Portal:Austria/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart, máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (ˈvɔlfgaŋ amaˈdeus ˈmoːtsart), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756 e finado en Viena o 5 de decembro de 1791, está considerado como un dos máis grandes compositores de música clásica europea. A súa obra abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal.

Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e no violín. Con tan só cinco anos xa compuña obras musicais e as súas interpretacións eran do aprecio da aristocracia e realeza europea. Aos dezasete anos foi contratado como músico na corte de Salzburgo, pero a súa inquietude levoulle a viaxar en busca dunha mellor posición, sempre compoñendo de forma prolífica. Durante a súa visita a Viena en 1781, tras ser despedido do seu posto na corte, decidiu instalarse nesta cidade onde alcanzou a fama que mantivo o resto da súa vida, a pesar de pasar por situacións financeiras difíciles. Nos seus anos finais, compuxo moitas das súas sinfonías, concertos e óperas máis coñecidas, así como o seu Réquiem. As circunstancias da súa temperá morte foron obxecto de numerosas especulacións e elevadas á categoría de mito.

A súa influencia en toda a música occidental posterior é profunda; Ludwig van Beethoven escribiu as súas primeiras composicións á sombra de Mozart, de quen Joseph Haydn escribiu que «a posteridade non verá tal talento outra vez en cen anos».