Política de Nova Zelandia
Nova Zelandia é unha democracia parlamentaria independente. O país é oficialmente unha monarquía constitucional, cuxo o Xefe de Estado titular é a raíña Isabel II do Reino Unido, representada polo Gobernador Xeral, actualmente Sir Jerry Mateparae.
Historicamente, Nova Zelandia seguiu o sistema «Westminster» británico de goberno parlamentario, pero xa non hai unha cámara alta desde a abolición do Consello Lexislativo, un corpo non elixido, en 1951. O Parlamento está agora composto unicamente pola Cámara dos Representantes, formada por 120 membros elixidos por un sistema de representación proporcional desde 1996.
Neste sistema hai 65 membros que representan distritos electorais, dos que cinco se reservan para a poboación maorí, e o resto selecciónanse de listas de candidatos dos partidos, para obter un resultado proporcional. Unha consecuencia do novo sistema é que os partidos maioritarios necesitan agora o apoio dos partidos minoritarios para formar os gobernos de coalición.
Desa Cámara é seleccionado un gabinete executivo de 20 membros, que é dirixido polo actual Primeiro Ministro, John Key, do Partido Nacional, de centro-dereita. Actualmente, outros cinco outros partidos teñen representación na Cámara, do cal o Partido Laborista, de centro-esquerda, é a oposición oficial.
Entre marzo de 2005 e agosto de 2006, 112 anos despois de converterse no primeiro país en outorgar á muller o dereito a voto, Nova Zelandia foi o único país do mundo no que todos os cargos máis altos do goberno foron ocupados simultaneamente por mulleres: Isabel II (raíña), Silvia Cartwright (gobernadora xeral), Helen Clark (primeira ministra), Margaret Wilson (presidenta da Cámara de Representantes) e Sian Elias (presidenta do Tribunal Supremo)[1].
Poder executivo
[editar | editar a fonte]Xefatura do Estado
[editar | editar a fonte]A raíña Isabel II é a actual Xefa do Estado e Raíña de Nova Zelandia e dos seus dominios.[2][3] A monarquía de Nova Zelandia é independente da monarquía británica desde a adopción do Estatuto de Westminster de 1947, e todos os actos oficiais de Nova Zelandia realízanse en nome da Raíña de Nova Zelandia, non da Raíña Reino Unido.[4]
Na práctica, as funcións do monarca exérceas o Gobernador Xeral, nomeado polo monarca baixo suxestión do Primeiro Ministro. En 2014 o Gobernador Xeral é sir Jerry Mateparae. Os seus poderes son principalmente simbólicos e formais en natureza. Ten poderes para nomear e destituír aos Primeiros Ministros e para disolver o Parlamento; tamén ratifica as leis tras pasar estas polo Parlamento.[5]
Xefatura de Goberno
[editar | editar a fonte]O Primeiro Ministro de Nova Zelandia é o Xefe do Goberno e, por convención, o líder parlamentario do partido do Goberno. O goberno de Nova Zelandia é responsable do Parlamento de Nova Zelandia do cal xorden os seus membros. Todos os Ministros deben ser membros do Parlamento.[6]
As eleccións xerais celébranse cada tres anos, sendo a última no 2011 e a próxima en setembro de 2014. O Primeiro Ministro é o líder do Partido Nacional de Nova Zelandia, John Key.[6]
Poder Lexislativo
[editar | editar a fonte]O parlamento de Nova Zelandia é o representante do poder lexislativo e está conformado polo soberano (representado polo gobernador xeral) e a Cámara de Representantes. Desde 1950 o parlamento consta dunha soa cámara; anteriormente tamén existía unha cámara alta, coñecida como o Consello Lexislativo. A supremacía da Cámara de Representantes sobre o soberano foi establecida en Inglaterra pola Carta de dereitos de 1689, a cal foi ratificada como lei en Nova Zelandia. A Cámara de Representantes é elixida democraticamente e desta fórmase un goberno do partido ou coalición que posúe a maioría dos escanos. Se non hai ningunha maioría pódese formar un goberno de minoría se se obtén o apoio doutros partidos a través de votos de confianza. O gobernador xeral nomea os Ministros da Coroa baixo o asesoramento do primeiro ministro, que é por convención, o líder do partido ou coalición gobernante, é dicir, coa maioría no parlamento[7]. O gabinete, encabezado polo primeiro ministro, é o máximo órgano de formulación de políticas e consiste na maioría dos Ministros da Coroa[8].
Case todas as eleccións parlamentarias xerais entre 1853 e 1996 celebráronse por sufraxio directo[9]. A única elección sen voto directo foi a de 1908, cando se utilizou un sistema con segunda volta[9]. Desde 1930 as eleccións estiveron dominadas por dous partidos políticos: o Partido Nacional e o Partido Laborista. As críticas ao sistema de sufraxio directo comezaron na década de 1950 e intensificáronse despois de que o Partido Laborista perdese as eleccións de 1978 e 1981, malia ter máis votos que o Partido Nacional[10]. En 1992 celebrouse un referendo consultivo para cambiar o sistema de votación, o que conduciu a un referendo vinculante durante as eleccións de 1993[10]. Elixiuse unha forma de representación proporcional, chamada representación proporcional mixta, a cal continúa ata a data. Baixo este sistema, cada persoa ten dereito a dous votos: un decide os 65 asentos electorais (incluíndo sete reservados para os maorís) a través de sufraxio directo, e o outro é para elixir un partido político. Os restantes 55 asentos son asignados para que a representación no parlamento reflicta os resultados do segundo voto. Un partido ten que obter o 5 % dos votos totais para ser elixible a ocupar un dos 120 escanos do parlamento.
Poder Xudicial
[editar | editar a fonte]Nova Zelandia ten catro niveis xudiciais:
- A Corte Suprema de Nova Zelandia.
- O Tribunal de Apelacións.
- O Tribunal Superior.
- Os Tribunais inferiores.[11]
Unha vez que Nova Zelandia se converteu nunha colonia da coroa, xa non estaba baixo a xurisdición da Corte Suprema de Nova Gales do Sur, cuxa autoridade no país terminou o 22 de decembro de 1841[12]. O primeiro xuíz do poder xudicial neozelandés foi designado tres semanas máis tarde. O poder xudicial está conformado polos xuíces e funcionarios xudiciais que son nomeados baixo normas estritas en canto ao seu exercicio e non politicamente, co fin de manter a independencia constitucional do goberno. Isto teoricamente permite interpretar a lei baseándose nas políticas aprobadas polo parlamento sen outras influencias sobre a súa decisión[13]. Ata 2004 o Consello Privado do Reino Unido en Londres, era a corte final de apelación, pero foi abolida e substituída pola Corte Suprema de Nova Zelandia, que é agora a corte máis alta no país. O poder xudicial inclúe tamén o Tribunal de apelación, o Tribunal superior e os tribunais inferiores. O xefe da xudicatura é o presidente do Tribunal Supremo, actualmente ocupado por Sian Elias[14].
As fontes do Dereito neozelandés son a Common Law inglesa, algúns estatutos do Parlamento británico aprobados antes de 1947 (especialmente a Bill of Rights de 1689), e os estatutos do Parlamento de Nova Zelandia. Os tribunais interpretan a lei do mesmo xeito que os tribunais ingleses e teñen xurisdicións similares.[14].
Partidos políticos en Nova Zelandia
[editar | editar a fonte]O primeiro partido político de Nova Zelandia fundouse en 1891, e o seu rival principal no 1909; desde entón e ata a Reforma política de Nova Zelandia de 1992, que supuxo un cambio no sistema electoral do país, Nova Zelandia tivo un sistema bipartidista. Desde entón, Nova Zelandia ten un sistema no que participan máis partidos políticos, con oito partidos representados desde 2011 no Parlamento. Ningún dos dous grandes partidos foi quen de gobernar sen formar coalición desde 1996.
Os principais, e máis antigos, partidos de Nova Zelandia son o Partido laborista e o Partido Nacional.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Simon Collins (2005). "Women run the country but it doesn't show in pay packets". The New Zealand Herald (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ The Royal Household. "The Queen and the Commonwealth > Queen and New Zealand". Queen's Printer. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2019. Consultado o 31 December 2009.
- ↑ Isabel II (13 de decembro de 1986). Constitution Act, 1986. 2.1. Wellington: Queen's Printer for New Zealand. Consultado o 30 de decembro 2009.
- ↑ Cabinet Office 2008, p. 3
- ↑ "Cabinet Manual 2008: Executive Council". Cabinet Office. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2011. Consultado o 8 de xaneiro de 2011.
- ↑ 6,0 6,1 "Key announces shape of new National-led government". National Business Review. November 2008. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 29 de abril 2010.
- ↑ Parlamento de Nova Zelandia (2006). "How Parliament works: People in Parliament". Parliament.nz (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2011. Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ John Wilson (2010). "Government and nation - System of government". Te Ara - Enciclopedia de Nova Zelandia (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ 9,0 9,1 "First past the post - the road to MMP". New Zealand History.net.nz (en inglés). 2009. Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ 10,0 10,1 "From FPP to MMP". Elections.org.nz (en inglés). 2006. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2010. Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ "New Zealand criminal court system". Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2011. Consultado o 28 de marzo de 2014.
- ↑ A. H. McLintock, ed. (2009). "Judiciary, from An Encyclopaedia of New Zealand". Te Ara - Enciclopedia de Nova Zelandia (en inglés). Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ Ministerio de Xustiza (2009). "The Judiciary". Justice.govt.nz (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2010. Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
- ↑ 14,0 14,1 "The Current Chief Justice". Courts of NZ.govt.nz (en inglés). 2005. Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2011. Consultado o 31 de xaneiro de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Nova Zelandia
- Misións diplomáticas de Nova Zelandia
- Organización territorial de Nova Zelandia
- Reinos da Commonwealth de Nacións