Portal:A Coruña/Artigo destacado/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Revista Gallega, subtitulado Semanario de literatura é intereses regionales, foi un semanario galego, dominical e bilingüe, publicado na Coruña. Foi fundado en 1895 por Galo Salinas Rodríguez e rematou de publicarse en 1907, cun total de 640 números. Autoproclamado Órgano oficial de la Liga Gallega en la Coruña, durante os seus doce anos de historia constituíuse na publicación emblemática do rexionalismo liberal desa cidade.

Apareceu o 17 de marzo de 1895. Estaba dirixido por Galo Salinas Rodríguez, propietario e fundador do mesmo, como tamén figuraba no cabezallo do semanario, e da súa redacción facían parte Uxío Carré Aldao, Eladio Rodríguez González, Florencio Vaamonde Lores e Francisco Tettamancy Gastón; outros xornalistas, como Salvador Golpe Varela, Waldo Álvarez Insua ou Manuel Lugrís Freire colaboraron moi estreitamente, nas súas respectivas etapas coruñesas, co cadro desta publicación.

Para substituír a Revista Gallega naceu ás poucas semanas na Coruña o semanario bilingüe A Nosa Terra (1907-1908), que aínda chegaría a publicar 60 números erguendo a bandeira dun rexionalismo xa na encrucillada perante novas realidades históricas.