Portal:Irlanda/Artigo destacado/9

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Lebor Gabála Érenn (en irlandés medio, Leabhar Gabhála na hÉireann en irlandés moderno - Libro das conquistas de Irlanda, sería a tradución ó galego) é un conxunto de manuscritos que relatan a construción nacional irlandesa coma o sumatorio das distintas invasións dende a súa creación ata o século XI, data na que está escrito. Atópase dividido en dez partes, conformando cada parte cadanseu libro.

No Lebor Gabála Érenn cóntase que Irlanda foi tomada seis veces por seis grupos diferentes: o pobo de Cessair, o pobo de Partholón, o pobo de Nemed, os Fir Bolg, os Tuatha Dé Danann, e os Milesians. Os catro primeiros grupos foron eliminados ou expulsados da illa, o quinto grupo representa os deuses pagáns de Irlanda, mentres que o último representa o pobo irlandés (os Gaels).

Nos libros 2 e 8 cóntase que o mítico rei celta Breogán fixo construír unha enorme torre na cidade de Brigantia (de emprazamento descoñecido mais identificada coa actual Coruña). No alto desta torre, o seu fillo Ith divisou unha illa ao lonxe e boutouse ao mar cunha pequena frota ata que tocou terra en Irlanda. Alí foi recibido por tres reis: Mac Cuill, Mac Cecht e Mac Gréine dos Tuatha Dé Danann. Porén, Ith é asasinado por atacantes descoñecidos e os seus homes volven a Brigantia. Entón Mil, neto de Breogán, reúne unha gran frota para vingar a morte do seu tío e conquista finalmente a Illa.