As dúas Marías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escultura das dúas irmás Fandiño.

María "Maruxa" Fandiño Ricart, nada en Santiago de Compostela o 4 de xaneiro de 1898 e finada na mesma cidade o 13 de maio de 1980,[1] e Coralia Fandiño Ricart,[2] nada en Santiago de Compostela o 24 de agosto de 1914 e finada na Coruña[3] o 30 de xaneiro de 1983,[1] foron unha parella de irmás coñecidas na súa cidade como As Marías, As dúas Marías ou, en menor medida, As dúas en punto, representadas dende 1994 nunha célebre escultura situada no parque da Alameda.[4]

As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola zona vella, durante as décadas de 1950 e 1960, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario. Estes paseos, que tiñan lugar ás dúas en punto do medio día (de aí un dos seus alcumes), eran todo un acontecemento polo contraste que supuñan co gris ambiente que reinaba durante o franquismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Familia[editar | editar a fonte]

A familia Fandiño Ricart estaba formada pola costureira Consuelo Ricart e o zapateiro Arturo Fandiño,[5] que tiveron trece fillos, dos que once superaron a infancia. Maruxa foi a cuarta filla e Coralia a duodécima.[1] Outra irmá chamábase Sarita e faleceu nova.[6] Rosaura era a máis nova dos trece irmáns.[6]

A familia vivía na rúa do Espírito Santo e o taller de zapataría situábase na rúa da Algalia de Arriba, n.º 32.[6]

Represión durante a guerra civil[editar | editar a fonte]

En 1925, a CNT (Confederación Nacional do Traballo), de ideoloxía anarquista, abriu a súa sede rexional en Compostela. Aos quince anos de idade, o combativo Manuel Fandiño Ricart, pintor de profesión, converteuse no seu secretario xeral.[5] Outros dous irmáns, Alfonso e Antonio tamén se fixeron militantes do movemento anarquista.[6]

En Compostela vivíase un clima de animación e esperanza. As irmás Fandiño (Maruxa, Coralia e Sarita) paseaban polas rúas vestidas con roupas feitas na casa, con teas de cores rechamantes e ledos. Os estudantes galeguistas republicanos chamáronas «Liberdade, Igualdade e Fraternidade», e os estudantes católicos da CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas), «Fe, Esperanza e Caridade».[5]

Porén, o soño revolucionario foi afogado co golpe de estado de 1936 e a represión franquista foi feroz. Os irmáns lograron escapar. Durante a guerra civil, Antonio adquirira unha alta responsabilidad na CNT.

Manolo Fandiño mantívose agochado ata 1945.[7] Antonio, sindicado como «anarcosindicalista»,[6] fuxiu ao monte Pedroso e finalmente foi descuberto, torturado e encarcerado durante vinte anos polos franquistas.[1] O terceiro irmán, Alfonso, fuxiu poucos días despois do golpe nun barco que saíu do porto de Muros.

Para dar con estes irmáns fuxidos, os falanxistas trataron de empregar a familia. Crese que a Policía Social torturou a Coralia e a Maruxa, e segundo Henrique Rivadulla, hai xente que afirma que unha das irmás foi violada no monte Pedroso.[7] Tempo despois, Alfonso, que fuxira no barco, apareceu de novo militando na clandestinidade na Coruña,[7] e finalmente foi encarcerado no penal de Santoña.[6] Morreu na cidade da Coruña o 17 de setembro de 1991 aos 83 anos e está soterrado no cemiterio de Santo Amaro. Cando os irmáns fuxidos foron arrestados cesou a presión sobre as irmás.[7]

Non está claro se elas pertenceran ao movemento anarquista, pero si se cre que a súa ideoloxía era de esquerdas. O xornalista Raimundo García Domínguez, Borobó, mantivo que eran membros da CNT, coma os seus irmáns, e que mesmo levaran a cabo tarefas de enlace con sindicalistas fuxidos.

Despois da guerra[editar | editar a fonte]

A comezos da década de 1950, Antonio Fandiño foi liberado moi enfermo tras vinte anos de prisión, e faleceu na casa das súas irmás a causa dos malos tratos durante o cativerio.[7] Elas foron tratadas de "roxas" e de "putas". As dúas irmás caeron na pobreza logo de que os veciños da cidade deixaran de facer pedidos ao taller de costura que rexentaban, para que a policía non os vinculase a elas. Malia este medo, a veciñanza compostelá sentía en xeral simpatía cara a elas, e cando logo da guerra pasaron a vivir da caridade, quen quería axudalas non lles daba a esmola directamente, senón que mercaban cousas para elas nos comercios da cidade, especialmente nos ultramarinos Carro, situado na Praza do Toural, onde o dono Tito Carro llelos daba coma se fosen promocións e non caridade.[7] Así mesmo, segundo conta Fermín Bescansa, nunha ocasión unha treboada estragou o teito da súa vivenda e organizouse unha colecta que xuntou 250 000 pesetas, o valor dun piso da época.

Las Dos Marías (de frente) vandalizadas, Santiago de Compostela.JPG

Sempre escuálidas, vestíronse de luz e de cor, cheas de maquillaxe coma nunha representación de máscaras: po de arroz, colorete e carmín. Cada día, ao mesmo tempo, marcadas pola campá Berenguela da catedral, no verán ían pola rúa do Espírito Santo ata a praza do Toural e no inverno polas arcadas da rúa do Vilar. Cando algún estudante, cunha galantería burlona, se achegaba a elas, con forza e dignidade rexeitábanos dicindo «¡Tú ya tienes!» ("Ti xa tes!").[5]

Maruxa faleceu en Compostela aos 82 anos e Coralia foi vivir con outra irmá á Coruña,[3] cidade á que nunca se adaptou. Morreu dous anos máis tarde aos 68 anos, despois de preguntar moitas veces cal era o camiño para volver a Compostela.[8]

Ata 2014, ambas as irmás se atopaban soterradas en tumbas separadas e afastadas no cemiterio de Boisaca:[3] Maruxa na tumba número 991, con tres dos seus irmáns e a súa nai, e Coralia, na tumba 3196, co seu pai. En maio de 2014, por mor da degradación das sepulturas, a asociación Ateneo de Santiago realizou unha colecta popular[9] que reuniu fondos para rehabilitar o sepulcro, instalar os seus restos mortais xuntos, como elas querían, e colocar unha placa na súa lembranza.[10][11]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

A escultura da Alameda[editar | editar a fonte]

Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquecemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcalde Xerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Esta, realizada polo propio César Lombera, consistiu nunha reprodución realista e policromada das dúas mulleres durante os seus famosos paseos baseada na foto máis coñecida de ámbalas dúas irmás, con Maruxa á dereita, co brazo estendido, e Coralia sostendo un paraugas. A obra foi situada na Alameda, lugar onde a día de hoxe permanece.[4]

Dende entón, a escultura é unha das máis coñecidas da cidade, tanto pola curiosidade que esperta entre os turistas coma por servir de punto de encontro para os composteláns. Con frecuencia fíxase coma lugar de saída de manifestacións.[Cómpre referencia]

Documental[editar | editar a fonte]

Co ánimo de conservar a súa memoria, o escritor e guionista Henrique Rivadulla Corcón realizou o documental Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, narrado por Farruco,[6] en que unha serie de veciños de Compostela relatan a súa relación coas finadas irmás. Aparecen tamén testemuños dos historiadores Encarna Otero Cepeda e Dionisio Pereira.[12] Estreouse o 11 de abril de 2008.[7]

Obra de teatro[editar | editar a fonte]

Na obra Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas, as irmás Fandiño foron interpretadas por Mabel Rivera e Belén Constenla.[13][14]

"Mullerenaxe"[editar | editar a fonte]

O 18 de xullo de 2017 e 2018 houbo homenaxes públicas promovidas pola libraría Lila de Lilith.[15]

Música[editar | editar a fonte]

A historia das dúas irmás serviu tamén como inspiración no ámbito da composición musical, contando estas cunha peza que leva por nome "As dúas en punto (a hora da rebeldía)". Dita composición, escrita por Lois Pimentel Iglesias, foi estreada en abril de 2018 pola Banda de Música de Pontevedra e foi premiada pola súa calidade pola Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Ensaio[editar | editar a fonte]

Áurea Sánchez publicou o libro Las Marías de Santiago de Compostela. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación, de 194 páxinas. Este ensaio comprende un traballo de investigación na especialidade de Estudos de Mulleres, Feministas e de Xénero que a propia xornalista realizou na Universidade Xaime I de Castelló como parte do mestrado en Igualdade e Xénero no Ámbito Público e Privado.[16][17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 «Day 18 - "As Duas en Punto" or The Two Marias», artigo do 18 de xullo de 2012 na páxina web Veintiocho Días en Galicia, baseado no libro As Marias: Maruxa e Coralia Fandiño. Consultado o 2 de xullo de 2013
  2. "'As Dúas Marías': Unha vida de resistencia fronte á represión franquista". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2008. Consultado o 24 de agosto de 2008. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Compostelanos ilustres: Maruxa y Coralia Fandiño Ricart (“As Dúas en Punto”). Maruxa Fandiño Ricart (Santiago, 1898 - Santiago, 1980) / M.ª Argentina Coralia (Santiago, 1914 - A Coruña, 1983)», artigo do 23 de abril de 2013 na páxina web Memorias de Compostela. Mostra varias fotos das irmás paseando pola rúa e unha fotografía das súas tumbas. Consultado o 2 de xullo de 2013
  4. 4,0 4,1 Localización da escultura: 42°52′38″N 08°32′49″O / 42.87722, -8.54694
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 «As Marías: irmás Fandiño Ricart. Mulleres de luz inmensa na Compostela gris», artigo de Encarna Otero Cepeda na páxina web Cultura Galega. Consultado o 2 de xullo de 2013.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 «As Dúas en Punto», artigo do 5 de outubro de 2009. Consultado o 2 de xullo de 2013.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 «La verdadera historia de “Las Dos Marías” o de “Las Dos en Punto”», artigo do 24 de xaneiro de 2013 na páxina web Kalvellido en la Red. Consultado o 2 de xullo de 2013
  8. «La verdad de “Las Marías”», artigo de María Fábregas (Santiago de Compostela) en El País (Madrid), 17 de abril de 2008. Consultado o 2 de xullo de 2013
  9. Cousa, Sandra (2013): «Enterrarán juntas a las Dos Marías tras descubrir que están separadas» Arquivado 04/03/2016, en Wayback Machine., artigo do 29 de agosto de 2013 en El Correo Gallego (Compostela)
  10. «La asociación Ateneo de Santiago consigue enterrar juntas a Maruxa y Coralia Fandiño, las "Dos Marías" de Compostela», artigo do 9 de maio de 2014 en Adiós (Madrid)
  11. Franjo, Fernando (2014): «Tributo en piedra a las Marías. El Ateneo de Santiago y la Asociación Cultural O Galo promueven un homenaje a Coralia y Maruxa con la colocación de una lápida de recuerdo ante la nueva tumba del cementerio de Boisaca en la que yacen sus restos», artigo do 27 de maio de 2014 en El Correo Gallego (Compostela)
  12. «Las “Dos Marías” a las dos en punto, en Santiago de Compostela, resistiendo...», artigo do 14 de abril de 2008 na páxina web Auschwitz, La Crueldad Humana. Consultado o 2 de xullo de 2013
  13. Voaxa e Carmín
  14. Galicia Escena Pro
  15. Lombao, David (18 de xullo de 2018). "As irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, As Marías, volveron ser homenaxeadas este 18 de xullo na Alameda compostelá". Praza Pública. Consultado o 31 de xullo de 2018. 
  16. Ficha bibliográfica do libro Las Marías de Santiago de Compostela. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación. Consultado o 2 de xullo de 2013
  17. «Áurea Sánchez presenta su libro Las Marías de Santiago de Compostela. La autora es vicepresidenta de la Asociación de Mujeres Periodistas y miembro de la Junta Directiva de la Asociación de Periodistas compostelana, que edita la obra»[Ligazón morta], artigo do 26 de novembro de 2012 na páxina Fape. Consultado o 2 de xullo de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]