Portal:Estados Unidos de América/Cidade destacada/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nova Orleáns (en inglés New Orleans) era a cidade máis grande do estado de Luisiana, Estados Unidos de América ata a chegada do Furacán Katrina. Está situada ao sueste deste estado no río Mississippi, xusto ao sur do Lago Pontchartrain. A poboación da cidade era de 484.674 en 2000, 1.337.726 na "Gran Nova Orleáns". O nome abréviase ás veces como NOLA.

Nova Orleáns é unha cidade do Sur coñecida polo seu patrimonio multicultural, en particular francés, español e africano, pola súa música e pola súa cociña. É un destino turístico moi coñecido grazas aos seus numerosos festivais e celebracións, entre os que destacan o Mardi Gras, o Festival de Jazz e o torneo de rubgy americano Sugar Bowl.

A cidade foi fundada en 1718 e desempeñou un papel relevante na historia dos Estados Unidos. Leva o nome na honra de Filipe II, Duque de Orleáns, rexente de Francia no momento da fundación da cidade. O nome alude á cidade de Orleáns, en Francia.

Nova Orleáns é unha cidade portuaria importante debido á súa localización preto do Golfo de México e no río Mississippi, o que fai dela un centro de tránsito de mercadorías desde e cara Latinoamérica. A industria petroleira é tamén de grande importancia para a súa economía, xa que no Golfo hai instaladas numerosas plataformas de extracción. O Porto do Sur de Luisiana (que inclúe o porto de Nova Orleáns e se estende pola área metropolitana) é o cuarto do mundo en tonelaxe.