Portal:Ferrol/Biografía destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Víctor López Seoane y Pardo-Montenegro, nado en Ferrol o 28 de setembro de 1832 e finado na Coruña o 14 de xullo de 1900, foi un naturalista galego, probablemente o máis importante do século XIX, que realizou importantes traballos sobre a fauna, especialmente nos campos da entomoloxía, a ornitoloxía e a herpetoloxía, e a flora de Galicia.

Seoane foi o naturalista galego coa contribución científica máis valiosa, un taxónomo salientable na zooloxía europea do século XIX. Exemplares de seres vivos recollidos por el figuran entre as coleccións dos principais museos de Historia Natural de Europa; formou parte de relevantes sociedades científicas europeas adicadas ao estudo da natureza e publicou en diversos idiomas en revistas especializadas prestixiosas.

A López Seoane débese a primeira descrición das especies Podarcis bocagei (1884) ou Rana perezi (hoxe Pelophylax perezi, 1885). A súa fama foi recoñecida por numerosos expertos nacionais e estranxeiros, algúns dos cales usaron o seu nome para catalogar e bautizar novas especies de plantas, insectos e réptiles.

Rúas nas cidades da Coruña e Ferrol e outra en Perillo, concello de Oleiros, levan o seu nome.