Portal:Santiago de Compostela/Artigo destacado/10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente. O Camiño ten varias vías alternativas en función da orixe do peregrino, de maior ou menor uso segundo as épocas e circunstancias do seu nacemento.

O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galicia, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral, senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa.

Chegados a Compostela, o Camiño continúa co denominado Camiño de Fisterra-Muxía, que moitos peregrinos deciden facer ata Fisterra ou Muxía.