Portal:A Coruña/Artigo destacado/10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santa María de Oza, chamado abreviadamente Oza, foi un concello da provincia da Coruña, desaparecido en 1912 trala súa anexión ó concello da Coruña. Ó concello de Oza pertencían as parroquias de Visma, San Cristovo das Viñas, Elviña e Oza. Limitaba polo norte co concello da Coruña e co mar; polo leste co concello de Culleredo; polo sur co concello de Arteixo; e polo oeste co Océano Atlántico.

O núcleo histórico de Oza atopábase na costa da parroquia homónima, arredor da Capela de Santa María de Oza e ó pé da Praia de Oza, máis tarde coñecida como Praia de Lazareto. O lugar estaba situado entre Casabranca, A Pasaxe –topónimo alternativo para referise ás Xubias– e a batería de Oza. Porén, co paso do tempo Monelos se foi convertendo no núcleo máis poboado, feito que provocou que unha vez creado o concello, a casa consistorial rematase sendo establecida en Monelos e non en Oza, en torno a 1860.

O 1 de outubro de 1912, logo dunha convulsa historia, o Concello de Oza disolveu a súa Corporación Municipal e pasou a integrarse no da Coruña. Quedaba así amplamente incrementada a superficie do concello coruñés, supoñendo a anexión de Oza máis do 70% do actual territorio municipal herculino.