Portal:Lugo/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lugo, o asentamento urbano máis antigo de Galicia, érguese sobre o antigo emprazamento dun castro galaico. A súa historia remóntase a arredor do ano 25 a. C, Caius Antistus Vetus, legado de Octavio Augusto na Tarraconense ao mando das tropas romanas que loitaban nas Guerras Cántabras, establece preto deste castro un campamento militar. Posteriormente, en nome do emperador, Paulo Fabio Máximo funda "Lucus Augusti" sobre este campamento. A partir do ano 50 asístese á expansión da cidade co asentamento de galaicos dos castros próximos. Posteriormente a cidade convértese nun importante núcleo urbano, representativo da cultura e do modo de vida romano.

Dende a chegada dos suevos a Galicia alternáronse na cidade ciclos de decadencia e rexurdimento. No ano 585 o Reino de Galicia pasa a mans visigodas, perdendo Lugo a súa condición de sé metropolitana por mor da fin da división de Galicia en dúas provincias. Iníciase así un período de decadencia que se vería acentuado pola invasión musulmá de principios do século VIII.

Entre os séculos XI e XIII, coma outras cidades do Camiño Xacobeo, foi protagonista duna serie de revoltas populares contra o poder feudal. A principios do século XVI, a pesar de ser nomeada capital do Reino de Galicia por Carlos I, Lugo iniciou un longo declive. Esta etapa prolongouse até finais do século XVII, mentres que Santiago de Compostela cobraba protagonismo. No século XVIII comeza un novo ascenso económico e cultural da cidade, converténdose na gran capital agraria de Galicia.