerosos exemplos de entrevistas, notas e publicacións oficiais dende a década de 1970 ata a actualidade, entre os cales se atopan enunciados que se contradín, e que permanecen como evidencia entre as súas páxinas.
  2. O termo orixinal (motion control photography) fai alusión a unha técnica cinematográfica consistente en posibilitar a repetición precisa dos movementos de cámara, co que se facilita a captura dos efectos especiais durante a filmación. Úsase con frecuencia para duplicar obxectos que non poden ser duplicados por medios físicos, recorrendo entón á repetición dunha toma específica nunha mesma escena.
Referencias
  1. "Star Wars". British Board of Film Classification (en inglés). Consultado o 28-12-2018. 
  2. "Star Wars (1977)". Arquivado dende o orixinal o 9-7-2017. 
  3. 3,0 3,1 "Star Wars (1997)" (en inglés). Box Office Mojo. Consultado o 28-12-2018. 
  4. Cyriaque Lamar (13-1-2012). "Behold, the 1977 budget breakdown for Star Wars". io9 (en inglés). Consultado o 28-12-2018. 
  5. Anthikad-Chhibber, Mini (20-5-2005). "End of the great space opera". The Hindu. Consultado o 28-12-2018. 
  6. Lucas, George (2004). DVD commentary for Star Wars Episode IV: A New Hope (DVD). 20th Century Fox. 
  7. Kaminski, Michael (2008). The Secret History of Star Wars (3.0 ed.). Arquivado dende o orixinal o 06-07-2007. Consultado o 08-03-2019. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Vallely, Jean. "The Empire Strikes Back and So Does Filmmaker George Lucas With His Sequel to Star Wars". Rolling Stone (en inglés). 
  9. Lucas, George. George Lucas: The Well Rounded Interview. Entrevista con B. Love. 
  10. Rinzler (2007), p. 2
  11. Zito, Stephen. "George Lucas Goes Far Out". American Film. 
  12. Rinzler (2007), p. 4
  13. 13,0 13,1 Rinzler (2007), p. 8
  14. Baxter, John (1999). Mythmaker (en inglés). HarperCollins. p. 42. ISBN 0-3809-7833-4. 
  15. Kaminski, Michael (2008). The Secret History of Star Wars (3.0 ed.). p. 50. Arquivado dende o orixinal o 06-07-2007. Consultado o 30-01-2019. 
  16. Baxter, John (1999). Mythmaker (en inglés). HarperCollins. p. 158. ISBN 0-3809-7833-4. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 17,6 17,7 17,8 Empire of Dreams: The Story of the Star Wars Trilogy Documental Star Wars Trilogy Box Set DVD, [2005]
  18. 18,0 18,1 18,2 The Characters of Star Wars Star Wars Original Trilogy DVD Box Set: Bonus Materials, [2004]
  19. Clouzot, Claire (15-09-1977). "The morning of the Magician: George Lucas and Star Wars". Ecran. 
  20. Pollock (1999), p. 141–142
  21. "The development of Star Wars as Seen Through the Scripts of George Lucas". Star Warz.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09-06-2009. Consultado o 30-01-2019. 
  22. "Star Wars Biography: Ralph McQuarrie". Star Warz.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23-06-2008. Consultado o 30-01-2019. 
  23. Bouzereau, Laurent (1997). The Annotated Screenplays. Del Rey. p. 7. ISBN 0345409817. 
  24. "Star Wars (Film Series)". Allmovie (en inglés). Consultado o 30-01-2019. 
  25. "The Force Behind Star Wars, Rolling Stone". Rolling Stone (en inglés). agosto de 1977. Consultado o 30-01-2019. 
  26. Star Wars Entrevista do disco da edición definitiva, 1993. «No proceso de reescribilo (a Star Wars) e crendo que só era unha película, mais non unha triloxía, decidín que Ben Kenobi realmente non tiña ningunha función primordial na historia tras enfrontarse a Darth Vader... Díxenme a min mesmo, 'sabes ti, el só aparece como un personaxe inerte no 25% final da película'.»
  27. "George Lucas: Mapping the mythology". CNN (en inglés). 8 de mayo de 2002. Consultado o 22-03-2019. 
  28. "Thank the Maker: George Lucas". Star Wars.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05-06-2008. Consultado o 22-03-2019. 
  29. 29,0 29,1 Kaminski, Michael (2008). The Secret History of Star Wars (3.0 ed.). p. 73. Arquivado dende o orixinal o 06-07-2007. Consultado o 22-03-2019. 
  30. Worrell, Denise. Icons: Intimate Portraits. p. 185. Nunca houbo tal guión que considerara a historia completa de Star Wars ata estes días [1983]... Conforme as historias se van revelando, tomaría certas ideas para retomalas[...] Pasei moito tempo eliminado os elementos bos, que me dicía a min mesmo que faría outras películas algún día. 
  31. The Force Is With Them: The Legacy of Star Wars (Star Wars Original Trilogy DVD Box Set: Bonus Materials). 2004. 
  32. "Star Wars Biography: Industrial Light & Magic". Starwars.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22-06-2008. Consultado o 25-03-2019. 
  33. "Business Data for Star Wars". Internet Movie Database (en inglés). 1977. Consultado o 25-03-2019. 
  34. "Filming Locations for Star Wars". Internet Movie Database (en inglés). 1977. Consultado o 25-03-2019. 
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 35,5 35,6 "How Star Wars Surprised the World". AmericanHeritage (en inglés). 25-05-2006. Arquivado dende o orixinal o 12-07-2009. Consultado o 25-03-2019. 
  36. "Star Wars - The Legacy Revealed". The History Channel. maio de 2007. Arquivado dende o orixinal o 29-04-2009. Consultado o 25-03-2019. 
  37. "Harrison Ford quote". HarrisonFordWeb.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20-08-2008. Consultado o 5 de junio de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rinzler, J. W. (2007). The Making of Star Wars. Nova York: Ballantine Books. ISBN 0-345-27522-5. 
  • Pollock, Dale (1999). Skywalking: The Life and Films of George Lucas. Da Capo Press. ISBN 0-306-80904-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]