Portal:Pobos indíxenas de América/Lugar de interese/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chichén Itzá é unha cidade arqueolóxica maia localizada no estado mexicano do Iucatán, en México. O nome Chichén-Itzá ten raíz maia e significa "na beira do pozo do pobo Itza". Vestixio importante da civilización maia, as edificacións principais corresponden co período clásico serodio ou posclásico temperán (800-1100 dC.).

A arquitectura monumental que chegou até os nosos días, que é emblemática do xacemento, ten unha clara influencia tolteca. O deus que preside o sitio, segundo a mitoloxía maia, é Kukulcán, representación maia de Quetzalcóatl, deus tomado do panteón da cultura tolteca.

Chichén Itzá foi unha cidade ou un centro cerimonial, que pasou por diversas épocas construtivas e influencias dos distintos pobos que a ocuparon e que a fixeron medrar dende a súa fundación.

A zona arqueolóxica de Chichén Itzá foi inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1988. O 7 de xullo de 2007, o Templo de Kukulcán, en Chichén Itzá, foi recoñecido como unha das novas sete marabillas do mundo, por unha iniciativa privada sen o apoio da Unesco, pero co recoñecemento de millóns de votantes arredor do mundo.