Placa celular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Esquema da placa celular en proceso de formación. PC= placa celular en formación, F= fragmoplasto, AG= aparato de Golgi, V= vesículas, N= núcleo.
Formación do fragmoplasto e da placa celular durante a citocinese da célula das plantas. Esquerda: Fórmase o fragmoplasto e a placa celular empeza a ensamblarse no centro da célula. Cara á dereita: O fragmoplasto aumenta de tamaño tomando forma de donut cara á periferia da célula, deixando detrás no centro a placa celular madura incompleta. A placa celular transfórmase na nova parede celular ao completarse a citocinese.

A placa celular é unha estrutura que se forma ao final da división celular das células das plantas e algunhas algas, propia da citocinese, que é a precursora da parede divisoria que separará as dúas células fillas.[1]

A citocinese nas plantas ten lugar por medio da formación dun fragmoplasto, que é un conxunto de microtúbulos e vesículas que se sitúan no centro da célula, e a construción nese lugar dunha placa celular. Os microtúbulos do fragmoplasto axudan a dirixir as vesículas cara ao centro e alí estas fusiónanse, vertendo o seu contido e formando a unha estrutura discoidal rodeada de membrana, que é a parede celular precoz. As vesículas evaxináranse do aparato de Golgi ou eran vesículas endosómicas e van cargadas dos precursores dos compoñentes da parede celular. Cando se liberan estes compoñentes, polimerízanse formando pectinas e hemicelulosas e outros compoñentes da parede celular primaria.[2] A dependencia que ten a formación da placa celular do material que traen as vesículas procedentes do aparato de Golgi fan que este se manteña secretoriamente activo durante a división celular, a diferenza do que ocorre na célula animal. Porén, algúns estudos atoparon que nalgunhas especies, ademais do material das vesículas de Golgi, utilízase na formación da placa celular tamén material de vesículas endocíticas que traen material da superfice celular, como material da parede ou da membrana plasmática.[3]

A inicialmente lábil placa celular consolídase despois formando unha rede tubular e finalmente unha lámina fenestrada. Unha vez que xa hai placa celular formada no centro da célula, o fragmoplasto móvese cara á periferia e engade nova placa aos bordos, que desta maneira van crecendo cara á parede celular parental, á que finalmente chegará e se fusionará con ela, orixinando unha parede divisoria completa e finalizando a citocinese.[2]

Unha vez que a placa celular atingue e se fusiona coa parede celular parental, desaparece o fragmoplasto. Este evento non só significa a separación definitiva das células fillas, senón tamén a transformación bioquímica da placa, inicialmente flexible e rica en calosa[4], nunha placa máis ríxida na que se depositan microfibrilas de celulosa, que son propias da parede celular primaria.

A placa celular está perforada xa desde o momento da súa formación e esas perforacións son as que orixinan os plasmodesmos que conectarán a célula da planta coa súa veciña. Nos plasmodesmos quedan atrapados túbulos do retículo endoplasmático, que pasan dunha célula á outra.[2]

A placa celular fórmase nun plano perpendicular ao fuso mitótico, que nas células vacuoladas está marcado polo fragmosoma. Os puntos de fusión da placa celular coa parede son os marcados pola banda da preprofase, formada por microtúbulos pegados á membrana plasmática que se forman ao inicio da división e que despois desaparecen.

Historia[editar | editar a fonte]

O termo placa celular foi utilizado por Strasburger[5] en 1875, o cal tamén se deu conta que se orixinaba dentro dun sistema de fibrilas, que máis tarde Errera [6], en 1888, chamaría fragmoplasto. A idea de que a placa se formaba por fusión de vesículas xa a formulou Becker en 1932[7]. Os detalles do proceso non se coñeceron ata que se empezou a utilizar o microscopio electrónico.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Science Dictionary". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2013. Consultado o 19 de xaneiro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. (1986). Páxinas 711-713. ISBN 84-282-0752-6.
  3. Dhonukshe P, Baluska F, Schlicht M, Hlavacka A, Samaj J, Friml J, Gadella TW Jr. Endocytosis of cell surface material mediates cell plate formation during plant cytokinesis. Dev Cell. 2006 Jan;10(1):137-50. PMID 16399085. [1]
  4. Hong Z, Delauney AJ, Verma DP. A cell plate-specific callose synthase and its interaction with phragmoplastin. Plant Cell. 2001 Apr;13(4):755-68. PMID 11283334 [2]
  5. Strasburger, E. (1875). Über Zellbildung und Zellteilung. (Jena, Germany: Fischer).
  6. Errera, L. (1888). Ueber Zellformen und Seifenblasen. Beihefte z. Botan. Zentralblatt. 34, 395–398.
  7. Becker, W.A. (1932). Recherches expérimentales sur la cytocinèse et la formation de la plaque cellulaire dans la cellule vivante. C. R. Acad. Sci. Paris 194, 1850–1852.
  8. José M. Seguí-Simarro, Jotham R. Austin, II, Erin A. White, and L. Andrew Staehelin. Electron Tomographic Analysis of Somatic Cell Plate Formation in Meristematic Cells of Arabidopsis Preserved by High-Pressure Freezing. Plant Cell. 2004 April; 16(4): 836–856. doi: 10.1105/tpc.017749. [3]