Portal:Portugal/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Portugal, oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Cunha extensión total de 92.212 km², a súa capital é a cidade de Lisboa.

A terra dentro das fronteiras da actual República Portuguesa leva habitada continuamente dende a era prehistórica. Durante os seguintes séculos chegaron á Península Ibérica os romanos, seguidos tempo despois dos suevos e dos visigodos, así como posteriormente os musulmáns no século VIII. Trala caída do Imperio Romano, no ano 410 estabeleceuse no norte peninsular o Reino de Galicia, do cal sete séculos máis tarde, no ano 1128, se separaría a súa parte sur formando o que daría lugar ao actual Portugal. Nos séculos XV e XVI, na era dos descubrimentos, Portugal estendeuse por todo o mundo converténdose nunha superpotencia política, económica e militar, que levou a ser o primeiro Imperio global. O Imperio Portugués foi o máis lonxevo dos modernos imperios coloniais europeos, xa que durou case 600 anos, dende a captura de Ceuta en 1415 até a entrega de Macau a China en 1999 (de facto) ou a concesión da soberanía a Timor Leste en 2002 (de iure). O imperio estendeuse ao longo dun gran número de territorios que hoxe forman parte de cincuenta e tres Estados soberanos diferentes, deixando un legado de máis de 240 millóns de falantes de lingua portuguesa e varios de crioulos de base portuguesa.

Portugal é membro de diferentes organizacións internacionais como as Nacións Unidas, a Unión Europea, a Eurozona, a OCDE, a OTAN, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial do Comercio, Organización dos Estados Iberoamericanos e a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa.