Portal:Santiago de Compostela/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Marías, As dúas Marías ou, en menor medida, As dúas en punto, é o nome co que se coñece en Santiago de Compostela a parella formada polas irmás Maruxa (morta no 1983) e Coralia Fandiño Ricart (falecida no 1980), representadas dende hai anos nunha célebre escultura situada no parque da Alameda.

As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola Zona Vella da cidade, durante as décadas dos cincuenta e sesenta, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario. Estes paseos, que tiñan lugar ás dúas en punto do medio día (de aí un dos seus alcumes), eran todo un acontecemento polo contraste que supuñan co gris ambiente que reinaba durante o franquismo.

Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquecemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcalde Xerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Por outra banda, o escritor e guionista Henrique Rivadulla Corcón realizou o documental Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, narrado por Farruco.