Portal:Pontevedra/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra naceu, presidida por Antón Losada Diéguez, como unha reunión de amigos da música. No grupo inicial estiveron Antonio Iglesias Vilarelle, Joaquín Maquieira Fernández, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Álvaro Losada, Antonio Blanco Porto, Vicente Barreiro Viñas, Carlos Gastañaduy Ozores e Prudencio Otero Bermúdez de Castro. A primeira presentación foi o 9 de abril de 1925, Xoves Santo, na igrexa de San Francisco de Pontevedra, coa interpretación dun concerto sacro que se repetiu ó día seguinte na Basílica de Santa María a Maior, e o primeiro concerto foi no Teatro Principal de Pontevedra o 23 de marzo de 1926. Dende entón seguiu a liña proposta polos fundadores: polifonía clásica profana, polifonía sacra e melodías populares axustadas a unha interpretación polifónica depurada.

A coral fundacional constaba de corenta voces masculinas, dezaseis femininas e dezaseis de nenos. A comisión estaba integrada por Vicente Barreiro Viñas, Antonio Blanco Porto, Antonio Iglesias Vilarelle, Carlos Gastañaduy Ozores e Prudencio Otero Bermúdez de Castro, mentres que o director, dende 1925 ata 1940, foi Blanco Porto. Desempeñaron, ademais, a presidencia da sociedade, personalidades destacadas da vida cultural do país como Castelao, José Blein Llinás, Vicente Riestra Calderón, Augusto García Sánchez, Xosé Fernando Filgueira Valverde e Xosé Carlos Valle Pérez. Castelao, ademais de presidente, foi escenógrafo e deseñou o escudo da entidade.