Portal:Finlandia/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lågskär —en galego: «escollo baixo»— é unha pequena illa de 43 hectáreas pertencente ao arquipélago das Åland (Finlandia). Está situada a uns 24 km ao sur de Mariehamn, no Báltico mar de Åland. Caracterízase polos seus cons e cantís na costa, e unha vexetación abundante no interior. Na súa parte meridional localízanse os illotes de Sundbloms Grund, Söderklappen e Österkläppen. Xunto con Björkör, ocupa unha superficie de pouco máis de 60 km² e ten unha altitude media de 6 msnm.

Recoñecida por ser un criadeiro para aves acuáticas, a illa é frecuentada por persoas ornitólogas que empregan o faro durante a súa estadía para pernoctar. Este foi construído en 1920, cun dispositivo de alumeado rotatorio mediante gas, o primeiro do seu tipo no mundo. Pola súa banda, é de destacar que varios buques de guerra afundiron fronte á súa costa, incluíndo o acoirazado alemán SMS Rheinland durante unha espesa névoa en 1918. Ademais, son numerosas as rutas de transbordador que pasan a escasos quilómetros do seu territorio, como a que une Estocolmo con Tallin e a que vai dende Mariehamn a Helsinqui. No ano 2000, foi clasificada como un área importante para a conservación das aves (AICA) por BirdLife International.