Portal:Celtas/Artigo destacado/9

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia da guerra celta esténdese dende a Idade de Ferro ata era romana e refírese ós diferentes estilos de guerra dos pobos celtas insulares e continentais (Galia, Iberia e Galacia). As tribos celtas loitaban entre elas e ás veces aliábanse contra inimigos comúns, coma os romanos, os gregos e outros pobos en contra das tribos celtas. O militarismo tribal semella ter sido unha característica normal nas sociedades celtas. Mentres que a literatura épica retrátao como unha actividade dirixida ó deporte e á caza, no canto da conquista territorial organizada, o rexistro histórico fai supoñer que as tribos empregaban a guerra para exercer control político e perseguir adversarios, para obter vantaxe económica, e nalgúns casos, para conquistar territorio.

A arqueoloxía proporcionou moita información mediante a observación e estudo da cultura material dos celtas, pero o significado deses achados na determinación de como loitaban realmente os celtas é suxeito de moita especulación. Unha das cousas que se deduciron foi que eran cazadores de cabezas, xa que crían que a cabeza era o lugar onde residía a alma das persoas. Os romanos e gregos rexistraron os hábitos dos celtas de chantar as cabezas dos inimigos nos muros e penduralas dos cabalos. A caza de cabezas practicouse durante ben tempo polos gaels, polo que puido tratarse dunha práctica tradicional máis que relixiosa. No Ciclo do Ulster, Cúchulainn decapita ós tres fillos de Nechtan e monta as cabezas no seu carro. A práctica continuou aproximadamente ata a fin da Idade Media en Irlanda e Gran Bretaña. A motivación relixiosa para recoller cabezas perdeuse despois de que os celtas se convertesen ó cristianismo. As cabezas tamén eran recollidas entre as tribos xermánicas e entre os iberos, pero o seu propósito é descoñecido